Mercadona, condenada a readmitir unha traballadora da Coruña á que despediu estando de baixa

Lucía Piedrafita (dereita), con María López, delegada da CIG en Mercadona, e o responsable de Comercio da CIG-Servizos na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

En decembro de 2011 Lucía Piedrafita comezou a traballar na sección de perfumaría dun supermercado Mercadona. Case seis anos despois, en abril de 2017, a empresa trasladou esta traballadora coruñesa ao departamento de froitaría do establecemento, onde os traballos diarios de reposición de mercadoría implican o trasladar "a diario" elementos de entre 5 e 12 quilos de peso. "Aos poucos días" de comezar no novo posto Lucía "comunicou" á encargada do supermercado que a escoliose que padece "dende a infancia" lle impedía cargar eses pesos sen dor e por iso solicitou "un cambio a outra sección". Aquela conversa foi o inicio dun procedemento de incapacidade temporal, pero tamén dun tirapuxa coa empresa que derivou no despedimento de Lucía mentres estaba de baixa baseándose nos seguimentos dun detective privado contratado para a ocasión. O despedimento vén de ser anulado polo xulgado do social número 3 da Coruña ao considerar que se baseou nunha "discriminación por discapacidade".

Ao trasladala da perfumaría á froitaría a traballadora solicitou mudar de sección por mor da escoliose que lle impide cargar pesos elevados

Segundo consta na sentenza, datada no pasado 14 de setembro e a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a encargada do supermercado condicionara a posibilidade de cambiar de sección a Lucía á opinión da "medica da empresa", que considerou que non existía "ningún impedimento" para que a traballadora cargase pesos porque pasara "como apta sen limitacións" o recoñecemento médico do ano previo, 2016. Foi así como a encargada concluíu, segundo os feitos probados da sentenza, que Lucía tería "que habituarse a manexar as caixas de froita". Tras a decisión, os efectos do peso levárona en poucos días a un proceso de incapacidade temporal e baixa médica na que un doutor do Servizo Galego de Saúde acreditou que padecía "lumbago, escoliose e lumbaxia por esforzo físico no traballo".

Alén do control do Sergas, a propia responsable médica da empresa seguiu de cerca o proceso. "Falou coa traballadora en oito ocasións" ata finais de xuño "sobre o seu estado de saúde", a respecto de "que vida leva" ou "que actividade fai", alén de examinar os informes médicos que a propia Lucía achegou. Aínda que a doutora encargada da rehabilitación da traballadora "lle dixo que non podería" seguir a manexar os devanditos pesos "polo estado da súa columna", dende o 1 de xullo de 2017 Mercadona retiroulle o complemento de incapacidade por "superar a duración emedia estándar establecida para a súa patoloxía".

Mobilización da CIG ante un supermercado Mercadona na Coruña / CC BY-SA-NC CIG

Seguimento cun detective privado antes de despedila

O detective contratado por Mercadona seguiu á traballadora mentres realizaba compras e a empresa esgrimiu esta actividade como motivo para o despedimento, que a xuíza non acepta

Pero os controis non se limitaron a xuntanzas e manexo de informes médicos. "A empresa contratou un detective privado para que efectuase un seguimento" á traballadora entre o 15 e o 19 de setembro de 2017 e neses días considerou que xuntara probas dabondo para despedila pola vía disciplinaria. O detective controlouna mentres "conduciu un vehículo na localidade na que vive" e realizou "compras de roupa", ademais de ir a un supermercado. Mercadona esgrimiu que esas actividades ordinarias acreditaban que Lucía si podía traballar no posto da froitaría, pero tras examinar as probas de todo o proceso a xuíza subliña que "en ningún  momento" quedou "acreditado" que "mercase artigos de considerable peso" e conclúe que esas accións "non son incompatibles" coa "patoloxía" ósea da traballadora.

A empresa, pola súa banda, argumentou durante o proceso que o despedimento "non é nulo" porque non foi "unha represalia" pola implicación sindical da traballadora nin tampouco "unha discriminación por razón de discapacidade" ao non "cumprirse os requisitos" para que o sexa polo feito de que Lucía estivese en situación de incapacidade temporal. Mercadona alegou ademais que tramitou convenientemente a comunicación do despedimento -a través dun burofax- e que botala do seu posto de traballo estaba "xustificado" porque "realizou actividades que dificultaban a súa recuperación", afirmaron en virtude da información obtida cos seguimentos do detective.

Juan Roig, presidente de Mercadona, nunha imaxe de arquivo / © Mercadona

A CIG advirte que Mercadona "pretendía que este fose un despedimento exemplarizante" e lamenta que "nesta empresa calquera discrepancia teña que resolverse na vía xudicial"

Para a CIG, que acompañou e representou a traballadora en todo o proceso, a sentenza deixa claro que Mercadona "pretendía que este fose un despedimento exemplarizante" porque "nesta empresa non se pode estar enferma e moito menos cunha discapacidade", considera o responsable da área de comercio da federación de Servizos do sindicato na Coruña. "Mercadona, en vez de adaptarlle o posto ou mudala de sección, como obriga a lei, optou por rescindirlle o contrato" no canto de volver situala nun posto como o que desempeñara previamente durante anos sen "ter problemas de saúde derivados do traballo". "Nesta empresa, se te pos enfermo pasas a estar nunha lista negra", resumen dende a central sindical.

A empresa, que defendeu o despedimento como "xustificado", é condenada a readmitir a traballadora, pagarlle os salarios pendentes e indemnizala

Este é o pano de fondo co que a sentenza -contra a que cabe recurso- conclúe que Mercadona incorreu neste despedimento nunha "discriminación por discapacidade" e condena a compañía á "readmisión inmediata" da traballadora, a pagarlle os salarios que deixou de percibir neste tempo agás os do período de incapacidade e mais a indemnizala con 6.251 euros. A CIG, "satisfeita" coa sentenza, lamenta non bostante que "calquera discrepancia laboral nesta empresa teña que se resolta pola vía xudicial" porque "en Mercadona, as relacións laborais non existen". Mostra disto, destaca o sindicato, é que "aínda coa sentenza na man, Mercadona dixo non recoñecer o informe médico e que ía facer o seu propio ditame".

A CIG valorou publicamente esta sentenza mentres, case ao mesmo tempo, o presidente de Mercadona, Juan Roig, interviña no Congreso Nacional de la Empresa Familiar, celebrado en Valencia, para debullar as claves do éxito da súa compañía. Entre os treitos máis destacados do seu discurso por diversos medios figuran as súas alusións ao "lío político autonómico", as súas aseveracións a respecto de que algúns empresarios non teñen "boa imaxe" porque "non saímos e deixamos que os demais o fagan" ou as súas chanzas a respecto da linguaxe inclusiva, falando de "empresas y empresos" e subliñando que se refería a "empresarios y empresarias" porque "hay que decirlo así, si no hoy día a uno lo meten en la cárcel"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.