"Nós vimos a construír unha nova Galicia, que sexa como espello da súa propia esencia étnica. Queremos unha Galicia autónoma, señora de si mesma, que sexa oficialmente o que ela é naturalmente. Levando os principios democráticos á súa máis radical manifestación, arelamos que o pobo galego entenda directamente os seus problemas, sen intromisión de quen é alleo a eles, os resolve sen coñecelos, sen sentilos, sen vivilos, como puidera resolver os problemas do Congo". Así falou Valentín Paz-Andrade no mitin da primeira celebración do 25 de xullo tras a ditadura de Primo de Rivera. Foi unha xornada histórica, en 1930, no Teatro García Barbón de Vigo, na que interviron tamén Otero Pedrayo e Castelao. "Endexamais volva ser Galiza territorio colonizado polas taifas electorais das vellas oligocracias. Fagamos do berro Terra e Liberdade o noso lema redentor", reclamou ante un auditorio cheo.
"Endexamais volva ser Galiza territorio colonizado polas taifas electorais das vellas oligocracias. Fagamos do berro Terra e Liberdade o noso lema redentor", reclamou ante un auditorio cheo
Os galeguistas vigueses, coma el, uníranse aos de Pontevedra e Ourense na actividade propagandística daquel intenso ano que precedeu á chegada da Segunda República. Mais a traxectoria política de Paz-Andrade iniciárase anos antes. Sendo estudante en Compostela participara xa no 1919, no contexto da II Asamblea Nacionalista, nun mitin con Luís Peña Novo, Antón Villar Ponte, Vicente Risco ou Castelao, entre outras personalidades do galeguismo. O ano seguinte presidía a Xuventude Nazonalista. E dez anos despois, rematada xa a andaina do xornal Galicia debido á censura da ditadura de Primo de Rivera, envólvese na creación do Grupo Autonomista Galego.
Era o tempo da Ditablanda de Berenguer. "Aquilo marcou unha rebaixa no grao de opresión", contoulle o propio Paz-Andrade a Tucho Calvo na entrevista recollida no libro A memoria do século XX, recentemente reeditado por Biblos. "O máis urxente era espertar a conciencia política do pobo. Maiormente, nas capas neutras ou adormentadas, civicamente falando. Eran as de vilas e aldeas. Castelao concordou con esta posición e sumouse á nosa angueira. O artista lanzouse a facer as súas primeiras experiencias oratorias. Fun o seu acompañante en todos os actos que cubriron a xeografía da provincia", engade Paz-Andrade naquela conversa.
Paz-Andrade rexeitaba entón a integración na O.R.G.A. porque "nunha situación de minoría dentro do partido resultante, corríase o risco de sermos absorbidos por un de ámbito estatal, deixando inerme a causa nazonalista de Galiza"
No mesmo ano daquel mítico acto no Teatro García Barbón asinouse o Pacto de Lestrove, onde naceu a Federación Republicana Galega (FRG). E neste acordo viu Paz-Andrade, segundo lle comentou a Tucho Calvo, "o fermento do divisionismo que veu corroer a política galega". Explícao así: "O esquecemento que se cometera en Lestrove non deixara fóra da órbita republicana galega somente os galeguistas. O mesmo desleixo fora cometido cos agrarios, forza pouco estruturada políticamente, mais en potencia moi considerábel". Paz-Andrade rexeitaba entón a integración na O.R.G.A. porque "nunha situación de minoría dentro do partido resultante, corríase o risco de sermos absorbidos por un de ámbito estatal, deixando inerme a causa nazonalista de Galiza".
Os acontementos políticos sucedíanse, naquela época, a gran velocidade. Paz-Andrade colaborou, no 1931, na redacción do anteproxecto de Estatuto elaborado polo Seminario de Estudos Galegos. Proclamada a República, mobilízase para formar unha candidatura ás eleccións constituíntes. E conseguiu vencer a reticencia de Castelao a encabezar a lista por Pontevedra. "Como vou ser eu candidato? Nin primeiro, nin segundo, nin terceiro. Eu non son máis ca un artista". Esta foi a primeira resposta do autor de Cousas á súa proposta. "Mais es tamén o home con maior audiencia do galeguismo militante", retrocoulle Paz-Andrade, segundo el mesmo lembra en A memoria do século XX. E non errou na súa apreciación. Porque da candidatura que formaron Castelao, el mesmo e Ramón Cabanillas, tras unha campaña de enorme intensidade, só o primeiro saíu electo. El quedou sen escano, segundo denunciou, debido ao roubo da saca dos votos por un "mercenario" de Emiliano Iglesias.
