O tribunal corrixe unha sentenza dun xulgado do Social da Coruña e rebaixa de nulo a improcedente o despido dunha empregada tras unha baixa na que coordinadoras da empresa coñeceron o diagnóstico sanitario e amosaron o seu desacordo con el
A comezos deste ano fíxose pública unha sentenza dun xulgado do Social da Coruña que condenaba a Mercadona polo despido nulo dunha traballadora tras volver dunha baixa por consideralo "discriminación por enfermidade". A empresa recorreu e agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de darlle parcialmente a razón e rebaixa o despido de nulo a improcedente. A mudanza supón que Mercadona xa non ten que readmitila de xeito obrigatorio e indemnizala ademais con 5.000 euros, senón que pode elixir entre a readmisión ou despedila cunha indemnización de 15.000 euros.
Pero a sentenza si considera que o xeito en que se produciron os feitos, cun sistema de control de baixas por parte de Mercadona que permite a coordinadoras de tendas coñecer o diagnóstico sanitario das traballadoras, "puidera infrinxir a normativa vixente respecto á protección de datos", polo que o TSXG acorda deducir testemuño e remitir o caso á Axencia Española de Proteccion de Datos unha vez a sentenza sexa firme.

A traballadora en cuestión, que contaba co apoio da CIG, estivo de baixa por un trastorno de ansiedade. Nos meses previos á baixa un psiquiatra ligara o sen "trastorno ansioso-depresivo" á "presión laboral" e, cando xa estaba en situación de incapacidade temporal, o tratamento psicolóxico ao que acode voluntariamente conclúe que esa presión laboral ten como "raíz" a pandemia da COVID. Ao regresar da baixa, a muller pasou do posto de caixeira que viña exercendo ao de encargada da sección de froitaría coa posibilidade de "ser requirida para prestar servizo no forno ou nas caixas" se as súas superiores o ordenaban.
Apenas medio ano despois de regresar ao traballo a empresa despediuna alegando diversos erros no seu labor, unha medida disciplinaria que o Xulgado do Social número 1 da Coruña considerou nula hai uns meses por estimar que o despedimento era realmente unha "discriminación por razón de enfermidade".
O sistema de control de "baixas KO" de Mercadona, con coñecemento por parte das encargadas de "datos protexidos", aplícase "a todos os traballadores de baixa médica", segundo a sentenza do TSXG, que o considera "pouco ortodoxo"
Entre outras consideracións aquela sentenza puña o foco no "feito acreditado" de que as "coordinadoras de zona" dos supermercados Mercadona "requirirían ás coordinadoras" de cada tenda "certa información acerca das baixas das xerentes en situación de baixa de longa duración", caso desta traballadora, "incluíndo se había previsión de reincorporación". Ese proceso, detallaba a sentenza, incluía "un formulario que debían cubrir as coordinadoras de tenda titulado Bajas médicas en cuxo rodapé se advertía da necesidade de incluír, na denominada "columna de baixas KO e posteriores", aquelas "coas que a coordinadora e o médico de empresa non estaban de acordo".
A sentenza dicía que as normas internas de Mercadona non contemplan esa recollida de información sobre as baixas polas coordinadoras das tendas porque a información concreta da da incapacidade "xa a ten o departamento de recursos humanos" e, sobre todo, porque supón manexar polas encargadas "datos protexidos" da saúde das traballadoras, "información que pode obterse preguntando á traballadora" pero tamén por "coñecemento os compañeiros" e que "vulnera non só o dereito fundamental á integridade física", senón tamén o dereito fundamental á intimidade persoal", ambos protexidos pola Constitución.
Aquela sentenza foi recorrida por Mercadona e agora o TSXG dalle parcialmente a razón e rebaixa de nulo a improcedente o despido. Faino porque considera que non se probou "que o motivo do despido foi exclusivamente a situación incapacidade temporal", o que levaría á súa nulidade. Segundo o tribunal, en todo caso tampouco había motivos para un despido disciplinario, e ata daquela "a traballadora fora valorada cunhas boas puntuacións", polo que debe ser considerado improcedente.
Para o TSXG, non está probada unha discriminación da traballadora a respecto das súas compañeiras porque o "protocolo" da empresa para as incapacidades temporais "aplícase a todos os traballadores de baixa médica". O tribunal tamén di que no caso da muller o que se decidiu coa aplicación dese protocolo foi retirarlle un complemento, pero "non consta acreditado que se decidise o seu despido".
"Aínda que o sistema implantado pola empresa para o control das incapacidades temporais sexa pouco ortodoxo, toda vez que se manexan datos sensibles, iso non quere dicir que a dita circunstancia acredite que o despido da traballadora obedecese unicamente á circunstancia de estar en situación de incapacidade temporal", argumenta o tribunal. Así que o despido, para o TSXG, non é nulo senón improcedente e a empresa pode escoller entre readmitila ou despedila cunha indemnización de 15.000 euros.
Pero a sentenza non queda aí. "O anteriormente exposto non quere dicir que bendigamos o mencionado protocolo, que puidera infrinxir a normativa vixente respecto a protección de datos, motivo polo que acordamos deducir testemuño da presente resolución, para a súa remisión á Axencia Española de Protección de Datos, unha vez firme", conclúe o TSXG.