O 28 de xullo de 2005 faltaban apenas cinco días para que Emilio Pérez Touriño tomase posesión como presidente da Xunta e o Goberno en funcións dirixido por Manuel celebraba o seu derradeiro Consello. Naquela xuntanza aprobáronse diversos asuntos de trámite dos que se informou, como adoito, á prensa. Pero na referencia pública da reunión non se incluíu que o gabinete lle dera luz verde á aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para que a filial de Pescanova Insuíña S.L. puidese construír unha "planta de engorde de peixes planos" no cabo Touriñán, en Muxía. Case dez anos despois o Tribunal Supremo vén de confirmar que aquela decisión foi irregular e, ademais, vén de condenar o Goberno galego a indemnizar a empresa con máis dun millón de euros.
Para poder aprobar ese plan o penúltimo Consello da Xunta que encabezaba Manuel Fraga e vicepresidía Alberto Núñez Feijóo aprobara seis días antes o Plan Sectorial de Ordenación Territorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega. Esta decisión, tomada obviamente tamén co Goberno en funcións, foi tomada, segundo o Supremo, "aos efectos da aprobación" do proxecto de Pescanova. A mediados de agosto, xa coa coalición de PSdeG e BNG en San Caetano, entraba en vigor unha autorización que durou menos dun ano, toda vez que o Executivo bipartito consideraba que o seu empramento nun espazo da Rede Natura sen a previa declaración de impacto ambiental adoecía de irregularidades.
O TS constata que o proxecto, aprobado pola Xunta do PP en funcións e anulado polo bipartito, era "nulo de pleno dereito"
Así as cousas, o Consello da Xunta do 22 de xuño de 2006 decidiu a revisión dos plans do gabinete Fraga baixo a premisa de que "para aprobar un proxecto que poida afectar de forma apreciable" un enclave da Rede Natura "debería someterse previamente a unha axeitada avaliación das súas repercusións" ambientais para así "compatibilizar o desenvolvemento da actividade acuícola coa conservación da natureza". Este foi o contexto no que o Goberno galego de socialistas e Bloque vetou definitivamente a planta de Touriñán mentres quen xa era líder do PP galego na oposición, Feijóo, cualificaba o panorama de "desolador" e censuraba que "un proxecto aprobado con consenso" e "cumprindo as leis" agora "teña que marchar a outro lado", ao tempo que comparaba a Touriño co presidente boliviano, Evo Morales.
Feijóo considerou "desolador" o veto ao proxecto e asegurou na oposición que se aprobara "cumprindo as leis"
Tras case unha década e despois tamén da creba de Pescanova o Supremo sinala no seu ditame que "se algo quedou claro" nas sentenzas previas sobre este caso é que o plan aprobado en 2005 "estaba viciado de nulidade de pleno dereito" e "foi precisamente ese vicio" o que subsanou a anulación. "Dita planta en modo algún era conforme á legalidade urbanística", enfatiza o maxistrado, quen explicita tamén que "era legal a declaración de nulidade e así foi sancionada en sentenza". "Esa legalidade da declaración de nulidade deixa en evidencia a irregular aprobación do plan e do proxecto". E, precisamente, por esa irregularidade do goberno de Fraga en funcións, a Xunta ten que abonarlle agora á empresa un montante de 1,09 millóns de euros.
"En modo algún era conforme á legalidade urbanística", di a sentenza
Malia ter que pagar o certo é que a indeminización é notablemente inferior á que reclamaba Pescanova, que pretendía recibir 9 millóns de euros públicos en concepto de lucro cesante, isto é, dos cartos que deixou de ingresar por non poder construír a piscifactoría. Como xa fixera o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Supremo indica que a Xunta debe "resarcir" a multinacional polos gastos que fixo e que resultaron "inútiles" como "causa directa e inmediata da decisión administrativa de aprobar un proxecto" que, posteriormente, "se constatou que" dende o inicio era nulo de pleno dereito. Así as cousas, do erario sairán 968.000 euros "en concepto de instalacións técnicas" e 122.000 máis para compensar a Insuíña por "estudos ambientais, topográficos e analíticos das augas".