O Santander terá que devolver 360.000 euros a unha muller en risco de exclusión familia cuxa familia sufriu a estafa das preferentes e dos bonos convertibles
Arredor de 360.000 euros. Esa é a cantidade que o Banco Santander terá que devolver a unha muller en risco de exclusión social cuxa familia sufriu por tres veces a estafa de preferentes e polémicos produtos financieros. A Audiencia de Pontevedra vén de ratificar a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Lalín, que acordara a devolución destes cartos (295.000 euros máis xuros legais) o pasado mes de setembro logo dunha década de loita familiar contra unhas operacións que implicaron o Banco Pastor, o Popular e o Santander.
A historia é unha máis das de milleiros de persoas atrapadas polas preferentes en Galicia, pero paradigmática pola situación de precariedade sufrida pola herdeira afectada, polo dobre engano sufrido e por ter caída na trampa e o engano de diferentes produtos bancarios protagonistas tamén da crise económica de principios de século.
Comeza en Suíza, onde se coñece a parella afectada. Ela, lalinense, e el, andaluz, decidiron asentarse en Lalín logo de anos de emigración e unha vez xubilados. Foi alí, en 2009, onde o pai da muller agora resarcida pola Xustiza mercou preferentes do Banco Pastor con diñeiro ganancial do matrimonio por valor de 295.000 euros. Falece un ano despois, e en 2011, o Banco Popular faise coa entidade galega.
O pai da afectada mercou preferentes do Pastor por 295.000 euros; ao ser absorbido polo Popular, convencen a nai para cambialas por bonos convertibles
O Popular é quen convence a filla e súa nai --herdeiras do pai-- a trocar as preferentes por bonos subordinados que se converterán en accións en 2014. "O que era aforro convértese en ser socio do banco; na familia pasaron de ter produtos de altísimo risco a posuír accións puras, e de ser os penúltimos en poder cobrar a ser os derradeiros", explican desde o despacho de avogados Xoán Antón Pérez-Lema, encargados de levar o caso da muller, residente en Andalucía pero que acudiu a estes letrados especialistas.
Xa que logo, a familia viuse afectada primeiro polas preferentes do Pastor e logo polos bonos subordinados necesariamente cambiables en accións do Popular, máis coñecidos como bonos convertibles. Con este produto, uns 35.000 clientes da entidade en toda España --uns 1.500 en Galicia-- viron como pasaron a ser accionistas do banco en 2015 e a sufrir avultadas perdas. Os bonistas pasaron forzosamente a ser accionistas pagando os títulos a uns 17 euros cando o seu valor real era de tres.
Era o escándalo das outras preferentes, que atrapara a filla do matrimonio xa en 2014 e logo de que en 2012 falecera tamén súa nai. Tivo tempo a amañalo, pero era inviable. "Puido vender as accións en Bolsa, mesmo sacarlles un importante rendemento, pero descoñecía o que era unha preferente ou un bono convertible e nin tan sequera era consciente de que tiña accións", destacan no despacho de avogados. Acabou perdendo moitos cartos para rematar quedando sen nada.
Era mesmo lóxico. "O perfil do investidor era moi semellante ao dos preferentistas, persoas maiores, sen ningún tipo de formación e información respecto ao que asinaban ou investían. Un produto complexo que se contratou pola confianza e porque se vendeu como un investimento seguro", contaba o avogado Carlos Tomé en Praza.gal en 2015. Nin seus pais nin ela eran coñecedores dos produtos que mercaban pero foron convencidos para meter neles os seus aforros.
O Santander adquire o popular e a afectada perde todo o investimento familiar e queda sen os aforros dos pais
Pasado o tempo, o Santander adquire o Popular e os titulares dos bonos perden todo o seu investimento. É daquela cando a afectada, xa con graves problemas económicos, acode en Huelva a unha avogada que lle confirma que quedou sen nada. A letrada contacta co despacho de avogados galego, que é quen asesora a muller para presentar a demanda logo da necesaria adquisición de documentación clave no caso.
A afectada foi a xuízo e o xulgado de Lalín deulle a razón xa en setembro, cunha sentenza que foi apelada pero que vén de ser confirmada pola Audiencia Provincial de Pontevedra. A filla do matrimonio estafado --peón agrícola e en risco de exclusión social-- poderá cobrar eses máis de 350.000 euros que os pais aforraran durante anos na emigración e o Santander terá que asumir tamén as custas procesuais.
O ditame é recorrible ante o Tribunal Supremo, pero o despacho de avogados ve pouco probable que a entidade bancaria actúe ante un proceder que xa foi condenado por altos tribunais e que está a provocoar sentenzas semellantes á de Lalín noutras localidades.