A finais de 2012, tras as eleccións nas que Alberto Núñez Feijóo revalidou a maioría absoluta por primeira vez, o PP accedeu a que o Parlamento abrise unha comisión de investigación sobre a fusión de Caixa Galicia e Caixanova que dera lugar a Novacaixagalicia, daquela xa convertida na rescatada Novagalicia Banco. A comisión de investigación constituíuse formalmente o 14 de marzo de 2013. Agora, máis de sete anos despois, cinco dos cales estivo bloqueada, vai reabrir por segunda vez entre os ecos do auto da Audiencia Nacional que cuestiona a "obrigada" fusión polo estado ruinoso no que chegou a ela Caixa Galicia.
A segunda reapertura chegará entre os ecos do auto da Audiencia Nacional que cuestiona a "obrigada" fusión polo estado ruinoso no que Caixa Galicia chegou á operación
Os primeiros meses dos traballos, aínda que a Xunta e o PP -coa oposición do resto de grupos- impuxeron o segredo sobre boa parte da documentación que ía manexar a comisión, serviron para facer emerxer feitos como que o que a Xunta presentara como unha "auditoría" da consultora KPMG que "avalaba" a fusión, realmente nin era unha auditoría nin apoiaba a unión de ambas entidades. Tamén para escoitar, por primeira vez en público, a versión dos antigos señores de Caixa Galicia e Caixanova, José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso sobre o acontecido tanto coa fusión como con algunhas das repercusións da súa xestión co máis impacto social, caso das participacións preferentes.
Pero, tras aqueles primeiros meses de actividade da comisión, chegou a precampaña das eleccións europeas de maio de 2014, inicio dun longo ciclo electoral, e o PP decidiu paralizar os traballos da comisión apenas dous meses antes de que o venezolano Banesco se impuxese na poxa organizada polo Estado, logrando mercar Novagalicia Banco por apenas mil millóns tras o rescate de 9.000. A parálise foi recoñecida polo propio PP a finais de 2016, tras revalidar a maioría absoluta por segunda vez. A intención só fora "arrefriar o debate", sinalaran antes de acceder á primeira reapertura da comisión de investigación "co obxecto de rematar os traballos" da anterior lexislatura.
Foi así como o 23 de xaneiro de 2017 a comisión de investigación quedou constituída por segunda vez. Os populares aseguraron desexar un peche rápido e, sen marxe para máis que incorporar algúns novos documentos -entre eles, a sentenza xudicial que levou ao cárcere a algúns dos ex-directivos de Novacaixagalicia polo caso das indemnizacións millonarias-, dous meses despois quedou designado o relatorio encargado de redactar as conclusións.
A comisión de investigación foi constituída por primeira vez en marzo de 2013, pero o PP bloqueouna antes das eleccións europeas de 2014 para "arrefriar o debate", segundo xustificou en 2016; accedeu a reabrila en 2017 e, tras uns poucos meses, volveu ficar paralizada
Pero outra volta chegou a parálise e, dende mediados de 2017 e ata o remate da lexislatura, a comisión apenas serviu para mover uns poucos papeis malia ás recorrentes peticións de toda a oposición. Entre os papeis que se moveron non estaban os reclamados polo agora ex-deputado Antón Sánchez, que acudiu á Xustiza para tentar conseguir documentos clave da intervención da Xunta na fusión, como o informe de quen fora conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, cos argumentos do Goberno galego a prol da operación. O pasado xuño deste 2020, o Tribunal Superior condenaba a Xunta a enviar ao Parlamento eses papeis e o Goberno dixo que o faría, pero iso aínda non sucedeu.
Así chegaron outras eleccións galegas, as do pasado 12 de xullo, e a cuarta maioría absoluta consecutiva dos de Feijóo. A finais do pasado setembro o agora primeiro grupo da oposición, o BNG, rexistrou oficialmente a solicitude para reabrir a comisión e este martes, 13 de de outubro, o PP dixo estar disposto á reapertura, aínda que -como en 2012- rexistrará unha iniciativa de seu que, previsiblemente, será a que saia aprobada no lugar da do Bloque, malia chegar despois.
Denfenden agora os populares, como hai tres anos, que se trata de "retomar os traballos de anteriores lexislaturas" ata "culminalos definitivamente". Segundo o voceiro da formación, Pedro Puy, a intención é "dar conta, informar e achegar un resumo dos distintos feitos que levaron a esta fonda transformación do sistema financeiro" para que "a cidadanía coñeza cal foi a opinión dos distintos actores en cada momento" porque "hai xente que se esquece do que pasaba", dixo en referencia á autorización da fusión por parte do Banco de España, argumento utilizado a pasada semana por Feijóo para desligarse do pronunciamento da Audiencia Nacional.