Abanca rematou o ano 2019 cun beneficio neto de 405 millóns de euros. Ou, o que é o mesmo, cun crecemento de case un 7% con relación ao que gañara en 2018, cifra que se situou en 380 millóns de euros en virtude do novo método de cálculo aplicado na compañía tras a súa reestruturación -a absorción interna de Abanca Holding Financiero por parte de Abanca Corporación Bancaria- e que hai doce meses fora de 430 millóns de euros.
O beneficio acumulado nestes seis anos practicamente triplica o desembolso de Banesco para adquirir Novagalicia Banco, entidade resultante do rescate da fusión de Caixa Galicia e Caixanova
Os resultados dados a coñecer este 4 de febreiro achegan as ganancias acumuladas entidade aos 3.000 millóns de euros. Son, concretamente, 2.973 millóns ata agora, practicamente o triplo do que o venezolano Banesco pagou na poxa organizada polo Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) para desfacerse de Novagalicia Banco, a entidade resultante de fusionar e rescatar con case 9.000 millóns de euros de fondos públicos as desaparecidas Caixa Galicia e Caixanova. Abanca finalizou ese pagamento xa en 2017.
Segundo a información divulgada pola entidade, Abanca deu superado o pasado ano un volume de negocio de 85.000 millóns de euros, un "fito" nos seus anos de historia. Neste crecemento, especifica, tivo moito que ver a compra da rede portuguesa do alemán Deutsche Bank e da rede española da portuguesa Caixa Geral de Depósitos.
As cifras dos resultados de Abanca afástanse das das antigas caixas e certifícana como "unha das entidades máis saneadas" do Estado
Abanca fixo públicas cifras que afastan a súa imaxe da quebra na que quedaron as antigas caixas e a súa herdeira Novagalicia Banco. Así, subliñan, o nivel de morosidade que soporta volveu caer ata quedar no 2,8%, "un 33% por baixo da media española" e indicadores coma esta permiten afirmar que é "unha das entidades máis saneadas" do Estado.
Esta nova certificación da boa marcha da entidade que preside Juan Carlos Escotet -que a preguntas da prensa defendeu o proxecto de universidade privada que impulsa a través de Afundación, xa avalado inicialmente pola Xunta- chega apenas tres meses despois que o Banco de España certificase a perda de 9.000 millóns de euros en salvar Novacaixagalicia, toda vez que só foron recuperados os devanditos 1.000 millóns da venda a Banesco. A investigación política sobre a fracasada fusión das caixas leva tres anos paralizada no Parlamento.