A Audiencia de Ourense ratifica que accionistas do Pastor foron enganados cando o Popular o absorbeu ofrecéndolles a cambio participacións propias con información falsa sobre a súa mala situación financeira
O Banco Popular absorbeu en 2012 o Banco Pastor ofrecendo aos seus accionistas participacións propias con información "falsa" sobre a súa mala situación financeira. O Popular acabou sendo adquirido tamén polo Banco Santander en 2017, que agora vén de recibir unha nova condena a devolver a dúas persoas cartos das súas accións orixinais do Pastor ao considerar desta volta a Audiencia de Ourense que os denunciantes eran máis investidores que accionistas e non lles correspondía a eles pescudar sobre as contas reais do Popular máis alá do folleto aprobado pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), que contiña información “falsa”.
O Santander, que adquiriu en 2017 o Popular, argumentou que os demandantes non probaran adecuadamente que foran enganados, ao que a Audiencia responde lembrando "feitos notorios" sobre a mala situación do Popular cando adquiriu o Pastor
A sentenza feita pública recentemente pola Audiencia de Ourense ratifica outra previa dun xulgado inferior de primeira instancia contra a que recorreu o Santander como herdeiro da responsabilidade de Pastor e Popular. Entre outras cuestións, o Santander argumentou que os demandantes non probaran adecuadamente que foran enganados e considerou que o primeiro xulgado cometera unha “incorrecta aplicación das regras sobre a carga da proba”. O banco defendeu “a corrección da situación contable contida no folleto da oferta pública [do cambio de accións do Pastor polo Popular] e a solvencia da entidade”
Fronte a esa alegación, a Audiencia de Ourense non só valida as peritaxes achegadas polos demandantes senón que cita outros varios procedementos xudiciais contra o Popular así como informes do Banco de España posteriores á absorción que constataron que a información contida no folleto de emisión de accións non reflectía a mala situación financeira da entidade.
A Audiencia lembra que os folletos de emisións de accións son supervisados pola CNMV só para verificar que se achega a documentación e información esixida, “pero non controla a veracidade intrínseca da información económico contable achegada polo emisor”. Ante esa situación, a Audiencia considera que “non é admisible que divulgándose un folleto informativo, uns datos esenciais sobre a situación financeira e os riscos da emisora, se impoña ao investidor o labor de investigación ou comprobación de tales datos como premisa para posteriormente decidir sobre o seu investimento”.
O tribunal considera que para atender as alegacións do Santander debera ser esta entidade a que demostrase a fiabilidade do folleto fronte a todos os “feitos notorios” en contra sobre a mala situación do Popular.