O luns, 28 de xuño de 2010, Caixa Galicia e Caixanova reuniron a cadanseus consellos de administración nda Coruña e Vigo para daren o seu visto e prace ao "documento definitivo do plan de integración" de ambas entidades. Estaba oficialmente en marcha a fusión definitiva das grandes caixas de aforros do país, que á súa vez xa eran produto doutras unións e absorcións -de ata cinco entidades previas, na caixa do norte e de tres, na do sur-. Tamén deran, aínda que ninguén o lera publicamente dese xeito naquela xornada, o primeiro paso que precipitaría o rescate da caixa resultante da fusión con ata 9.000 millóns de euros públicos perdidos.
O 28 de xuño de 2010, os consellos de Caixa Galicia e Caixanova aprobaron definitivamente o seu "plan de integración", impulsado pola Xunta como vía para garantir a "solvencia" e a "galeguidade" do que despois sería Novacaixagalicia
Ambas entidades sinalaban que precisarían algo máis de 1.162 millóns de euros do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria -creado polo Estado para estes procesos- para acometer unha unión que, aseguraban, sería rendible en pouco tempo que suporía pechar unhas 300 oficinas, apenas 200 en territorio galego. Culminaba así a primeira parte dun proceso que ambas entidades emprenderan apenas tres meses antes "oficialmente" e no que a Xunta inserira a sinatura da daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, para deixar claro que era peza clave no impulso da operación. Apenas un día despois, o Banco de España aprobaba a fusión que catro meses despois consideraría inviable.
Alén das fotografías para escenificar momentos históricos ou das reiteradas apelacións á "solvencia" e mais á "galeguidade" da caixa que ía nacer da unión de ambas entidades, o Goberno galego estivo no centro do escenario da fusión esgrimindo, sobre todo, un documento. O que o 20 de xaneiro daquel ano presentara como unha "auditoría externa encargada pola Xunta de Galicia" á consultora internacional KPMG que "avala a solvencia da fusión", dixera a Xunta.
En realidade, como transcendería posteriormente e como a propia KMPG reiteraría en público nos anos seguintes, a consultora nunca realizou unha auditoría nin "avalou" a fusión. Tratábase dun informe que "en ningún caso era unha auditoría" e que "non recomendaba a fusión" que acabou celebrándose, tal e como advertiu no Parlamento e no Congreso dos Deputados un dos executivos que o elaborou. Si incluía unha "recomendación", pero non era fusión paritaria, senón "a absorción de Caixa Galicia por parte de Caixanova".
Para avalar a operación, a Xunta esgrimiu o que presentou como "auditoría" da empresa KPMG e que realmente non era tal, senón un informe acelerado que non recomendaba a fusión polo que o Goberno galego pagara 1 millón de euros
Aquel diagnóstico "acelerado" chegara tras unhas semanas que fixeran honra a tal adxectivo. Tal foi así que cando a Xunta contratou a realización do informe, KPMG xa levaba 20 días facéndoo. "Inicialmente estaba previsto" que o encargo o sufragasen as propias caixas, pero a causa das "discrepancias" doutros informes que encargaran por separado e que chegaran a "conclusións contrapostas", o Goberno galego decidiu asumir o custo. Para facelo, o 30 de decembro de 2009 autorizou no Consello da Xunta o gasto dun millón de euros neste informe, tal e como acredita unha certificación asinada por Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda. Aquel acordo do Consello non fora feito público.
Tras aqueles acordos do 28 de xuño de 2010, a integración xa estaba en marcha, pero antes da súa sinatura definitiva produciríanse acontecementos transcendentes. Por exemplo, a retirada do escenario de José Luis Méndez. Entre presións do Banco de España, o director xeral de Caixa Galicia anuncia a súa xubilación. Segundo diversas fontes, aquel retiro implicou uns 18 millóns de euros, cantidade que Méndez se negou a confirmar publicamente sempre que foi cuestionado ao respecto. A última vez, en maio de 2018, cando tamén asegurou ante o Congreso non lembrar que Caixa Galicia perdoara 1,8 millóns en créditos ao PP nos anos 90.
A finais de 2010 nace oficialmente Novacaixagalicia, que apenas medio ano despois se ve abocada á bancarización e ao rescate por parte do Estado
Na liña do aprobado hai agora unha década, o 29 de novembro daquel mesmo 2010 ambas entidades rubrican a escritura da súa fusión nun acto solemne encabezado por Núñez Feijóo. Nacía a Caixa de Aforros de Galicia, VIgo, Ourense e Pontevedra. Ao día seguinte presentan a súa nova marca e imaxe corporativa, Novacaixagalicia, que ten como primeiro copresidente a Julio Fernández Gayoso, veterano presidente de Caixanova e antes, de Caixavigo.
Pero as celebracións apenas durarían medio ano. A crise económica xeral non paraba de golpear e de pouco serviran os pronunciamentos públicos da entidade para asegurar que o seu risco en sectores como o inmobiliario era moi inferior á media do sector. A mediados daquel ano 2011, as novas esixencias da lexislación estatal xa provocaran a inxección doutros mil millóns de euros públicos en Novacaixagalicia, que se vía empurrada a transferir o seu negocio bancario a unha entidade de nova creación, Novagalicia Banco, a mesma que será definitivamente rescatada polo Estado a finais de ano con outros 2.465 millóns.
A entidade pasaba a a ser pública de facto, pero o novo Goberno de España, presidido por Mariano Rajoy, ratifica a súa intención de vendela "o antes posible" nun escenario no que a Xunta xa asume que, coa bancarización, perdeu calquera capacidade de influencia sobre o destino da entidade máis alá de ofrecer a súa "opinión" ao respecto. Ao tempo, a crise económica recrúa e tamén o fan conflitos como os das preferentes, con milleiros de persoas procurando recuperar os seus cartos mentres a nova directiva de Novagalicia Banco, encabezada polo executivo José María Castellano, admite que precisa 6.000 millóns de euros do rescate bancario que as autoridades da UE concederan a España para poder seguir adiante. Nos últimos días do ano, o FROB aproba unha inxección de 5.425 millóns de euros.
A historia de Novacaixagalicia e Novagalicia Banco como tales non finalizaría ata un ano despois, cando o Estado culminou a súa venda por uns 1.000 millóns de euros ao grupo venezolano Banesco. Cos restos das caixas, Banesco creou Abanca, entidade que a comezos deste ano xa sumara en beneficios máis do triplo do que lle custara mercar Novagalicia Banco.
O Banco de España calculou a finais de 2019 que 9.000 millóns públicos destinados ao rescate de Novacaixagalicia nunca serán recuperados
Polo camiño quedaron máis de 9.000 millóns de euros públicos -segundo cálculos efectuados polo Banco de España en 2019- que nunca serán recuperados e dúas entidades que, durante décadas, foran produto das achegas de milleiros de pequenos aforradores de Galicia. Algúns dos ex-directivos pasaron fugazmente polo cárcere por mor do caso das indemnizacións millonarias mentres os feitos que arrodearon aquela fusión seguen inzados de puntos escuros. Mostra disto é, por exemplo, que hai escasos días o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou a Xunta por non entregar documentos sobre as súas decisións na fusión ao Parlamento, onde a comisión de investigación sobre as caixas aberta por primeira vez en 2013 acumula tres anos de paralización total.