A folga de autobuses na provincia da Coruña volveu paralizar as estacións tras un seguimento que os sindicatos convocantes, CIG, CCOO e UGT, cualifican de "maioritario" e co servizo de autobús "practicamente paralizado". Foi este luns, na primeira das xornadas de paro "por un convenio digno" deste mes, que seguirán este martes 12 e mais os días 16, 19, 20 e 23 para virar, se non se acada un acordo antes, nun paro indefinido a partir do 2 de febreiro que xa está convocado.
Os sindicatos cualifican de "maioritario" o seguimento dunha folga que mantivo o servizo de autobús "practicamente paralizado"
Aínda que o Goberno galego elevou o cumprimento dos servizos mínimos a máis do 50% nos buses escolares e a máis do 30% no resto, o servizo de transporte por estrada sufriu un importante impacto nesta quinta xornada de folga desde que comezara o conflito.
O persoal afectado e mobilizado concentrouse no edificio de Mobilidade da Xunta na Coruña, nas cocheiras da empresa Monbús en Amio (Santiago) e diante do edificio da Xunta en Ferrol para reclamar "o desbloqueo inmediato da negociación e un convenio que mellore as condicións laborais e salariais do sector", segundo indica a CIG.
Os sindicatos denuncian a negativa da patronal a sentar a negociar, así como o "inmobilismo" nas propostas presentadas. Acúsana de ofrecer un incremento do 2% nos salarios sen tocar ningún outro aspecto dos reivindicados. Por iso, as centrais advirten da posible intensificación do paro e dun conflito que pode converterse "nun dos máis duros que se lembran no sector".
Os sindicatos advirten da posible intensificación do conflito ante o "inmobilismo" da patronal
En decembro o persoal secundou catro xornadas de folga, en xaneiro hai convocadas seis e, de non haber avances, o paro tornarase en indefinido desde o próximo 2 de febreiro. "A responsabilidade única de que esteamos en folga e de que a xente quede nas paradas é da patronal, de Monbús, Alsa e Arriva; e da Xunta por non facer nada”, advirte a CIG.
Convenio catro anos caducado
Os sindicatos denuncian que o convenio leva catro anos caducado e que xa foi superado pola normativa actual en materias como conciliación ou control horario, así como que os salarios do persoal están conxelados dende 2024. As reivindicacións céntranse en incrementos salariais dignos e unha cláusula de revisión ao IPC, a redución da xornada laboral e a limitación da xornada a disposición das empresas, e mellorar os permisos retribuídos e os dereitos de conciliación, así como avanzar nos dereitos do persoal acompañante do transporte escolar que sufre condicións moi precarias.
Xa que logo, as xornadas de folga desenvolvidas ata o momento saldáronse cun notable éxito, mesmo con incumprimento dos servizos mínimos impostos pola Xunta e cualificados como "abusivos" polos sindicatos. Precisamente ao Goberno galego reclama unha maior implicación como responsable das concesións de servizo público e servizos de transporte escolar que sustentan á gran maioría das empresas.
Mentres, as concesionarias de bus da Xunta en toda Galicia veñen de recibir, segundo revelou en outubro Praza.gal en exclusiva, outros 17 millóns de euros en axudas públicas pola "excepcional situación económica". Ao tempo, e como contou o venres tamén en exclusiva Praza.gal, Monbus e Alsa veñen de ser sancionadas pola Comisión Galega da Competencia con 1,6 millóns de euros de multa e prohibición de contratar coa Xunta durante un ano por repartírense o mercado das liñas regulares.