"Existe vinculación entre a denegación da prima correspondente e a pertenza ao sindicato CIG e participación no proceso electoral", di unha nova sentenza dun xulgado do Social de Ourense
Son varias as sentenzas que nos últimos meses veñen condenando a Mercadona por vulnerar a liberdade sindical con represalias a persoal afiliado ou representante sindical da CIG. Así o volve facer agora novamente un xulgado so Social de Ourense que considera que a empresa denegou unha prima de 5.000 euros a unha traballadora afiliada a ese sindicato de xeito discriminatorio e condénaa non só a pagarlle eses cartos senón tamén unha indemnización de 30.000 euros.
En Ourense xa emitiron condenas por distintos casos de vulneración de dereitos sindicais por parte de Mercadona cando menos os xulgados do Social número 1 e 3, e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tamén se pronunciara sobre outro caso ratificando que o despedimento dun traballador estaba vinculado coa súa presentación a eleccións sindicais pola CIG. Agora é outro xulgado do Social, o número 4, o que emite esta nova condena.
Neste caso a empregada, contratada desde 2016 e con boas valoracións previas sobre o seu traballo, pasou a ser valorada negativamente nunha avaliación do persoal realizada a comezos de 2025, o que a deixou sen percibir unha prima anual correspondente a 2024 de 5.000 euros. A traballadora tamén estivera de baixa por un accidente laboral e ademais de estar afiliada á CIG formara parte da candidatura dese sindicato nas eleccións sindicais.
A sentenza di que a empresa limitouse a defender a mala valoración da empregada por unha entrevista persoal con "unha determinada actitude" que non puido xustificar
Segundo a sentenza, a empresa non puido xustificar a mala valoración da empregada máis alá dunha entrevista persoal "na que se insiste 'nunha determinada actitude' que resultou dificilmente obxectivable". "As razóns que achega a empresa non teñen entidade suficiente para xustificar a súa decisión", di a sentenza, que considera que "existe vinculación entre a denegación da prima correspondente ao ano 2024 e a circunstancia de pertenza ao sindicato CIG e participación no proceso electoral, así como a situación de baixa de longa duración, e o certo é que a acción de Mercadona devén nula por vulneración de dereitos, sen que a proba achegada pola demandada servise para desvirtuar esta conclusión".
Así, a sentenza condena a Mercadona a pagar á traballadora a prima de 5.000 euros e ademais a indemnizala con outros 30.000 euros pola discriminación e vulneración de dereitos.