Vítimas da estafa das participacións preferentes das antigas caixas galegas chegados de toda Galicia (uns seis mil segundo a organización) ocuparon as rúas da cidade, nunha manifestación que tamén criticou a xestión de Goberno central, Xunta e Banco de España.
A marcha finalizou no Obelisco, despois de pasar pola Delegación do Goberno, coa lectura dun manifesto a cargo de Teresa Moure e Miguel Pernas, pero ten previsto desprazarse á Praza de Azcárraga, na casa do presidente de Novagalicia Banco, José María Castellano, onde se fará un xantar con bocadillos de chourizo.
Os milleiros de persoas que participaron na mobilización, convocada pola Plataforma galega de Afectados, repetiron críticas e mensaxes dirixidas aos responsables das entidades financeiras e ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo: "mans arriba isto é un atraco" ou "Non máis corralito".
Os milleiros de persoas que participaron na mobilización repetiron críticas e mensaxes dirixidas aos responsables das entidades financeiras e ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo: "mans arriba isto é un atraco" ou "Non máis corralito"
Na marcha participaron tamén representantes de partidos políticos, coma os nacionalistas Francisco Jorquera ou Xosé Manuel Carril ou o socialista José Luís Méndez Romeu. Jorquera demandoulle ao Goberno central que inste a actuar á Fiscalía Xeral do Estado, e ve "imprescindible" que tanto en Galicia como no resto de España se constitúan comisións de investigación das entidades financeiras. Pola súa banda, Méndez Romeu afirmou que "a solución pasa por que o señor Núñez Feijóo salga en defensa dos cidadáns que están atrapados neste corralito".
A manifestación foi apoiada pola Asociación Galega de Afectados por produtos financeiros, constituída recentemente e que esta semana se reunirá co fiscal xefe de Galicia, Carlos Varela, para tratar toda a problemática derivada do asunto das preferentes. Integran a xunta directiva deste colectivo Manuel Pérez Arias como presidente, Juan Carlos Rodriguez como vicepresidente, Xoán Antón Pérez Lema como secretario e Mª Victoria González como tesoreira.