"Métodos de financiamento amparándose en relacións comerciais ficticias", unha rede de "sociedades instrumentais", compras e vendas que nunca existiron e contas falseadas. É o mosaico de irregularidades que a sección cuarta da Sala do Penal da Audiencia Nacional vén de trazar ao longo dos máis de 600 folios que compoñen a sentenza na que condenan por falsear as contas de Pescanova a unha ducia de persoas. Encabézaas quen fora presidente da compañía, Manuel Fernández de Sousa, a quen impón unha condena de 8 anos de prisión.
Segundo a sentenza, a ex-cúpula de Pescanova "planeou" métodos de financiamento irregulares mediante compravendas falsas e empresas pantalla para estafar os bancos e posibles investidores
A sentenza, contra a que cabe recurso de casación perante o Tribunal Supremo, sitúa a Fernández de Sousa na cúspide dunha trama que, a partir da crise financeira de 2008, "planeou seguir obtendo financiamento bancario" mediante "prácticas irregulares" que a continuación complementaban co falseamento das contas. Así, durante anos, Pescanova lucía "resultados positivos que non se correspondían coa situación real", pero que lle permitiron captar "novos investidores".
Os maxistrados relatan os feitos polos que son condenados os ex-directivos de Pescanova agrupándoos en tres fases. A primeira é a da "creación de formas ilegais de financiamento" e a simulación de operacións comerciais xa fose con filiais da compañía ou mesmo con "empresas ficticias", unha rede de "sociedades instrumentais" coas que "simulaban operacións de compravenda de peixe". Nese punto, sentencian, incorreron en falsidade de documento mercantil.
A "segunda fase" foi a de lograr o financiamento bancario que derivou en estafa. "Os enganados (...) eran os bancos e o mecanismo do engano foron as facturas", resume a Audiencia Nacional. A dirección de Fernández de Sousa facía ver que esas "remesas de facturas" estaban "vinculadas a uns inexistentes contratos de compravenda de peixe".
Unha imaxe das contas "moi distinta á real"
É aquí onde os maxistrados sinalan a "terceira fase" da trama, con "dúas partes". Unha delas, detallan, consistía en "trasladar ás contas anuais e outros documentos" unha "imaxe con beneficios e pouca débeda financeira" que en realidade era "moi distinta á real". Esa imaxe de falsa bonanza económica "transmitiuse perfectamente ao público en xeral e aos investidores en particular".
A dirección de Fernández de Sousa esgrimía "remesas de facturas" facendo ver que estaban ligadas a "inexistentes contratos de compravenda de peixe"
"Unha vez conseguida esa boa imaxe -abondan- tratábase de captar investidores que lles permitisen unha situación financeira máis relaxada que a propia do financiamento bancario". Para a Audiencia, ese procedemento non é máis ca unha mestura do delito de falseamento de contas anuais co de falseamento de información económica e financeira. Todo, segundo a sentenza, sucedía "con coñecemento do auditor interno" e sen "adecuado control do auditor externo", que traballaba para a empresa BDO Auditores, que "non puxo obxección ningunha á formulación das contas" antes de seren remitidas coas cifras falseadas á Comisión Nacional do Mercado de Valores. BDO anunciou este propio martes a súa intención de recorrer a sentenza, subliñando que "fomos enganados e vítimas do entramado e fraude organizado pola dirección de Pescanova".
No caso de Fernández de Sousa, a Audiencia engade a todos estes delitos o de alzamento de bens porque xunto á súa muller, Rosario Andrade, "sacou 4 millóns e medio de euros das contas de España" e trasladáronas a dous bancos portugueses unha vez que empezou a transcender que as contas de Pescanova eran falsas. Acto seguido, asegura a sentenza, procuraron enviar os cartos a Hong Kong.
As condenas
Alén de Fernández de Sousa, outros directivos reciben condenas de entre 6 meses e 3 anos de prisión
A amplísima sentenza, que vén culminar unha causa de máis de 80.000 folios, deriva así en sete absolucións e 12 condenas que, non obstante, advirte a propia Audiencia, son "sensiblemente inferiores ás solicitadas polas acusacións". A razón é que o tribunal entende que "os delitos de falsidade en documento mercantil, estafa, falseamento de contas anuais e falseamento de información económica e financeira" foron cometidos "en concurso medial", isto é, un delito é preciso para cometer outro, e "non poden ser penados de maneira independente".
O principal condenado é Fernández de Sousa, a quen a Audiencia atribúe delitos de falsidade en documento mercantil cometido por particulares, estafa agravada, falseamento de contas anuais, falseamento de información económica e financeira e alzamento de bens. Outros directivos reciben condenas que oscilan entre os 6 meses e os 3 anos de cadea. O tribunal desbota, ademais, que os condenados padecesen dilacións indebidas no proceso.