A primeira semana completa do mes de outubro este estraño 2020 comezou entre o estrondo político e informativo procedente de onde case sempre. Entre a omnipresencia de Madrid e todos os asuntos derivados da pandemia apenas quedaron uns poucos ocos para dous feitos que, se cadra, noutro momento e noutro lugar ben serían susceptibles de traer consigo un deses círculos vermellos (🔴) que chaman a atención sobre unha noticia de impacto. Ou mesmo unha exclamación (❗️) das empregadas para saír ao camiño nas redes sociais e pedir atención para un suceso presentado como relevante.
Ambos feitos relevantes viñan escritos en papel timbrado da Audiencia Nacional e viraron en retratos deses señores que percorreron os salóns máis nobres de Galicia con fasquía de intocables
Quixo a casualidade que ambos asuntos procedesen xeograficamente de Madrid, pero -a priori, que chegados a este punto unha afirmación absoluta neste sentido- non esixen mencionar unha soa vez a Isabel Díaz Ayuso nin os membros do seu Goberno que xa campan máis por titulares aquén Padornelo que moitos integrantes do Executivo galego e (xa non digamos) de calquera concello de Galicia. Os dous viñan escritos en papel timbrado da Audiencia Nacional e viraron en senllos retratos dalgúns deses señores que, durante varias décadas, percorreron os salóns máis nobres de Galicia con fasquía de intocables.
Uns deses considerados homes de prol eran os antigos altos directivos das desaparecidas grandes caixas de aforros galegas. Como adiantou Faro de Vigo, a Audiencia tiña que decidir se era competente ou non para abordar un asunto sobre unha malograda operación inmobiliaria de Caixanova en Cangas. O tribunal determinou que o caso ten que regresar a Galicia, pero aproveitou o auto que o certifica para, en pouco máis dun parágrafo, concluír que boa parte do que nos contaran sobre aquela operación era mentira.
"A única razón" pola que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (o mecanismo estatal que canalizou o rescate bancario) foi "pola situación económico-financeira na que se atopaba, en 2010, Caixa Galicia, antes de que se producise a fusión", asegura. "Caixanova nunca sería intervida se non se vise obrigada a fusionarse con Caixa Galicia, dando lugar a Novacaixagalicia", agrega.
"Caixanova nunca sería intervida se non se vise obrigada a fusionarse con Caixa Galicia, dando lugar a Novacaixagalicia", di o auto da Audiencia
Unhas poucas palabras escritas dende a distancia, mesmo con máis contundencia que aqueloutro pronunciamento da propia Audiencia cando, en 2015, advertiu na sentenza que enviou a prisión a algúns dos ex-directivos da entidade fusionada de que Caixa Galicia estaba "en situación de insolvencia" antes da fusión. Caixanova non tiña unha "situación tan grave", pero si "serios problemas de viabilidade".
Nin o auto de 2020 nin a sentenza de 2015 teñen letras que acompasen co lema que, hai agora dez anos, acompañaba o impulso da Xunta á fusión. "Solvencia e galeguidade", repetiuse ata a saciedade dende San Caetano esgrimindo o informe da consultora KPMG que, segundo asegurara o Goberno de Alberto Núñez Feijóo, era unha "auditoría" que "avalaba" a fusión. O documento, que custou un millón de euros públicos, nin auditaba nin avalaba, como afirmaron os seus propios autores.
As contas falsas de Sousa
Esta nova chegaba poucas horas antes de que a Audiencia Nacional fixese público outro documento, neste caso unha sentenza que se estende por máis de 600 páxinas para concluír un proceso de máis de 80.000 folios. Trátase do que concluíu que Manuel Fernández de Sousa, ex-presidente de Pescanova, "planeou" e aplicou unha trama de contas falsas para conseguir financiamento bancario e así "desfigurar a verdadeira situación económica e financeira" da compañía.
Unha "rede de 14 sociedades instrumentais", "relacións comerciais ficticias", "remesas de facturas falsas", compras e vendas de peixe que nunca existiron ou máis de 4 millóns de euros desviados a Portugal para tentar poñelos a salvo da quebra da empresa -sempre segundo a sentenza- son algúns dos destaques dun ditame xudicial que impón a De Sousa oito anos de prisión. Faino por delitos como falsidade, estafa, falseamento de contas ou alzamento de bens.
Todo isto non tería máis relevancia que a económica e empresarial e mais a persoal para os implicados se non fose porque De Sousa foi, durante décadas, outro deses señores intocables. Á fronte de tan emblemática empresa, foino na Galicia de Fraga e tamén na de Feijóo, ata que o entramado colapsou en 2013.
Todo isto non tería máis relevancia que a económica e empresarial e mais a persoal para os implicados se non fose porque De Sousa foi, durante décadas, outro deses señores intocables
Polo medio, nos anos do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, virou en activista contra a Xunta por non lle permitir operacións como a piscifactoría de cabo Touriñán á que -ilegalmente, segundo o Tribunal Supremo- dera o seu visto e prace o Executivo de Fraga en funcións, no seu derradeiro Consello antes de ter que ceder os poderes. Feijóo secundara con entusiasmo aquela reivindicación. Estaban en xogo os "dereitos constitucionais" de Sousa, aseguraba.
Cando o imperio comezaba a caer, De Sousa resistiuse a que se visen as súas interioridades. As traballadas informacións de Lara Graña no Faro de Vigo dan boa conta de todo o proceso. Agora, uns e outros señores están lonxe dos focos, perderon algunhas honras públicas que lles foran outorgadas e as marcas emblemáticas que dirixiron ou desapareceron (no caso das caixas) ou aínda se resenten (no caso de Pescanova), pero con outros xestores á fronte. E quen compartiron innumerables fotografías con eles, pasan páxina ou fan por pasala ao xeito da resposta ofrecida por Alberto Núñez Feijóo esta mesma semana, "sorprendido" polo parecer da Audiencia a respecto das caixas de aforro.
Mentres todo isto pasaba, alén coronavirus, o partido que sustenta o Goberno galego axitaba no Parlamento e na rúa unha disque alerta por ocupacións ilegais de vivendas.