A folga de buses na provincia da Coruña volve este luns e será indefinida desde o 2 de febreiro

Protesta na Coruña durante a primeira xornada da folga de buses o pasado venres 5 de decembro de 2025 © CIG

CIG, UXT e CCOO demandan "subas salariais decentes e mellora nas condicións de traballo" e lamentan que a patronal só lles ofrece un 1,2% de aumento do soldo sen cambios na xornada 

A folga de todo tipo de autobuses na provincia da Coruña (agás os urbanos desa cidade) que paralizou boa parte do transporte público os pasados días 5, 12, 15 e 19 de decembro volve ante a o "inmobilismo" da patronal, segundo denuncian os sindicatos convocantes, CIG, UCT e CCOO. Os paros retómanse este luns 12 de xaneiro, o martes 13, o venres 16, o luns 19 e o venres 23. E xa está convocada tamén folga indefinida a a partir do 2 de febreiro se antes non se acada un acordo. [Aquí poden consultarse os servizos mínimos].

Protesta en Santiago durante a primeira xornada da folga de buses o pasado venres 5 de decembro de 2025 © CIG

A folga vén derivada do bloqueo por parte da patronal dun novo convenio colectivo provincial que afecta tanto a buses urbanos (agás a cidade da Coruña) como interurbanos, escolares ou discrecionais. Os sindicatos reclaman unha mellora salarial e das condicións laborais, o que segundo argumentan "permitiría a renovación xeracional do sector, que conta cun persoal cunha elevada idade media, e no que as empresas día tras día se queixan da falta de man de obra".

Segundo os sindicatos, ata o momento a patronal só ofertou unha suba salarial do 1,2% que cualifican de "miserenta" e "nada" no referente ás condicións de traballo e xornada laboral. Unhas condicións de traballo que consideran especialmente malas no caso do persoal acompañante do transporte escolar, que cualifican de "escravitude".

Unha parada de bus baleira en Santiago durante a primeira xornada de folga do pasado venres 5 de decembro de 2025 CC-BY-SA Praza Pública

Os sindicatos demandan mellores condicións laborais, que aliviarían tamén os problemas de remuda xeracional das empresas e rematar coa "escravitude" do persoal acompañante do transporte escolar

As xornadas de folga desenvolvidas ata o momento saldáronse cun notable éxito, mesmo con incumprimento dos servizos mínimos impostos pola Xunta e cualificados como "abusivos" polos sindicatos. Precisamente ao Goberno galego reclama unha maior implicación como responsable das concesións de servizo público e servizos de transporte escolar que sustentan á gran maioría das empresas. Para pedir esa implicación os sindicatos convocantes maniféstanse este venres en Santiago, entre a estación intermodal e o Parlamento de Galicia.

Mentres, as concesionarias de bus da Xunta en toda Galicia veñen de recibir, segundo revelou en outubro Praza.gal en exclusiva, outros 17 millóns de euros en axudas públicas pola "excepcional situación económica". Ao tempo, e como contou o venres tamén en exclusiva Praza.gal, Monbus e Alsa veñen de ser sancionadas pola Comisión Galega da Competencia con 1,6 millóns de euros de multa e prohibición de contratar coa Xunta durante un ano por repartírense o mercado das liñas regulares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.