El quedou sen escano, segundo denunciou, debido ao roubo da saca dos votos por un "mercenario" de Emiliano Iglesias
O historiador Justo Beramendi relata ese mesmo capítulo da historia das eleccións republicanas no seu ensaio De Provincia a nación. Historia do galeguismo político. "En Pontevedra, a coalición republicano socialista arrasou, copando os nove escanos das minorías (catro ORGA-FRG, catro PSOE e o radical Emiliano Iglesias). Dos tres restantes, dous corresponderon ós radical-agrarios e un para o nacionalista Afonso Rodríguez Castelao", escribe. Malia todo, "os indicios de que se producira un pucheirazo masivo, sobre todo a favor de Emiliano Iglesias, eran numerosos". É máis, "os nacionalistas consideráronse especialmente prexudicados e denunciaron arreo que Emiliano Iglesias lle roubara a acta de deputado a Paz Andrade". De feito, "na sesión de escrutinio oficial demostráronse documentalmente irregularidades graves en números lugares". Porén, a Comisión de Actas do Congreso non lle deu a razón a Paz-Andrade.
"Era un demócrata, pero non lle gustou que o PG se coaligase coas esquerdas. Hai que ter en conta que no 32 sufrira un atentado. Fora tiroteado por dous anarquistas, no contexto dunha folga pesqueira"
A primeiros do Nadal do 1931 fundouse o Partido Galeguista (PG), no que o Grupo Autonomista Galego se integrou. Nas eleccións xerais do 1933 Paz-Andrade repetiu candidatura xunto a Castelao, xa polo PG. Mais os resultados foron un fracaso. Cando no 1934 Castelao, que acababa de ser desterrado, lle propuxo que o substituíse na secretaría política do partido, Paz-Andrade rexeitou a oferta. E nas derradeiras eleccións da República, cando o PG decide incorporarse na Frente Popular, optou por ir nas listas do Centro promovidas por Portela Valladares. "Era un demócrata, pero non lle gustou que o PG se coaligase coas esquerdas. Hai que ter en conta que no 32 sufrira un atentado. Fora tiroteado por dous anarquistas, no contexto dunha folga pesqueira. El traballaba como avogado para a patronal, e este incidente afastouno máis dunha posible alianza coa esquerda. Ademais, era, desde logo, nacionalista, pero do que hoxe chamaríamos centro. Un demócrata de centro, poderiamos dicir", explica Beramendi.
Mais non é unánime a interpretación sobre a súa decisión de presentarse ás eleccións co Centro. El mesmo explicoulle a Tucho Calvo que o propio Castelao lle recomendara aceptar a proposta de Valladares para que o galeguismo tivese un deputado máis por Pontevedra, xa que a Frente Popular non deixaba por esta provincia máis que un posto para os nacionalistas. Estaba en xogo, entón, o futuro do Estatuto. Pero non saíu electo, o cal, probablemente, lle salvou a vida, xa que pouco despois chegou o golpe franquista. Durante a guerra e a ditadura, Paz-Andrade centrouse máis no seu traballo como empresario, xornalista e escritor.
Non saíu electo, o cal, probablemente, lle salvou a vida, xa que pouco despois chegou o golpe franquista. Durante a guerra e a ditadura, Paz-Andrade centrouse máis no seu traballo como empresario, xornalista e escritor
Non deixou, porén, a política totalmente de lado. Non participou da militancia clandestina antifranquista, pero tivo máis dun problema co réxime por expresar as súas ideas, principalmente, a través do xornalismo. No 57 estivo no cárcere por un artigo publicado na revista que dirixía, Industrias Pesqueras. Foi desterrado, por outra banda, tres veces: a Verín, Trives e Badaxoz. Participou, como accionista, na fundación de Galaxia, e mantivo contactos cos exiliados nas súas diversas viaxes a América. Aínda que tivo tamén as súas tensións cos membros da editorial. "Pese a que eu era un dos principais accionistas constituírona prescindindo de min en absoluto", asegura nunhas declaracións que recolle Xan Carballa en Biografía de Valentín Paz-Andrade -publicada, precisamente, por Galaxia-.
O seu labor na Transición
É nos 70 cando volve á política activa, designado representante galego na Xunta Democrática de España, e despois na Comisión Negociadora da Oposición Democrática. No 77 presentouse como senador por Pontevedra pola Candidatura Democrática Galega Independente. Mantívose, deste xeito, afastado da estratexia rupturista e autodeterminista que adoptou unha parte do nacionalismo na época, e non deixou de reivindicar para Galiza unha autonomía de primeira categoría, como correspondía a unha nacionalidade histórica. Nunha carta a Neira Vilas expresou a súa frustración ante o feito de que "o poder central, aínda que agora se vernice non brillos democráticos, obrou de novo autoritariamente ao impor a Galicia, como primeira estrutura do futuro autogoberno, nomes luxados nas peores servidumes á Ditadura".
No 79 participou nas manifestacións contra a "aldraxe" do Estatuto de segunda que quería impoñer a UCD, como xa fixera no 77 nas mobilizacións de Galiza pola autonomía
No 79 participou nas manifestacións contra a "aldraxe" do Estatuto de segunda que quería impoñer a UCD, como xa fixera no 77 nas mobilizacións de Galiza pola autonomía. Noutra carta, que publicou nun xornal de Bos Aires no 1981, -cítaa Xan Carballa na súa biografía-, protesta airado pola "groseira mistificación" da autonomía que, di, non só se lle concede tamén a quen non a pedira, senón que superpón o "réxime centralista" ao autonomista, reforzando o primeiro ao non suprimir as provincias.