Novagalicia, que pide 6.000 millóns do rescate, confía en devolver o estafado coas preferentes

Oficina de Novagalicia Banco CC-BY-SA Merixo

"O maior custo é reputacional, que é o que tarda máis en recuperarse". O presidente de Novagalicia Banco, José María Castellano, resume deste xeito unha das súas principais preocupacións. A entidade resultante da fusión das antigas caixas de aforro e da súa posterior bancarización perdeu clientes e cartos nos últimos tempos, como "todas as entidades", algo que "ten un custo" mais "é recuperable". Pero a súa imaxe está seriamente danada. A estafa das preferentes, as indemnizacións dos antigos directivos, as aventuras inmobiliarias e un longo etcétera de alegrías propias dos anos de suposta abundancia estouraron tras unha fusión presentada como idílica que rematou en fiasco e perdas. Por todo isto a cúpula da empresa vén de lanzarse á procura do lavado da imaxe. Unha "nova etapa" que comeza cunha intensa campaña  publicitaria protagonizada polo propio Castellano e o seu conselleiro delegado, César González-Bueno, protagonistas tamén dunha medida comparecencia ante os medios de comunicación, este xoves en Santiago.

Castellano e González-Bueno amosan agora certeza "absoluta" de que Novagalicia Banco continuará en solitario

En mangas de camisa, con xesto relaxado e exercitando unha práctica cada vez menos común nas altas esferas, contestar ao que se pregunta, Castellano e González-Bueno empezaron "por pedir perdón" e, á marxe dos xestos, deixaron sobre a mesa algúns datos substanciosos, a comezar polos cartos aos que aspira Novagalicia dentro do rescate bancario. Tras o baile de cifras dos últimos meses Castellano confirma que "pedimos 6.000 millóns de euros" que "cubrirían con exceso as necesidades dos dous decretos", isto é, os requisitos dos dous saneamentos bancarios estipulados polo Goberno central a instancias europeas. Así e todo, esa petición non ten por que chegar íntegra, "a cantidade determinarase en setembro", admite González-Bueno, sempre de acordo cos ritmos marcados no memorando do rescate -documento no que o Eurogrupo fixa as condicións do mesmo-.

Esta petición prodúcese nun contexto no que, ao contrario do que viña acontecendo, os dirixentes de NCG Banco amosan agora certeza "absoluta" a respecto da súa continuidade en solitario, á marxe de poxas ou liquidacións. "Para que liquidalo?", pregúntase Castellano. "Os cartos son de todos, para que vendelo por un euro, para que perder cada español 1.000 ou 2.000 euros se hai outro camiño máis rendible económica e socialmente que é mellor para todos?". Porque, unha vez cumpridos os requisitos do rescate e inxectados os cartos, os xestores do banco confían en que este sexa "rendible" en pouco tempo, mesmo chegando a ser "o mellor" dos bancos xurdidos dunha fusión de caixas, con investidores estranxeiros que acheguen cartos pero tamén "experiencia" para sacar adiante a compañía. Isto farase como Novagalicia Banco en Galicia e como EVO no exterior. Esta segunda marca, din, non entrará en negocios empresariais, nin sequera en PEMES, e centrarase na banca por internet.

Solución ás preferentes e investigación

Pero mentres Novagalicia traza estes plans sobre a mesa segue un problema que non entende de memorandos nin de macroeconomía: as reclamacións, por veces desesperadas, das persoas que se senten "estafadas" polas participacións preferentes, os produtos de investimento perpetuos e de alta complexidade que moitos mercaron enganados, pensando que tiñan un simple depósito de aforros. É precisamente a eses clientes estafados aos que se dirixe esencialmente esa petición de "perdón", se ben os colectivos que os representan esixen que as desculpas veñan acompañadas de solucións. "Estamos facendo todas as xestións para devolver eses cartos" e "cremos que imos atopar unha solución aceptable", di Castellano.

"Poderíase dicir que eses contratos non tiñan validez" de cara á devolución dos cartos estafados

Esa confianza chega nun panorama que, admite González-Bueno, se volveu "máis complexo" por mor do rescate, xa que as súas condicións "establecen un reparto de cargas" segundo as cales "os investidores teñen que participar nas perdas", e neste ámbito entran tamén os afectados das preferentes. Non obstante, o conselleiro delegado de NCG Banco ve "claro" que neste caso "hai un argumento adicional", o das persoas que "non sabían claramente o que mercaban" e eran "claramente aforradores, con intención de aforrar e non de investir". "Neses casos poderíase dicir que eses contratos ao mellor non tiñan validez", argumento que, asegura, "está a callar e estase a entender" por parte das autoridades. "É previsible que pola vía xudicial, da arbitraxe ou por algunha vía razoable, se resolvan eses casos", subliña. Nesta liña, avanza que Novagalicia non pensa en recorrer a demanda interposta pola Fiscalía Xeral de Galicia a prol dos afectados: "os intereses do banco non son só opoñerse por interese económico" e "cousas que en principio beneficiarían o banco -evitar as devolucións- en realidade non o benefician".

Neste mesmo sentido, Castellano asegura que "se hai algunha responsabilidade" legal "esixible" a quen "estivo en épocas anteriores", "esixirase" e por iso, malia non entrar "en temas de política", amósase partidario de que "se houbo responsabilidades, que se depuren", tamén pola vía da comisión de investigación no Parlamento de Galicia. "Estamos a favor da transparencia e se iso axuda á transparencia da entidade, a coñecer o pasado e a non caer nos mesmos erros, benvido sexa". El, para comezar, xa será chamado a comparecer no Congreso dos Deputados e así ao fará porque, asegura, "non teño nada que ocultar".

Castellano e César González-Bueno, dirixentes de Novagalicia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.