Sousa sinalou o galego e á esquerda como atrancos de Pescanova mentres activaba a trama de contas falsas

Fernández de Sousa recibe un galardón da Confederación de Empresarios de Pontevedra de mans de Feijóo no ano 2011 CC-BY-SA Xunta

No se puede esperar más. O 22 de febreiro de 2009, a unha semana das eleccións galegas, o daquela presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, publicaba un artigo de opinión no xornal 'La Voz de Galicia' no que avogaba abertamente por un cambio de Goberno na Xunta. "Es necesario un cambio urgente", clamaba, para suprimir "atascos en barreras ideológicas, idiomáticas o geográficas" que, laiábase, padecían empresarios coma el. Cando escribía estas palabras, segundo a Audiencia Nacional, xa tiña en marcha a estrutura para falsificar as contas da empresa pola que vén de ser condenado a oito anos de prisión. [En febreiro de 2023, o Tribunal Supremo reduciu a súa condena a 6 anos de prisión]

A dúas semanas das eleccións galegas de 2009, Sousa avogou publicamente polo retorno do PP á Xunta, atribuíndo ao Goberno de PSdeG e BNG atrancos para unha empresa na que xa comezara a artellar, segundo a Audiencia Nacional, unha estrutura de contas falsas

Naquel texto, quen naquela altura era padroeiro da fundación do editor do devandito xornal viña atribuír o Executivo de PSdeG e BNG "falta de capacidad o de conocimiento" e "distracciones" que puñan en risco as "cotas de producción que Galicia se ha venido labrando con esfuerzo y tesón". Ou se producía o "cambio" polo que clamaba, ou "continuaremos con la destrucción del empleo y ello podría ser el fin de Galicia; la vuelta a la emigración", alertaba.

De Sousa tomaba así partido evidente polo retorno do PP ao Goberno galego despois dunha lexislatura de aberto enfrontamento co Executivo de socialistas e nacionalistas. Entre outros asuntos, porque o Goberno de coalición freara o seu proxecto para construír unha piscifactoría no cabo Touriñán, autorizado pola Xunta de Fraga en funcións, no derradeiro Consello antes da mudanza.

Fernández de Sousa, inaugurando a piscifactoría de Pescanova en Mira (Portugal) xunto ao daquela primeiro ministro do país, José Sócrates © Pescanova

Dende a oposición, Feijóo esixía á Xunta "aceptar, facilitar e permitir" que Sousa instalase a súa piscifactoría no cabo Touriñán

"A ecoloxía empeza polas persoas", clamaba naqueles anos Alberto Núñez Feijóo, que como líder da oposición esixía á Xunta "aceptar, facilitar e permitir" a piscifactoría. A mesma que, segundo sentenza do Supremo en 2015, fora autorizada polo gabinete de Fraga de maneira irregular. PSdeG e BNG provocaran a "fuga de Pescanova" a Portugal, laiábase o líder do PP, en referencia á posta en marcha doutra piscifactoría da compañía na localidade portuguesa de Mira, a uns cen quilómetros do Porto. A mesma que Pescanova convidou a visitar a xornalistas galegos en vésperas das eleccións de 2009 e a mesma que a os bancos de Portugal que a financiaran acabaron vendendo por ruinosa en 2017.

Transaccións "ficticias" para construír unhas contas "falseadas"

Atendendo á sentenza do caso Pescanova, naqueles meses de 2009 xa estaba en marcha a estrutura que Fernández de Sousa comezara a "planear" para afrontar os "problemas derivados da crise financeira que empezou a detectarse no 2008". Fíxoo, di, para  "poder seguir gozando do financiamento bancario" do que "dependía Pescanova" como consecuencia dos seus fortes investimentos dos anos previos sen sectores como o acuícola. 

Estes "métodos de financiamento" amparados en "relacións comerciais ficticias" aplicáronse, segundo a sentenza, por "decisión" do propio Fernández de Sousa, coa "anuencia" dos responsables doutros departamentos da compañía. Concretamente, consistían en pedir créditos á banca para financiar supostas "importacións e exportacións de mercadorías" coas súas filiais que estas ignoraban. 

Tamén, sempre segundo a sentenza, a trama implicaba "operacións de compravenda" de peixe que "aparentaba ter" cunha "rede de 14 sociedades instrumentais" previamente creadas. E, ademais, a "utilización de datos de antigos clientes ou mesmo de sociedades coas que non tivera ningunha relación comercial, igualmente para lograr financiamento bancario "sobre a base de inexistentes operacións comerciais".

Exemplo do "desfase económico" entre as contas presentadas pola antiga dirección de Pescanova e as reais, incluído na sentenza da Audiencia Nacional CC-BY-SA Praza Pública

As "relacións comerciais ficticias" para obter financiamento tiñan como obxectivo "desfigurar a realidade da verdadeira situación económica e financeira de Pescanova", di a sentenza

Esta, conclúe o tribunal, era a base para despois poder "desfigurar a realidade da verdadeira situación económica e financeira de Pescanova". "Ese conxunto de métodos de financiamento irregular reflectíronse nas contas anuais, informes trimestrais ou semestrais, folletos de emisión, memorias e outros documentos" oficiais da empresa, que "deliberadamente non reflectían a imaxe real" da compañía co "dobre obxecto de cumprir cos requisitos mínimos necesarios para seguir gozando do financiamento bancario", pero tamén para "facela atractiva para captar investidores confiados nos bos datos económicos publicados" cando "a situación real (...) era diametralmente oposta".

"Pescanova é consecuencia de moitas decisións valentes adoptadas por Manuel Fernández de Sousa (...), velaí un exemplo de galeguismo ao que non sempre prestamos atención", eloxiara Feijóo en 2010

A sentenza cita, "a modo de exemplo" do "desfase económico" de Pescanova os datos da compañía presentados pola sociedade a principios do ano 2013 sobre as contas do ano 2012 e os "importes reais" que calculou a administración concursal, unha vez activado o concurso de acredores. Mentres que, segundo a dirección de Fernández de Sousa, o Grupo Pescanova lograra naquel ano un resultado positivo de 36,6 millóns de euros, o "importe real" eran perdas de case 800.000 euros. En Pescanova S.A., a sociedade anotara beneficios de 17,72 millóns de euros, cando en realidade perdera case 600.000.

En abril de 2013, a ruína de Pescanova comezaba a aflorar e o gabinete de Alberto Núñez Feijóo comezou a afastarse dos apoios de noutrora, polo menos publicamente. Polo camiño quedaran apostas por reactivar as aventuras acuícolas de Sousa en Touriñán ou xenerosos eloxios que o propio Feijóo lle dedicara. "Pescanova é consecuencia de moitas decisións valentes adoptadas por Manuel Fernández de Sousa-Faro e o seu equipo. Velaí un exemplo de galeguismo ao que non sempre prestamos atención", reflexionara Feijóo en 2010 ao entregarlle a distinción como Gallego del año que lle concedera o Grupo Correo Gallego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.