Sousa reactivou a súa 'offshore' nas Illas Virxes xusto antes do afundimento de Pescanova

Manuel Fernández de Sousa, ex presidente da multinacional © eldiario.es

En xullo de 2013, en pleno escándalo polo afundimento de Pescanova, a xornalista Lara Graña revelaba no Faro de Vigo que o presidente da compañía pesqueira utilizara unha rede de empresas en paraísos fiscais para desviar fondos e obter liquidez. Case tres anos despois, con Manuel Fernández de Sousa afastado da dirección do que ficou da empresa e investigado pola Audiencia Nacional a causa da súa xestión, a investigación xornalística dos coñecidos como 'papeis de Panamá' vén de amosar que o empresario reactivou unha das súas empresas offshore, radicada nas Illas Virxes, xusto cando a compañía que dirixía estaba a afundirse.

Segundo publica este xoves El Confidencial, xornal que xunto á canle laSexta está a difundir a filtración na que indaga o Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación, o 10 de xullo de 2013, en plena crise de Pescanova, un avogado de Xenebra, Alain B. Levy, dirixiuse ao bufete panameño Mossack Fonseca, cerna da investigación dos papeis, para solicitar un certificado que acreditase que, dende 2004, a sociedade International Gestion Finance S.A. estaba de baixa e todos os bens, transferidos ao seu propietario. A Manuel Fernández de Sousa, que estaba a unha semana de perder a presidencia de Pescanova, xusto cando saltou á luz, a través dunha auditoría, a devandita rede de empresas en paraísos fiscais.

Os 'papeis de Panamá' revelan que Sousa quixo certificar a transferencia dos bens da súa 'offshore' xusto cando estourou o escándalo de Pescanova

Esta compañía radicada nas Illas Virxes, consideradas paraíso fiscal, existía dende 1998 e ficara fóra de operacións en 2005, cando Sousa, segundo El Confidencial, non pagara a cota correspondente para mantela activa. Naqueles tensos días de xullo o avogado que representaba ao empresario caído en desgraza pediulle tamén a Mossack Fonseca acreditación de que os bens que xestionara a devandita sociedade, 8.564 accións doutra empresa chamada Sodesco, foran "transferidas" a Sousa. Sodesco era, precisamente, unha das sociedades a través das que o presidente de Pescanova exercía o seu control da daquela empresa galega.

O expresidente de Pescanova moveu a través desta compañía parte das súas accións na pesqueira

O bufete de Panamá, relata El Confidencial, respondeu que non podía ofrecer ese certificado, xa que non tiña a información que precisaba para facelo. O avogado do empresario, noutro correo, asegurou que o seu cliente estaba "en disposición de confirmar que as acción de Sodesco en poder de IGF foron transferidas" a Sousa, para así poder "liberar aos membros do consello" da offshore. "A versión do cliente (...) cubriría calquera responsabilidade do consello", agrega. A documentación de Mossack Fonseca, indica o xornal madrileño, non reflicte que Sousa realizase tal acreditación nin a que membros do consello da empresa radicada nas Illas Virxes quería exculpar. Pola compañía, di El Confidencial, chegaron a pasar "unha ducia de nomes diferentes".

A contorna de Sousa indica a 'El Confidencial' que "nunca" empregou a 'offshore' para "obter ningunha vantaxe fiscal"

Tras saír á luz a investigación do Consorcio Internacional de Xornalistas, o xornal que a revelou púxose en contacto coa contorna de Sousa. Un voceiro do expresidente de Pescanova, segundo a mesma publicación, afirma que International Gestion Finance "nunca se utilizou para obter ningunha vantaxe fiscal" e asegura que as xestións realizada en 2013 só tiñan como obxectivo "que se certificase que a sociedade xa non existe nin é titular de nada". 

"Exemplo de galeguismo" e de "pobo gañador"

Este episodio súmase ás sombras económicas e xudiciais que arrodean a Sousa dende o fracaso de Pescanova, concretadas na investigación da Audiencia Nacional polo presunto falseamento das contas da empresa, que aínda continúa. No inicio do proceso, instruído polo xuíz Pablo Ruz, a Sousa bloqueáronlle as súas contas bancarias e impuxéronlle unha fianza de máis de 170 millóns de euros pola súa posible responsabilidade na quebra da compañía. O pasado febreiro, asemade, o Tribunal Supremo confirmaba unha multa do Ministerio de Economía ao empresario por importe de 300.000 euros a causa do xeito en que xestionou a pesqueira. Poucos anos antes, o presidente da Xunta situaba a Sousa como "exemplo de galeguismo", de "pobo gañador".

Feijóo tomou a bandeira de Sousa para defender a construción dunha piscifactoría en Touriñán, ilegal segundo o Supremo

Este procedemento supuxo o abrupto final dunha traxectoria empresarial intimamente ligada ao poder político e, no caso galego, nomeadamente ao PP. Así, os populares galegos apoiaron substanciosamente a Pescanova dende a Xunta con recursos económicos e axudas, así como politicamente. Así, por exemplo, durante o goberno do bipartito de PSdeG e BNG o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tomou a bandeira da cruzada de Sousa para instalar unha piscifactoría no espazo protexido de cabo Touriñán que o PP autorizara. "A ecoloxía empeza polas persoas", dicía daquela Feijóo mentres clamaba polos "dereitos constitucionais" de Fernández de Sousa. A autorización da factoría, segundo o Supremo, fora ilegal.

Manuel Fernández de Sousa, ex presidente da multinacional © eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.