Méndez culpa das preferentes ao persoal de Caixa Galicia e da fusión, a Feijóo

Méndez foi acompañado polo seu avogado (ao fondo, á esquerda) CC-BY-SA Praza Pública

José Luis Méndez, señor de Caixa Galicia durante case tres décadas aínda non dera ningunha explicación sobre as súas responsabilidades na xestión, expansión e caída da gran entidade financeira do norte galego. Cando a caixa que gobernou como se fose súa foi abocada a unha fusión con Caixanova o financeiro aproveitou que facía 65 anos para retirarse do escenario, previo rescate do seu millonario plan de pensións, e ata este vernes non dixo nada en público ao respecto. Polo camiño foi despoxado dos eloxios e honras que lle chovían nos anos das alegrías financeiras. Xa non é fillo predilecto da Coruña nin doutor honoris causa pola Universidade desa cidade e algúns dos políticos que antes se sentían cómodos facendo fotos ao seu carón cuestionárono no Parlamento polo acontecido. El sobrevoou o debate para, esencialmente, liberarse de culpas e repartilas.

Destilando displicencia cara ao órgano parlamentario Méndez aproveitou a súa intervención para tentar convencer a quen o escoitaba que el pouco ou nada sabía do que, admite, é un dos "asuntos relacionados coas caixas de aforros que maior impacto social xeraron", o que "se deu en coñecer como preferentes". Nun discurso en castelán Méndez tentou "ilustrar a actitude de caixa en relación á comercialización" dos produtos que atraparon os aforros de milleiros de persoas lendo unha "circular" interna "sobre cautelas" á hora de colocar as preferentes. Ese documento, di, sinalaba aspectos como que "a decisión de investimento corresponde ao cliente", que "non se pode preguntar ao cliente sobre as súas circunstancias persoais" ou que se lle debe indicar que o produto "ten aspectos positivos e negativos", "sempre" fuxindo do papel de asesor e realizando o correspondente test de conveniencia.

O ex director xeral asegura que fixo "o indicible" para evitar "prexudicar" coas preferentes e descarta "abusos"

Por todo isto Méndez traslada, de facto, toda a responsabilidade ao persoal da caixa. "Non podo concibir casos de abuso ou mala comercialización, agás por incumprimento da normativa" e "non tivemos coñecemento de ningún incumprimento", xa que "en caso contrario promoveríanse as medidas oportunas". El deu "instrucións claras" para "non incorrer" na actual situación, fixo "o indicible para actuar sen prexudicar" na colocación destes produtos, "non houbo tampouco incentivos de ningún tipo" aos traballadores e traballadoras para propiciar a venda. Así as cousas, Méndez non se sente "culpable" e, ante a esixencia de desculpas que lle chegaba dende a bancada parlamentaria, limítase a facer unha reflexión: "Desculpas? Evidentemente que si, porque na vida fanse cousas acertadas e non acertadas. Se nas acertas non hai mala intención pódense pedir desculpas neste caso".

A fusión, lanzada por Feijóo

Méndez estende, de facto, a pechada defensa da súa "boa fe" na emisión de preferentes a todo a xestión á fronte da caixa e, concretamente, á decisión de fusionala. O ex director xeral admite que "había un SIP -as coñecidas como 'fusións frías'- con entidades de fóra da rexión" pero este descartouse cando "o señor presidente", en referencia a Alberto Núñez Feijóo, lle "comunicou" o "acordo do Parlamento" de "manter o centro de decisión" das caixas en Galicia e a aposta do Goberno galego pola unión con Ciaxanova. "Trasladei o contido de dita carta ao consello de administración, que se amosou favorable á fusión das caixas galegas", a cal estaba "avalada" polo Banco de España e pola Xunta, que "coincidían".

Méndez asegura que "descartou" o SIP cando "o señor presidente" lle comunicou a aposta pola unión

Neste contexto, e mentres asegura que non cobrou indemnización ningunha por abandonar a dirección xeral en 2010, Méndez asegura non saber moito máis de case nada. Co seu avogado sentado a escasos metros asegurou descoñecer as negociacións previas á fusión, o "proxecto de integración", "como é posible" que a entidade fusionada perdese 9.000 millóns e mesmo "de que é" na actualidade a amplísima colección de arte que era propiedade de Caixa Galicia. Nin PSdeG, nin AGE, nin o BNG, nin sequera o PP lograron obter grandes aclaracións de quen Francisco Jorquera (BNG) considera "o noso Rodrigo Rato". "Se hai xustiza neste país tería que responder ante un tribunal" por converter a caixa "na cova de Alí Babá", espetoulle Yolanda Díaz, de AGE. Malia todo Méndez igual que chegou, marchou. "Non pretendín ser arrogante, pido desculpas", dixo.

Méndez, ao carón do presidente da comisión CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.