Fernández de Sousa dimite como presidente de Pescanova

Manuel Fernández de Sousa, ex presidente da multinacional © eldiario.es

Manuel Fernández de Sousa-Faro presentou a súa dimisión como presidente de Pescanova e o consello de administración aceptouna por unanimidade. Logo de 37 anos na multinacional galega e 33 despois de asumir as rendas da empresa familiar, Sousa deixa o liderado, malia que xa estaba apartado da dirección operativa desde que o pasado mes de abril o Xulgado do Mercantil de Pontevedra declarara a firma en concurso de acredores.

A decisión trasladouna Sousa ao consello na xuntanza levada a cabo na sede central da compañía e tería manifestado a súa intención de non ser un atranco no futuro da empresa, tal e como adiantou Faro de Vigo.

A marcha de Sousa chega uns días despois de se coñecer a auditoría que revelaba prácticas contables para ocultar débeda

A marcha de Fernández de Sousa chega tan só uns días despois de que se coñecese a auditoría realizada por KPMG e que revelaba que durante os últimos anos se realizaran diversas prácticas contables para ocultar débeda. Estas eran "instruídas, executadas, levadas a cabo ou coñecidas, en maior ou menor medida" por membros da cúpula directiva.

O informe de KPMG deixaba claro que o obxectivo de todas estas prácticas era aparentar unha débeda financeira moi inferior á real e, xa que logo, resultados moito mellores dos realmente acadados. Así, a débeda financeira a finais do pasado ano era de 3.281 millóns de euros, cun  patrimonio neto negativo de 927 millóns de euros.

"Basicamente ao final un queda cunha idea e é que houbo erros e acertos, pero Pescanova está aí, é unha gran empresa e o que se fixo é conseguir que seguise viva como está", argumentou Sousa aos medios tras saír da reunión do consello e logo de aclarar que pode estar "máis de acordo" nunhas cousas e noutras "menos" coa auditoría de KPMG.

"Como consecuencia de ter que asumir a responsabilidade dos erros, que todos teñen explicación, pero non deixan de selo; é obrigado presentar a miña dimisión no consello", apuntou nese sentido.

Manuel Fernández de Sousa, ex presidente da multinacional © eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.