O 29 de xuño de 2010 o Banco de España dáballe publicamente o seu visto e prace á fusión das caixas galegas. Nun comunicado, o regulador difundía que a súa Comisión Executiva viña de "aprobar o plan de integración presentado por Caixanova e Caixa Galicia". "A xuízo do Banco de España, este proxecto cumpre os criterios de solidez e racionalidade económica que se han de esixir a este tipo de operacións". Apenas catro meses despois, o 25 de outubro do mesmo ano, o daquela gobernador da institución, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, xa non o vía tan claro. Iso é, cando menos, o que lle transmitiu á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) segundo o relato do seu presidente, Antonio Fontenla.
Fontenla incluíu esta revelación, case de pasada, na súa exposición ante a comparecencia que investiga no Parlamento o acontecido coas malogradas caixas galegas, na que compareceu este martes. O xefe da patronal lembra que Fernández Ordóñez "tiña concertada unha visita ao Club Financiero de Vigo" e "díxonos que quería ter unha xuntanza con nós". Os dirixentes empresariais "considerámonos felices" porque "ía ser unha reunión coa propia CEG" e "aí nos dixo que a fusión non funcionaba, que había que ir polo tema do SIP", isto é, unha das coñecidas como 'fusións frías'. Concretamente, naquela xuntanza "falouse de que era totalmente inviable este tema"-a fusión-. "Quería que fosen cun SIP", abonda.
Fernández Orzóñez "díxonos que a fusión non funcionaba, que había que ir polo tema do SIP", di Fontenla
No marco dunha pechada defensa da, ao seu xuízo, maior "eficiencia" do sector privado a respecto das Administracións públicas e dunha explicación sobre o seu cambio de postura a respecto da fusión -inicialmente era contrario a ela-, Fontela achegou tamén o seu testemuño a respecto doutro dos temas máis recorrentes da comisión: as preferentes. "Houbo empresarios ou persoas que quixeron mercar preferentes" porque "nos primeiros tempos" foron presentadas polas entidades como "algo marabilloso". Pero despois "cambiáronse" por preferentes "imposicións de xente que non tiña preparación". "Houbo presións sobre clientes das caixas", tamén sobre empresarios, asegura.
"Refinanciábante e recomendábanche que mercases unhas preferentes"
Neste contexto, o presidente da CEG describe un panorama no que, en plena crise, xa non era doado conseguir crédito e os empresarios se dirixían ás caixas á procura de financiamento. Nalgúns casos "te refinanciaban", pero "ao mesmo tempo recomendábanche que mercases unhas subordinadas ou unhas preferentes". Mostra de que esas colocacións se fixeron baixo presión, di, é que "non se explica que ninguén que precis cartos para financiarse" decida "mercar produtos arriscados e tan raros" como as preferentes ou as subordinadas.