Así foi a cruzada do PP a prol da factoría de Pescanova en Touriñán

Faro de cabo Touriñán CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Supremo vén de escribir o que, a priori, debera ser o derradeiro capítulo do contencioso en torno á non nata piscifactoría de Pescanova no cabo Touriñán, en plena Rede Natura. Como xa fixera o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o alto tribunal español certifica que a luz verde á factoría, outorgada no verán de 2005 polo Goberno de Manuel Fraga en funcións, adoecía de "vicios de nulidade de pleno dereito" e avala, asemade, a paralización decidida en 2006 polo Executivo de coalición de PSdeG e BNG. Así, o Supremo ratifica a condena a pagarlle un millón de euros á empresa pola non construción dunha planta que no seu momento xerou unha ampla controversia económica e ambiental pero que, sobre todo, constituíu toda unha cruzada para o PPdeG, que a converteu nun dos grandes argumentos da súa oposición ao bipartito.

A alianza dos conservadores coa empresa contra o Goberno foi escenificada en diversas ocasións e tivo un dos episodios máis senlleiros en xaneiro de 2007. Apenas seis meses despois da paralización do proxecto un Alberto Núñez Feijóo que aínda estaba a asentarse no liderado do PPdeG visitaba a sede de Pescanova en compaña do seu presidente, Manuel Fernández de Sousa. Mentres a multinacional se gababa de trasladar á localidade portuguesa de Mira o investimento "bloqueado" pola Xunta Feijóo instaba a Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana a "reflexionar". "Aínda estamos a tempo de ter a primeira planta acuícola do mundo en Galicia", clamaba, mentres lamentaba que Fernández de Sousa tivese "dificultades para exercer os seus dereitos constitucionais" no país. "A ecoloxía empeza polas persoas", ilustraba.

Feijóo clamou polos "dereitos constitucionais" de Sousa e a "legalidade" da factoría: "A ecoloxía empeza polas persoas", sinalaba

As apelacións políticas e mesmo sentimentais combinábanse no argumentario do PPdeG con alusións á legalidade. Na súa condición de líder da oposición, pero tamén de ex conselleiro de Política Territorial e vicepresidente do gabinete Fraga que dera as autorizacións, Feijóo reiteraba as peticións de "rectificación". "A Xunta paralizou un proxecto legal e o que é ilegal é paralizar un proxecto legal", sinalaba nun acto político en Lugo en maio dese mesmo ano. O Goberno galego, e máis concretamente o seu presidente, deberíanlles "pedir desculpas aos habitantes da Costa da Morte" e traballar para evitar a "fuga de Pescanova". "Acepte, facilite e permita" a posta en marcha da piscifactoría, pedíalle a Touriño e o daquela conselleiro de Medio Ambiente, Pachi Vázquez.

Feijóo, na entrega dun premio a Fernández de Sousa © Ana Varela

Ferramenta de campaña electoral

Como era de agardar, a frustrada e, segundo o TSXG e o Supremo, "en modo algún conforme á legalidade" planta de Pescanova foi tamén unha das ferramentas da campaña electoral que, hai agora seis anos, finalizou co triunfo dos populares. Así, durante a carreira electoral Feijóo prometeu en innumerables ocasións o "desbloqueo" do investimento da multinacional en Touriñán e, paralelalmente, tanto el como outros membros do partido culpaban a Xunta de impedir a xeración de "centos de postos de traballo directos e indirectos" na Costa da Morte. Este foi o caso, por exemplo, do secretario xeral do PPdeG e actual vicepresidente do Executivo, Alfonso Rueda, que nun acto de campaña deslexitimou calquera proposta que o BNG puidese facer en materia pesqueira, porque Anxo Quintana, dicía, tamén era responsable de "expulsar a Pescanova de Galicia ao vetar a granxa acuícola" en Rede Natura.

O PP acusou o bipartito de "expulsar a Pescanova de Galicia" e, ao volver ao Goberno, asegurou que a granxa de Touriñán tiña "todos os permisos"

Unha vez retornados a San Caetano a teima pola piscifactoría de Touriñán non cesou. Deste xeito, xa en 2009 o Goberno anunciaba que autorizaría de novo a construción e o PP sinalaba no Parlamento que Feijóo non estaba a facer máis que "recuperar un proxecto demandado" na zona e que "contaba con todos os permisos", ademais de "co aplauso da poboación". Mentres Fernández de Sousa se prodigaba en na prensa os populares consideraban que o presidente da empresa estaba a "deixar en evidencia as mentiras do bipartito", que non fixera "nada por aproveitar os intereses" de Pescanova "por investir na nosa comunidade". "O PSOE negoulle unha oportunidade histórica á Costa da Morte", aseguraba o voceiro conservador de Pesca, José Manuel Balseiro, quen lamentaba que o bipartito fose "en contra da lóxica, da legalidade e dos intereses dos cidadáns".

Mudanza normativa e quebra

O imperio Pescanova derrubouse en 2013 e as súas contas falsas aínda se investigan na Audiencia Nacional

Con este pano de fondo en 2012 a Xunta culminaba a mudanza do marco normativo para permitir factorías acuícolas en calquera punto da costa galega, tamén en Rede Natura. Non obstante, o guión ficou definitivamente truncado cando, en 2013, comezou a saír á luz que as contas de Pescanova foran, durante os últimos anos, un enorme calote. En abril dese ano a multinacional entrou nun concurso de acredores que durou máis dun ano e Sousa foi apartado da dirección da empresa. A planta portuguesa de Mira, que veu substituír a de Tourilán, sobrevive grazas a un "acordo transitorio" coa banca -á que lle debe máis de cen millóns de euros- e está pendente de contactos con "posibles compradores", segundo publicou recentemente Faro de Vigo.

Na actualidade a Audiencia Nacional segue a investigar o acontecido na quebra da empresa, cun maremagnum de contas e facturas falsas e a imputación de Fernández de Sousa e outros antigos dirixentes, como Alfonso Paz-Andrade. Aínda en 2010 Pescanova era para a Xunta un "exemplo de galeguismo" que "nos axuda a ser un pobo gañador" e Sousa, "un deses homes que souberon transformar desexos en realidades e ideas en feitos", como deixou escrito Castelao.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.