O conflito do transporte de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña viviu este domingo un novo episodio. Varios centos de persoas, nunha marcha convocada pola CIG, manifestáronse en Santiago para demandar un "convenio digno" e reafirmar o seu rexeitamento ao acordo ao que os dous outros sindicatos do sector, CCOO e UGT, alcanzaron coa patronal.
A CIG lembra que o acordo entre a patronal, CCOO e UGT foi rexeitado polo 70% do persoal en asemblea
O sindicato maioritario no ámbito culpou da situación a empresa Monbus e a Xunta e exixiron "respecto ao resultado das votacións", tal e como se podía ler nalgunha pancarta, en referencia ao acordo alcanzado logo de varias xornadas de folga e coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais pero que foi desbotado nun referendo polo 70% do persoal, tal e como lembrou a CIG.
O acordo, lembra a central, recibiu a oposición de 831 persoas traballadoras no referendo celebrado o 4 de febreiro. Unha consulta que, di, "era vinculante para todas as partes".
“Este sector espertou, medrou en organización e en capacidade e iso era algo co que non contaban”, afirmou Ernesto López Rei, representante a CIG na mesa de negociación, quen cualificou “esta manifestación como o primeiro acto do próximo convenio. Aquí non remata o conflito, rematará a folga cando asinen o acordo, pero a loita continúa de aquí ao seguinte convenio digno, que está a volta da esquina”.
O persoal acompañante do transporte escolar denuncia unhas condicións "precarizadas" que "empeoran co acordo"
Na manifestación, o persoal acompañante do transporte escolar portaba tamén a súa propia faixa demandado avances nas condicións de traballo, que denuncian que están "altamente precarizadas" e que aínda "empeoran con este acordo", tal e como denunciou, Nieves Paz, ao remate da protesta.
A delegada do persoal advertiu que se están recortando salarios e dereitos nun colectivo “que xa parte de salarios e xornadas reducidas” e no que, en moitas ocasións, “nin sequera se recoñece o tempo real de traballo” e as contratacións se fan a través de ETT e non da empresa de transporte que presta o servizo. Fronte a isto, reivindicou condicións dignas, que se respecten os dereitos e se recoñeza a responsabilidade social do traballo que realizan.