O tribunal ratifica os delitos de falsidade nas contas da empresa e alzamento de bens pero non considera probados os de falsidade documental e estafa
A Sala Penal do Tribunal Supremo vén de condenar a 6 anos de cadea a Manuel Fernández de Sousa-Faro, ex-presidente executivo de Pescanova, como autor dun delito continuado de falsidade nas contas da empresa e outro delito de alzamento de bens. O condenado deberá indemnizar de xeito solidario coa empresa Pescanova -integrada hoxe como unha moi pequena parte do accionariado de Nueva Pescanova- aos investidores prexudicados con máis de 125 millóns de euros.
Fernández de Sousa-Faro foi condenado en 2020 pola Audiencia Nacional a oito anos de prisión e recorreu ante o Supremo, que agora rebaixa lixeiramente a pena.
A sentenza do Supremo feita pública este mércores ten data do pasado venres 10 de febreiro. O tribunal decidiu manter a condena contra Fernández de Sousa-Faro como autor de senllos delitos de falsidade nas contas anuais e de falseamento na información económica e financeira, en relación de concurso medial, e dun delito de alzamento de bens, manténdose tamén a condena da súa esposa como cooperadora necesaria deste último.
O Supremo, que descarta atenuantes como confesión ou reparación do dano pero si admite a de dilacións indebidas, mantén a condena á esposa do empresario como cooperadora do delito de alzamento de bens
O Supremo descarta na súa sentenza que haxa circunstancias atenuantes como confesión ou reparación do dano. Pero si absolve o empresario dos delitos de falsidade en documento mercantil e estafa agravada, que igualmente se lle atribuían, ao entender que non concorre engano. Deses mesmos delitos son absoltos os demais acusados do caso, varios executivos da compañía que si manteñen as condenas como cooperadores necesarios do delito de falsidade nas contas anuais. No seu momento a Audiencia Nacional condenou tamén entre outras persoas a Alfonso Paz-Andrade a oito meses de prisión polo delito de falseamento nas contas que agora o Supremo ratifica, pero o alto tribunal non se pronuncia sobre o seu caso particular xa que morreu en accidente de tráfico en xullo de 2021.
A sentenza do Tribunal Supremo agora feita pública absolve o auditor externo de Pescanova, así como á compañía auditora e, en termos de responsabilidade civil, á aseguradora desta, ao considerarse que a resolución recorrida ten por probada e describe unha conduta descoidada ou desatenta pero non o comportamento doloso que resulta esixible. Son absoltas tamén dúas compañías que foran condenadas como cooperadoras necesarias do delito de alzamento de bens, ao considerar o Supremo que os actos realizados polas persoas físicas non o foron en beneficio, directo ou indirecto, desas firmas.
O Supremo admite a atenuante de dilacións indebidas nun caso que se iniciou en 2013, cando Pescanova entrou en concurso e Fernández de Sousa deixou a presidencia, desde a que cargara contra o goberno de coalición de PSdeG e BNG á fronte da Xunta entre 2005 e 2009
O Supremo si aprecia respecto de todos os condenados a circunstancia atenuante de dilacións indebidas xa que o procedemento prolongouse por espazo de aproximadamente sete anos ata o ditado da sentenza de 2020 por parte da Audiencia Nacional. Un procedemento que se iniciou en 2013, cando Pescanova entrou en concurso de acredores e Fernández de Sousa-Faro presentou a súa dimisión tras 33 anos á fronte a empresa creada pola súa familia. Unha firma que o empresario empregou para cargar contra o goberno de coalición de PSdeG e BNG á fronte da Xunta entre 2005 e 2009 ou contra “atascos idiomáticos” que supostamente padecían empresas como a súa.