Alfonso Paz-Andrade permanecía á fronte de Ibercisa, empresa que fundou en 1970, tras saír en 2007 de Pescanova en 2007 logo de trinta anos
Alfonso Paz-Andrade, histórico empresario galego e fillo do economista, intelectual, político e escritor galeguista Valentín Paz-Andrade, faleceu na tarde deste luns nun accidente de tráfico en Gondomar aos 80 anos de idade ao bater contra o muro dunha vivenda.
Aínda activo profesionalmente, permanecía á fronte de Ibercisa, empresa de maquinaria naval que fundou en 1970, nunha das múltiples iniciativas empresariais que impulsou seguindo o ronsel de seu pai, un dos fundadores de Pescanova, á que el mesmo se incorporou en 1976.
Baixo a súa dirección e a do principal accionista, Manuel Fernández de Sousa, Pescanova converteuse nunha empresa líder da pesca a nivel mundial, aínda que as diferenzas entre ambos acabarían coa saída de Alfonso Paz-Andrade en 2007.
Dirixía a revista 'Industrias Pesqueras', fundada en 1927, e formou parte da Fundación Luís Seoane, da Fundación Castelao ou do Consello da Cultura Galega
Ademais de participar en numerosos consellos de administración de empresas participadas por Pescanova, Alfonso Paz-Andrade impulsou outras moitas como a reconversión dos estaleiros Ascón en Rodman Poliships, a aseguradora La Naviera, que acabou fusionada con Mutua Gallega, ou o Instituto Galego de Información.
Clave na celebración en Vigo da feira internacional World Fishing Exhibition, que presidiu durante varias edicións desde os anos 70, exerceu tamén como vogal do consorcio Zona Franca e foi conselleiro xeral da extinta Caixa Galicia e vicepresidente do consello de Administración de Novacaixagalicia.
Ao igual que seu pai, Alfonso Paz-Andrade compaxinou a súa actividade empresarial coa súa actividade a prol da cultura galega e como protector do importante legado cultural que deixou o seu proxenitor. Foi directivo da Fundación Luís Seoane, da Fundación Xosé Neira Vilas ou da Fundación Castelao, ademais de socio fundador do Museo do Pobo Galego e antigo membro do Consello da Cultura Galega.
Do mesmo xeito, mantivo tamén a súa vinculación co xornalismo, sendo director de Industrias Pesqueras, "a revista de técnicas pesqueiras máis antiga de Europa", explicaba nesta entrevista en Praza.gal en 2012, ano no que o Día das Letras Galegas lle foi dedicado a seu pai e onde o seu coidado e reivindicación do legado cultural que deixara foi máis patente.
"É unha parte importante do legado de Valentín", dicía respecto de Industrias Pesqueras. "Cada 15 días, desde o 1927, sae para falar do que ocorre na industria pesqueira [...] Valentín estivo na cadea por un artigo publicado nesta revista, que non era acrítica, senón todo o contrario", explicaba.
Na súa faceta no ámbito xornalístico, Alfonso Paz-Andrade tamén foi presidente executivo e conselleiro delegado de Xornal de Galicia, diario que pechou a súa edición en papel e posteriormente tamén a dixital durante a súa etapa como máximo responsable dunha publicación impulsada polo Grupo San José.
Precisamente, o seu nome volveu aparecer nos medios nos últimos tempos logo da celebración do xuízo de Pescanova, tras o que Fernández de Sousa foi condenado a oito anos de prisión pola trama para falsear as contas da empresa. Foi un dos procesados, pero acabou sendo condenado unicamente a 8 meses de prisión e multa de 4 meses e 50 euros por día polo delito de falseamento de contas anuais. Quedou absolto dos posibles delitos de falseamento de información económica e financeira, estafa e insolvencia punible.