O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de condenar á Xunta por non entregar ao deputado Antón Sánchez (Común da Esquerda) por "incumprir a obriga" de entregarlle dous documentos que acreditan decisións do Goberno galego para promover a fusión de Caixanova e Caixa Galicia no ano 2010 e facelo sen alegar "ningunha razón fundada en Dereito", vía que o Regulamento do Parlamento permite usar en determinados supostos. Tras a sentenza, na que o alto tribunal galego reprocha o "escaso deber de dilixencia" do Executivo do PP, Alberto Núñez Feijóo asegura que que os papeis serán remitidos e resta importancia en termos políticos ao acontecido.
O Tribunal Superior veu "claro" que a Xunta infrinxiu a Constitución ao non entregar os papeis a Antón Sánchez e condenouna a achegarlle a documentación ou alegar as razóns legais que, de existiren, impidan facelo
Sánchez acudiu ao TSXG en 2018 tras pedir tres veces a través do Parlamento seis documentos sobre a fusión das caixas, os mesmos que viña reclamando sen éxito dende 2013, e despois de que a Xunta deixara caducar o prazo regulamentario de 30 días sen responderlle. Cando o proceso xudicial xa estaba en marcha, o Goberno galego achegou parte dos documentos, pero deixou sen enviar dous. Tratábase dun informe a prol da fusión redactado pola daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás e da acta da reunión da comisión de secretarios xerais da Xunta previa ao Consello da Xunta do 18 de novembro de 2010, que deu o visto e prace definitivo á operación.
O Tribunal viu "claro" que a Xunta quebrantou o artigo 23.2 da Constitución ao vulnerar os dereitos de Sánchez a recibir información como deputado e por iso impuxo a condena. Preguntado ao respecto, Feijóo pon o foco en que o deputado xa tivo acceso a "unha enorme cantidade de documentación" incluída nas "34 caixas" que a Xunta enviou á comisión de investigación sobre a fusión, a aberta por primeira vez en 2013, paralizada dende hai tres anos e cuxas conclusións non chegaron a redactarse. Ademais, subliña, "a sentenza se refire a unha documentación que se pediu no ano 2018".
Feijóo alega que a Xunta "pensa" que "esa documentación" está nas caixas de papeis remitidas en 2013 á comisión de investigación das caixas, paralizada hai tres anos e "no caso de que non estea, vamos a facilitala" ao deputado
"Nós pensamos que esa documentación -en referencia aos devanditos dous documentos- está nas trinta e catro caixas", asegura Feijóo, se ben "vamos a revisalo" e "no caso de que non estea, vamos a facilitala" porque "non hai nada que ocultar en relación coa fusión" que, reiterou, foi "autorizada polo Banco de España". Agrega o presidente da Xunta e candidato á reelección que a sentenza dá ao Goberno a posibilidade de "alegar causa de forza maior ou entregar" a documentación -en realidade, indica que debe remitir os papeis ou "expoñer as razóns fundadas en Dereito que o impidan"- pero "vamos utilizar a opción de entregar os documentos, comprobando antes se están nas caixas" e "estean ou non estean, os vamos a entregar".
Galicia en Común esixe a entrega "inmediata"
Pouco antes de que Feijóo se pronunciase sobre a sentenza a preguntas da prensa, o propio Antón Sánchez instaba a Xunta a "entregar inmediatamente" a documentación se é certo "que non ten nada que ocultar". A xuízo do parlamentario, esa entrega debe producirse "antes das eleccións do 12 de xullo, para que a cidadanía vote sabendo toda a verdade" sobre uns papeis que, subliña, "viña solicitando dende 2013". A esa reclamación sumábase tamén este venres o candidato de Galicia en Común á presidencia, Antón Gómez-Reino.
Antón Sánchez comprométese a "facer pública a documentación en cinco minutos" dende o momento en que a Xunta a envíe
"Vaino entregar ou vai continuar obstruíndo o coñecemento da verdade ata que pasen as eleccións?", pregúntase Sánchez, que se compromete ademais a "facer pública a información en cinco minutos" dende o momento en que a a Xunta lla envíe. Ambos documentos son "fundamentais sobre este proceso e escondéronse" aínda que "xa saibamos que se tratou dun proceso moi turbio" con detalles que "fomos coñecendo con moito esforzo", como que o informe sobre a fusión realizado pola consultora KMPG, cun custo dun millón de euros públicos, realmente "nin era unha auditoría nin avalaba a fusión".