Na madrugada do venres 8 ao sábado 9 de xuño de 2012, o Fondo Monetario Internacional adiantou os resultados do seu informe sobre a banca española. "Nun escenario desfavorable", os bancos "máis grandes" estarían "suficientemente capitalizados como para resistir novas deterioracións", pero "varios bancos necesitarían incrementar as reservas de capital en arredor de 40.000 millóns de euros", advertía.
"Non ten nada que ver cun rescate", afirmara o ministro de Economía. Non ten "condicionalidade" e os bancos terán que "devolver" os cartos "no seu momento", dixera Rajoy
Era a pinga que faltaba. O Eurogrupo, que xunta os responsables dos ministerios de Economía e Finanzas da Zona Euro, reuniuse de urxencia por videoconferencia, unha dinámica que virou habitual coa pandemia pero que hai unha década era de seu sinónimo de alerta máxima. Do encontro saíu a decisión de poñer ata 100.000 millóns de euros á disposición do Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB), o ente creado en tempos de Zapatero -previo acordo co PP- para sanear as entidades financeiras con problemas.
"Isto non ten nada que ver cun rescate", apresurouse en afirmar o daquela ministro de Economía, Luis de Guindos. Tratábase dun "mecanismo extremadamente positivo" que, agregaba, non implicaba condición ningunha fóra dos propios bancos. Ao día seguinte, antes de viaxar a Polonia para asistir ao primeiro partido da selección española de fútbol na Eurocopa, Mariano Rajoy comparecía con solemnidade dende La Moncloa para definir o acordado como "liña de crédito" sen "condicionalidade ningunha" e que as entidades financiadas terían que "devolver no seu momento". Non era un "rescate" e "non ten sentido dicirlle á xente mentiras", concluíu. Apenas un mes despois, o Eurogrupo comezaba a facer fluír os cartos e confirmaba que si habería condicións.
Da "magnífica noticia" para Novagalicia Banco á venda a Banesco
Dende Galicia, o rescate bancario observábase con atención por un duplo motivo. Polas consecuencias que ía ter en termos de recortes orzamentarios xerais, pero tamén polo que ía acontecer con Novagalicia Banco (NCG Banco), o banco de nova creación que asumira o negocio financeiro de Novacaixagalicia, entidade resultante da fusión de Caixa Galicia con Caixanova, operación impulsada pola Xunta -esgrimindo, entre outras vías, unha "auditoría" encargada por 1 millón de euros que resultou non ser tal- e avalada polo Banco de España.
O rescate de Novagalicia Banco custou uns 9.400 millóns de euros públicos dos que o Banco de España deu por perdidos máis de 8.600
Naquela altura, Novagalicia xa estaba intervida polo Estado a través do FROB nun 97% e, nun primeiro momento, a Xunta considerara o rescate como unha "magnífica noticia", en verbas do daquela conselleiro Alfonso Rueda. Segundo Alberto Núñez Feijóo, achegaba máis a posibilidade de que Novagalicia tivese "un futuro propio".
A finais de ano, Novagalicia transfería á Sareb (o banco malo creado polo Estado) 5.096,9 millóns de euros en activos inmobiliarios considerados tóxicos (dende pisos e terreos a hipotecas impagadas) como parte do proceso para recibir 5.425 millóns de euros do rescate europeo. A operación tamén tiña outras condicións: despedir ata 2.500 persoas, pechar sucursais, desfacerse do groso da súa rede fóra de Galicia -que xa operaba baixo a marca EVO- ou impoñer que as persoas afectadas polas participacións preferentes perdesen boa parte dos seus cartos. Antes xa recibira 1.162 millóns de axudas públicas para a fusión (2010) e outra achega de 2.465 millóns (2011).
A condición que, no caso da entidade herdeira das antigas grandes caixas galegas, era prioritaria sobre todas as demais é que tería que ser privatizada o antes posible. O Goberno de Rajoy confirmou que así o faría, mentres o FROB advertía da absoluta irrelevancia das preferencias da Xunta no proceso. Ano e medio despois o FROB ratificaba que os restos das grandes caixas galegas chegaran á fin da súa escapada: o gañador da poxa era o grupo bancario venezolano Banesco, que puña para a compra 1.003 millóns de euros e, a continuación, transformou Novagalicia na actual Abanca.
No conxunto do rescate financeiro perdéronse uns 42.000 millóns públicos, segundo estimou o Banco de España
Daquela, en cifras redondas, quedaran sen cubrir máis de 8.000 millóns de euros, o que faltaría para compensar o total de axudas públicas recibidas pola entidade fusionada. Os cartos que, segundo Rajoy, ían ser devoltos "no seu momento". Apenas media década despois, en 2019, Abanca xa lograra sumar beneficios equivalentes ao triplo do que lle custra mercar Novagalicia.
Nos anos seguintes, o propio FROB e mais o Banco de España afinaron máis as cifras. Segundo o balance realizado polo regulador con datos de finais de 2018, o rescate de Novagalicia Banco custara 10.350 millóns de euros dos que se recuperaran 1.073. O groso do achegado foran axudas públicas (9.404 millóns) e o groso do perdido, tamén (8.621 millóns). Os restantes 946 millóns, dos que se recuperaran 656, eran cartos privados (fundamentalmente, do Fondo de Garantía de Depósitos).
Abrindo o foco, a factura do rescate bancario calculada polo Banco de España daquela -antes da privatización de Bankia- elevábase por riba dos 65.000 millóns de euros. Deles, 42.642 millóns de euros non recuperados correspondíanse con fondos públicos, segundo a mesma fonte oficial.
Investigación conxelada, caso pechado
O PP accedeu a abrir a comisión de investigación das caixas por primeira vez en 2013, mantívoa parada cinco anos e actualmente leva máis dun ano sen realizar un só trámite
O rescate ou "liña de crédito" tivo as súas derivadas políticas tanto en Galicia como a nivel estatal. No caso galego, a máis concreta foi a apertura dunha comisión de investigación no Parlamento para pescudar nas responsabilidades da Xunta na supervisión das entidades e no seu impulso á fusión. Tamén para afondar en cuestións como a veracidade das contas de Caixa Galicia e Caixanova ou nas indemnizacións millonarias de varios dos seus antigos directivos, algúns dos cales acabaron no cárcere en 2017 por esta razón.
O PP negouse a permitir esa comisión de investigación durante toda a primeira lexislatura con Feijóo na presidencia. Finalmente, accedeu a abrila na primavera de 2013, pero paralizou os traballos no outono do mesmo ano e durante todo o seguinte ciclo electoral.
Nas seguintes lexislaturas, os populares accederon a abrir a comisión dúas veces máis. A última foi tras os comicios galegos de 2020, cando xa pasaran sete anos dende a primeira apertura, cinco dos cales estivera completamente paralizada. Na actualidade, esa comisión de investigación segue formalmente aberta, pero non realiza trámite ningún dende mediados de decembro de 2020 e, malia ás súas reclamacións por reactivala, tanto BNG como PSdeG dan por feito que o PP a manterá inactiva no que resta de lexislatura.