Alfonso Paz-Andrade fala sempre de seu pai, Valentín Paz-Andrade, como un home que soubo levar á práctica unhas ideas sobre Galicia que aínda hoxe continúan vixentes. Falamos con el para repasar os principais proxectos nos que o homenaxeado polo Día das Letras Galegas se envolveu.
Dixo Manolo Rivas que Galicia era para seu pai "unha utopía realizable". Pode ser un bo xeito de definilo, non si?
Desde logo. Era un home que sorprendía pola coherencia do seu pensamento, do seu discurso e da súa acción. Unha persoa pragmática, apegada á terra, cunha personalidade moi marcada.
Vostede continúa traballando en Industrias Pesqueras, a revista que seu pai dirixiu. É unha das dimensións do seu legado que perduran ata hoxe.
Si, é unha parte importante do legado de Valentín. É a revista de técnicas pesqueiras máis antiga de Europa. A primeira creárase antes, en 1926, pero non chegou ata a actualidade. Industrias Pesqueras comezou no 1927. Mantívose coa ditadura de Primo de Rivera, coa guerra, coa Segunda República e despois coa ditadura franquista e coa democracia. Cada 15 días, desde o 1927, sae para falar do que ocorre na industria pesqueira, das innovacións, e tamén de todo o que afecta a outros países, sobre todo os de fala hispánica e portuguesa. Valentín estivo na cadea por un artigo publicado nesta revista, que non era acrítica, senón todo o contrario.
En realidade problemas coa censura tivo moitos...
Era o que lle pasaba a toda persoa que quixese pensar por si mesma. Non lle pasaba só a el. De feito, o xornal Galicia foi pechado pola ditadura de Primo de Rivera.
"Despois de discutilo con Castelao pasou á lista de Portela Valladares, porque era o xeito de que houbese un deputado galeguista máis no Parlamento"
Valentín Paz-Andrade fundou o Grupo Autonomista Galego, participou na redacción do anteproxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos, nos mítines e debates de primeiros dos anos 30... Pero parece que se foi distanciando do Partido Galeguista, e de feito cando o PG se integra no Frente Popular el vai nas listas do Centro. Que pasou?
El nunca se afastou do Partido Galeguista, nunca renunciou ao seu ideario galeguista. O que pasa é que, por motivos tácticos, e despois de discutilo con Castelao, pasou á lista de Portela Valladares, porque era o xeito de que houbese un deputado galeguista máis no Parlamento. A proba está en que foi el quen seguiu mantendo toda a conexión co exilio, como o seu amigo Isaac Díaz Pardo.
"De Galaxia, primeiro hai que lembrar que el foi un dos seus primeiros accionistas. Pero si é certo que houbo unha incomprensión cara a Valentín como home de acción que era"
Mais parece que as súas relacións co galeguismo do interior non foron sempre as mellores. Conta Ramón Villares no limiar da edición facsimilar de Galicia como tarea que a xente de Galaxia acolleu con certa frialdade este ensaio. Que ocorreu entón?
De Galaxia, primeiro hai que lembrar que el foi un dos seus primeiros accionistas. Pero si é certo que houbo unha incomprensión cara a Valentín como home de acción que era. Outras persoas fixeron teoría, o cal está moi ben e é moi importante, pero el buscaba a maneira de levar as súas ideas á práctica. E non se valorou suficientemente esa capacidade súa para a acción.
Se cadra o atentado que sufriu en Vigo no 32, no marco dunha folga pesqueira e sendo el avogado da patronal, tivo que ver tamén coa súa decisión.
Esa non foi a única vez que lle dispararon, en realidade. Tamén estivo desterrado en Trives, en Verín, en Badaxoz.. A súa biografía daba para escribir unha novela. O importante é que mantivo sempre o seu compromiso con Galicia. Sempre se fala da influencia de Castelao en Valentín, pero está aínda por escribir a historia da influencia de Valentín en Castelao. Porque foi meu pai quen influíu en Castelao na materia económica.
Dos seus proxectos empresariais, o de Pescanova foi se cadra o máis importante. Pero tivo outros que non chegaron a realizarse, como o Banco Industrial do sur de Galicia.
Si. Manuel Cordo e Valentín tiñan o proxecto de fundar unha industria petroquímica en Galicia, pero non conseguiron os permisos. Unha das grandes preocupacións de meu pai foi a industrialización de Galicia, e el decatábase de que para facela realidade a falta de crédito era un grande problema. Por iso quixo crear o Banco Industrial. Pero formou parte tamén doutros proxectos empresariais, como Ibercisa, da que foi vicepresidente. El sabía que non había futuro para a industrialización sen un proxecto empresarial viable e arraigado, cun bo modelo de xestión.
"Sempre se fala da influencia de Castelao en Valentín, pero está aínda por escribir a historia da influencia de Valentín en Castelao. Porque foi meu pai quen influíu en Castelao na materia económica"
Tivo o seu papel na Transición como representante galego na Comisión Negociadora da Oposición Democrática, e despois participou nas mobilizacións para esixir que Galicia non quedase cunha autonomía de segunda. Sentíase decepcionado, non si?
Sentíase insatisfeito. Acaba de lembrar Jordi Pujol que Valentín foi quen teimou na Comisión dos 10 para que Galicia fose recoñecida como nacionalidade histórica.
"Acaba de lembrar Jordi Pujol que Valentín foi quen teimou na Comisión dos 10 para que Galicia fose recoñecida como nacionalidade histórica"
Comentaba vostede o outro día na presentación do poemario ata entón inédito de seu pai que queda moita obra por publicar. Valentín Paz-Andrade escribiu poesía, ensaio... que está aínda gardado?
Pois o Consello da Cultura Galega está a facer un traballo moi importante. Atopáronse obras súas na súa casa da Pousa Nova do Mar. E, como viaxou por tantos países, quedan por recuperar textos de América, Islandia, Noruega, Suecia, Inglaterra, Irlanda...