"Usted ha mantenido de forma continua y sistemática comentarios ofensivos e insultantes en contra de la empresa para la que presta sus servicios (...) Su comportamiento constituye una acción de sabotaje hacia la empresa en la que trabaja". O pasado 15 de abril Mercadona despediu, a través dun burofax, unha das traballadoras da súa tenda de Oleiros, Lena, acusándoa de realizar críticas ("comentarios inxuriosos e calumniosos") contra a empresa a través das redes sociais, sobre todo Twitter. A carta de despedimento (publicada por La Marea, medio que difundiu a información en primeiro lugar) apóiase en varios artigos do convenio colectivo de Mercadona, que sinala como falta moi grave "o menoscabo da imaxe da empresa a través de calquera medio".
A muller despedida recoñece ter publicado eses comentarios a través de dúas contas de twitter, denunciando as condicións laborais dos empregados e empregadas do seu centro, e tamén o "acoso" que -denuncia- sufriu durante dous anos por parte do seu coordinador de planta e tamén por parte da médica da empresa. Si nega rotundamente ter "ameazado de morte" o seu xefe, outra das acusacións recollidas na carta. Lena afirma ter sido obxecto de mobbing, unha situación que a levou a solicitar a baixa e a requirir tratamento médico, a causa dun cadro agudo de ansiedade.
"Vale, falei mal de Mercadona. Pero o que deberían preguntarse é por que os empregados de Mercadona falan mal da empresa", di. As denuncias de Lena, máis aló do seu caso concreto e da legalidade ou ilegalidade do seu despedimento, veñen sumarse a un número moi grande de casos semellantes e críticas ao trato que este xigante da distribución dá ao seu persoal. "Esta situación é habitual en moitas tendas de Mercadona. Tiven compañeiras que sufriron cousas semellantes e acabaron por abandonar a empresa. O que pasa é que hai medo, ningunha se atreve a falar", explica.
Ela mesma recoñece ter nestes momentos "un medo atroz". Aínda non sabe se denunciará legalmente o seu caso, advertida por avogados e polo seu propio sindicato de que a acusación mesmo a podería prexudicar máis. Como explicaba unha reportaxe publicada por La Marea en 2014 (Mercadona, derechos laborales de marca blanca), as cláusulas incluídas nos contratos laborais de Mercadona protexen a empresa de Juan Roig de posibles denuncias, e poden derivar no pagamento de fortes indemnizacións por parte dos traballadores denunciantes.
Aquela reportaxe facía un retrato moi duro da situación que sofren os traballadores e traballadoras de Mercadona en todo o país. "O método de traballo [co pomposo nome de Calidad Total] é de tal esixencia que os empregados e sindicatos consultados coinciden en que provoca un grande estrés no persoal. En ocasións, traballadores e ex traballadores refírense a el como un ideario máis propio dunha seita", escribía o xornal, que tamén sinalaba que a compañía botaba man con frecuencia dos despedimentos disciplinarios, coma o efectuado nesta ocasión, para aforrar o pagamento de indemnización: "Aléganse escusas falsas ou de carácter moi leve que elevan a grave amparándose no mesmo método Calidad Total. Por exemplo, colocar mal unha botella nos andeis, non sorrir a un cliente, dar un golpe a unha porta ou chegar cinco minutos tarde son motivos considerados por Mercadona como constitutivos dun despedimento disciplinario".
"Todo o que se le aí, é a realidade. Mercadona non quere traballadores, quere adeptos", conta Lena, que nos tuits denunciados facía referencia a esa presión continua e á imposibilidade de realizar críticas internas: "Mercadona é unha empresa que che di que lle fas perder cartos cando esixes os teus dereitos ou non tragas" ou "Mercadona, empresa líder en acoso laboral e en crearlle ansiedade aos seus empregados". Lena sinala que o seu caso confirma unha das críticas que sempre se lle fixo á empresa: a de rastrear as redes sociais e internet na procura de comentarios críticos realizados polos seus traballadores. "O único que queren é que cales a boca. Pero eu son unha persoa que non pode calar as cousas e metín a pata", conclúe.
A presión dos servizos médicos da empresa
As críticas de Lena diríxense tamén aos servizos médicos da empresa. Mercadona é unha empresa autoaseguradora (xestiona e paga ela mesma as baixas laborais por enfermidade ou incapacidade) e dispón dun servizo médico privado. "Hai moi pouco absentismo, non porque teñamos unha saúde de ferro, senón porque non aparecemos nas estatísticas do INSS", comenta. En xaneiro OK Diario publicou que un xulgado de Murcia estaba a investigar as supostas presións de Mercadona aos médicos da empresa e dunha mutua privada para que os empregados sufriran accidentes laborais non obtivesen a baixa.
Lena denuncia que "intentan que non vaias aos médicos do sistema público e presiónante ao máximo para que non collas unha baixa". "Se a colles -engade- a presión aumenta: Chámante todos os días, obrígante a ir a moitas citas... Se tes algún familiar traballando na empresa, a presión é dobre, porque ameazan con prexudicar tamén a esa persoa". "Ademais, como lle digo a unha persoa cuxo salario depende de Mercadona que a empresa me está facendo acoso laboral?", pregúntase. Lena comenta ademais que, ante a presión que recibía dos médicos da compañía, nunha ocasión pediulle á unha delegada da CIG que a acompañase á xuntanza á que fora citada, pero finalmente a médica negouse a que a sindicalista estivese presente. Outra das denuncias realizadas habitualmente contra Mercadona ten que ver, precisamente, coas dificultades impostas á actividade sindical, un tema no que Lena se amosa moi crítica con UGT e CC.OO. En 2011 unha sentenza do Xulgado do Social da Coruña condenou a empresa a indemnizar a unha traballadora, delegada sindical da CIG, despois de que o seu xefe a presionase facendo depender o pagamento da súa prima por obxectivos de que deixase de representar a ese sindicato
Nos últimos anos a CNT denunciou varios casos semellantes ao de Lena en Ferrolterra. O máis recente, o pasado mes de marzo, refírese a unha traballadora que, tras sufrir un accidente laboral, se reincorporou con xornada reducida, por conciliación da vida familiar e laboral. "A traballadora foi convidada, repetidamente e cada vez con máis apremio, a que renunciara a ela. Como non accedeu a isto, as tácticas de acoso foron endurecéndose", salienta o sindicato.
Como explicaba La Marea na súa reportaxe, Mercadona "especifica claramente aos traballadores que, en caso de accidente, enfermidade, embarazo ou consulta médica, deberán notificarllo ao coordinador da tenda para que este á súa vez lles facilite o contacto do médico de persoal da empresa. Isto impide que o empregado acuda á mutua ou ao seu médico de cabeceira e, polo tanto, que haxa baixa. O máximo que se conceden son os chamados días de descanso, sen baixa, e durante os cales o médico de persoal chamará cada día ao traballador para que se incorpore ao traballo". "Nesta gran familia que é Mercadona, o médico de empresa xoga un papel determinante para reducir o número de baixas, polo que calquera intento de acudir á mutua ou de seguir as prescricións do teu médico de cabeceira estará supeditado ao criterio do chamán desta feliz e laboriosa seita que é o teu supermercado de confianza", engade a CNT, facendo referencia a un dos lemas da cadea.