O Tribunal Superior ordena á empresa que facilite a delegadas da CIG a mesma información de riscos laborais que a outros sindicatos e condénaa a indemnizar con 22.500 euros
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén condenar a Mercadona por ocultar a delegadas sindicais da CIG en Pontevedra diversa información relacionada coa prevención de riscos laborais que si comunica a outros sindicatos. Unha "vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical da CIG" que é penada, ademais de coa obriga de facilitar a información ocultada, cunha indemnización de 22.500 euros "polos danos morais".
A condena do TSXG é unha máis da sucesión de sentenzas de diversos tribunais por toda Galicia que veñen reflectindo como Mercadona represalia delegados ou traballadores do sindicato nacionalista con despidos ou penalizacións económicas, mesmo "polo mero feito de ser membro do comité de empresa polo sindicato CIG".
A condena agora feita pública pola CIG, con data do 6 de febreiro, sinala que a empresa non facilita a delegadas sindicais da CIG "a mesma información en materia de prevención de riscos laborais" que a outros sindicatos, non lles entrega unha copia do regulamento do Comité de seguridade e saúde e non as informa da identidade dos delegados sindicais dos outros sindicatos.
Unhas actuacións para as que "a empresa non acredita ningunha xustificación" di a sentenza. E unha ocultación que "limita a posibilidade de contrastar, por parte da demandante, se existe un trato diferenciado inxustificado na participación" no órgano de seguridade e saúde, no que as delegadas da CIG participan, ao non ser delegadas de prevención, "con voz pero sen voto", isto é, coa única limitación do voto pero non de acceso a toda a documentación necesaria para cumprir coas súas funcións sindicais.
A CIG critica "a política de represión sindical e de acoso laboral" de Mercadona e convoca mobilizacións
Ante esta sentenza a CIG, "sindicato maioritario en Mercadona a nivel galego", denuncia "a política de represión sindical e de acoso laboral" da empresa, reflectida nos últimos tempos en diversas sentenzas xudiciais. Unha situación ante a que o sindicato protestará cunha concentración o 12 de marzo ás 11.30 horas diante do novo establecemento de Mercadona na rúa García Barbón de Vigo.
Outros casos recentes
Antes desta sentenza do TSXG sobre feitos ocorridos en Pontevedra, o pasado xaneiro Praza.gal revelou unha condena a Mercadona do Xulgado do Social 4 de Ourense por denegar de xeito discriminatorio unha prima de 5.000 euros a unha traballadora afiliada á CIG. "Existe vinculación entre a denegación da prima correspondente ao ano 2024 e a circunstancia de pertenza ao sindicato CIG e participación no proceso electoral", dicía a sentenza.
Nos últimos meses foron varios os xulgados por toda Galicia que relacionaron represalias de Mercadona ao seu persoal co súa vinculación coa CIG
Na mesma provincia de Ourense xa houbera outras condenas de Mercadona por feitos similares de penalizacións económicas a empregados vinculados coa CIG que previamente eran ben valorados pola empresa. Así o sentenciaron a comezos de 2025 cando menos os xulgados do Social número 1 e 3 de Ourense. Nun dos casos a sentenza chegou a dicir que houbo "claramente unha persecución cara el, polo mero feito de ser membro do comité de empresa polo sindicato CIG". O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tamén se pronunciara a finais de 2024 sobre outro caso na mesma provincia ratificando que o despedimento dun traballador estaba vinculado coa súa presentación a eleccións sindicais pola CIG.
A CIG vén obtendo outras vitorias xudiciais contra Mercadona noutras provincias, como a que condenou a empresa a comezos do pasado ano por despedir como "discriminación por enfermidade" unha traballadora en Carballo. Ou a que en 2018 obrigou a Mercadona a readmitir unha traballadora da Coruña á que despediu estando de baixa.
Ademais, e novamente noutro caso no que a traballadora implicada estaba defendida pola CIG, hai uns meses o TSXG pediu a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) que investigue como xestiona as baixas Mercadona pola posibilidade de que coordinadoras da empresa coñezan información "sensible" como os diagnósticos sanitarios.