Na primavera de 2010 as daquela caixas de aforro galegas, Caixa Galicia e Caixanova, xa tiveran que desistir de emprenderen proxectos de unión con entidades foráneas. A Xunta, como revelou no Parlamento o ex director xeral adxunto de Caixa Galicia, Javier García de Paredes, xa deixara claro que "non ía permitir outra alianza que non fose entre as caixas galegas" e ambas traballaban xa no seu plan de integración. Un dos estudos sobre a operación foille encargado ás consultoras Deloitte e Price Waterhouse Coopers e recibiu o nome de Proxecto Breogán, denominación baixo a que, por exemplo, a que ía ser nova caixa fusionada se presentou aos test de resistencia bancaria realizados pola Comisión Europea no verán do mesmo ano. Aquel documento vaticinaba, en esencia, que a unión podería saír adiante.
Ese documento foi un dos manexados polas entidades e a Xunta naqueles días e agora figura entre a documentación que está a abordar o Parlamento no marco da comisión que investiga o acontecido coas caixas. O plan está encadrado nos documentos declarados secretos polo Goberno galego, decisión ratificada na Cámara só cos votos do PP e que AGE decidiu obviar, difundindo os documentos á prensa, acción á que a Presidencia do Parlamento respondeu coa ameaza de interpoñer unha denuncia. Sexa como for, o certo é que eses datos agora comezan, cando menos parcialmente, a ver a luz.
A presentación que as auditoras lles realizaron aos membros do consello de administración das caixas comezaba describindo un entorno no que "o deterioro do ciclo económico anticipa uns anos extremadamente adversos para as entidades financeiras", contexto no que o Banco de España e o FROB, daquela acabado de nacer, avogaban "claramente por unha reeestruturación do sector". Este era o pano de fondo no que, describían, "a administración autonómica manifestou de forma clara o seu apoio" á fusión, "que debe servir como elemento dinamizador dun sector financeiro galego máis forte e mellor posicionado para competir". Todo isto levaba as asesorías a sinalar que "a nova caixa se orienta a crear un grupo financeiro competitivo, sólido e eficiente" que preservaría "os activos diferenciais de cada caixa".
As "principais premisas" da nova entidade
Neste contexto, as empresas asesoras describen as que estaban chamadas a ser "principais premisas para a creación da nova caixa". O que despois desembocaría en Novacaixagalicia estaba chamada a ser a "entidade financeira líder en Galicia e referente en España", con "especial énfase no negocio minorista". Lonxe de prognosticar unha intervención estatal, as auditoras auguraban "capacidade para actuar nos mercados financeiros internacionais" e "dimensión para cometer novos proxectos e negocios", todo isto "garantindo a vinculación territorial da caixa cos seus mercados de orixe, mantendo o compromiso social cos mesmos" e sen "medidas traumáticas" para o cadro de persoal.
O informe explicaba que a entidade estaba chamada a ser "líder en Galicia e referente en España", con "capacidade para actuar nos mercados internacionais"
Nomeadamente, o informe explicáballe ás direccións de Caixa Galicia e Caixanova que se dispuñan a constituír a "sexta caixa de aforros" do Estado por volume de negocio e "unha das dez principais entidades financeiras de España". Neste sentido, Novacaixagalicia tería "potencial de crecemento nos mercados máis relevantes". Fóra de Galicia a caixa fusionada tería como "principais mercados" Madrid e Catalunya, pero tamén a Comunitat Valenciana, segundo o informe, xusto alí onde se concentraba parte do lastre de ladrillo das entidades.
O "impacto" da integración
O informe difundido por AGE tamén se detiña no "impacto" que a fusión tería en ambas institucións financeiras. Así, sinalaban que os peche de oficinas "por solapamento" roldaría as 300 sucursais, quedando con arredor de 1.100 no ano 2015. No que atinxe ao emprego, a proposta pasaba por entre 730 e 760 prexubilacións, ficando o cadro de persoal en arredor de 5.400 persoas. Os "desinvestimentos" estarían no entorno dos 13.000 millóns de euros e "peches e outros" implicarían perder uns 3.800 millóns de volume de negocio. O "aforro" en "gastos xerais de administración", "tecnoloxía", "gastos xerais de rede comercial" e "marketing e publicidade" estaba cifrado no 30%, cunhas "sinerxias" de 73 millóns de euros.
"O plan de negocio permite unha favorable evolución dos principais indicadores financeiros da entidade"
Con todo isto, o documento conclúe que "o plan de negocio establecido permite unha favorable evolución dos principais indicadores financeiros da entidade". "A mellora da eficiencia como consecuencia do proceso de integración está dentro dos parámetros requiridos para acceder a apoios públicos", sinalaba. A caixa, ademais, tiña "sentido estratéxico e económico e permitiría o mantemento dos obxectivos sociais e o compromiso cos territorios orixinarios de cada unha das caixas. O resto é historia.