Un xulgado da Coruña condena a empresa a readmitir a traballadora, pagarlle os salarios que deixou de cobrar dende que a despediron en 2023 e indemnizala por vulnerar os seus dereitos fundamentais
Unha traballadora do Mercadona de Carballo estivo de baixa por un trastorno de ansiedade dende decembro de 2021 ata abril de 2023. Nos meses previos á baixa un psiquiatra ligara o sen "trastorno ansioso-depresivo" á "presión laboral" e, cando xa estaba en situación de incapacidade temporal, o tratamento psicolóxico ao que acode voluntariamente conclúe que esa presión laboral ten como "raíz" a pandemia da COVID.
Ao regresar da baixa, a muller pasou do posto de caixeira que viña exercendo ao de encargada da sección de froitaría coa posibilidade de "ser requirida para prestar servizo no forno ou nas caixas" se as súas superiores o ordenaban. Apenas medio ano despois de regresar ao traballo a empresa despediuna alegando diversos erros no seu labor, unha medida disciplinaria que o Xulgado do Social número 1 da Coruña vén de anular ao considerar que, en realidade, o despedimento foi unha "discriminación por razón de enfermidade".

O xulgado fai especial fincapé en que a traballadora, abeirada pola CIG, "non discutiu" na súa demanda os erros no traballo que Mercadona incluíu na carta de despedimento, tales como non contabilizar unidades de dalgúns produtos ou ter na sección algunhas froitas e verduras que, segundo a empresa, non eran da "calidade" axeitada. Só os "xustificou" pola "carga de traballo" ou "desigualdade con outros compañeiros".
A sentenza revela que a empresa manexa un formulario de "baixas KO", aquelas "coas que a coordinadora e o médico de empresa non estaban de acordo", con datos de saúde das persoas afectadas e "estratexias como retirar o complemento" por incapacidade temporal
A cuestión, incide a sentenza, é que mesmo atendendo ao convenio e normas internas da propia Mercadona, eses erros poden ser considerados "faltas leves" pero non graves, polo que "a decisión da empresa de proceder ao despedimento non é proporcionada" nin tivo "xustificación obxectiva". Ao contrario, encaixa no que a lei vixente contempla como a devandita discriminación por enfermidade, o que condena obrigando á readmisión, ao pagamento dos salarios deixados de cobrar dende o despedimento e, adicionalmente, unha indemnización de 5.000 euros por vulneración de dereitos fundamentais.
O xulgado sustenta o seu ditame, ademais, no "feito acreditado" de que as "coordinadoras de zona" dos supermercados Mercadona "requirirían ás coordinadoras" de cada tenda "certa información acerca das baixas das xerentes en situación de baixa de longa duración", caso desta traballadora, "incluíndo se había previsión de reincorporación". Ese proceso, detalla a sentenza, incluía "un formulario que debían cubrir as coordinadoras de tenda titulado Bajas médicas en cuxo rodapé se advertía da necesidade de incluír, na denominada "columna de baixas KO e posteriores", aquelas "coas que a coordinadora e o médico de empresa non estaban de acordo".
Ese "formulario de baixas KO" reflectía, asemade, "estratexias tales como retirar o complemento" de baixa que Mercadona paga a parte do persoal nesa situación. A empresa xustificou ante o xulgado que "dita información era necesaria para o cobro" dese complemento.
O xulgado reprocha o manexo de "datos protexidos" da saúde das traballadoras. A CIG mobilizarase ante o supermercado "para trasladar a solidariedade coa traballadora" e "denunciar a persecución e discriminación" en Mercadona "ás persoas que enferman e ás que reivindican os seus dereitos
Pero a sentenza ditamina que as normas internas de Mercadona non contemplan esa recollida de información sobre as baixas polas coordinadoras das tendas. Porque a información concreta da da incapacidade "xa a ten o departamento de recursos humanos" e, sobre todo, porque supón manexar polas encargadas "datos protexidos" da saúde das traballadoras, "información que pode obterse preguntando á traballadora" pero tamén por "coñecemento os compañeiros" e que "vulnera non só o dereito fundamental á integridade física", senón tamén o dereito fundamental á intimidade persoal", ambos protexidos pola Constitución, indica.
Unha vez confirmada a sentenza, a CIG ten xa convocada unha concentración para o vindeiro 10 de marzo, cadrando co día en que a traballadora se reincorporará. O sindicato detalla que coa mobilización procura "trasladar a solidariedade coa traballadora", mais tamén "denunciar a persecución e discriminación, por parte da empresa, ás persoas que enferman e ás que reivindican os seus dereitos", toda vez que esta sentenza chega despois doutras dúas "por vulneración de liberdade sindical" en supermercados Mercadona de Ourense.
Para María López, presidenta do comité de Mercadona na Coruña, "non é nada novo que nesta empresa, que presume de modélica, arremetan contra o verdadeiro sindicalismo e contra o persoal enfermo". "Con estas prácticas", afirma, "a empresa busca que o persoal estea dentro do modelo, é dicir: non ser da CIG nin reclamar ningún dereito; non estar enfermo e que vaias traballar así esteas morrendo".