Falseamento das contas anuais, falseamento de información económica e financeira, estafa, alzamento de bens ou branqueo de capitais, insolvencia punible, falsidade en documento mercantil, uso de información relevante e impedimento da actuación do organismo superior. Estes son os delitos dos que o xuíz da Audiencia Nacional José de la Mata considera que hai indicios dabondo para xulgar o ex-presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa-Faro, e a ex-cúpula da sociedade.
De la Mata ve indicios dabondos para xulgar a De Sousa-Faro, outros 18 directivos e 12 sociedades por maquillar as contas de Pescanova con prácticas irregulares
Así o ditou o maxistrado no auto de procedemento abreviado no caso Pescanova e que pon fin a unha instrución de cinco anos. De la Mata considera que deben ser xulgadas 19 persoas e unha ducia de sociedades, entre elas Pescanova SA, por maquillar a situación financeira da pesqueira entre 2009 e 2012 mediante "prácticas contables irregulares".
Segundo os feitos relatados polo xuíz, o grupo Pescanova, ante a situación de insolvencia que presentaba, decidiu alterar as contas que presentaba ao mercado mediante as devanditas prácticas irregulares para que as consecuencias desas operacións non quedasen rexistradas na súa contabilidade nin aparecesen nas contas anuais nin informes que presentaban á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).
"Con estas prácticas, os investigados minoraron indebidamente a débeda financeira a contabilizar polo Grupo Pescanova -constituída practicamente por débeda con entidades de crédito- en cantidades moi importantes, o que lles permitía elaborar as súas contas anuais e demais documentos contables e informativos consignando deliberadamente neles resultados positivos que non se correspondían coa realidade, pois tanto Pescanova SA como o Grupo consolidado presentaban patrimonios netos e resultados negativos millonarios", afirma De la Mata.
O xuíz relata como a dirección de Pescanova consignaba resultados positivos que non eran reais para manter o financiamento exterior
O maxistrado explica que, malia a situación, o financiamento externo foi aumentando o nivel de endebedamento ata límites de risco moi elevados e para esquivar esa situación e seguir obtendo ese financiamento externo, algúns responsables de Pescanova "decidiron realizar certas prácticas comerciais irregulares, aínda sabendo que con elas inevitablemente agravaban a súa situación financeira e patrimonial, que terían que ocultar aos seus investidores, accionistas, acredores e ao organismo regulador".
En canto ao presunto falseamento de contas, o xuíz advirte de que se produciu como mínimo entre 2009 e 2011 e que continuaba coas contas preparadas para 2012. Así, indica que os administradores, en responsabilidade compartida cos auditores, terían aprobadas unhas contas maquilladas que non amosaban a imaxe real e fiel da compañía. Tal foi o calote, advertían algúns querelantes, que entre 2012 e 2013 algúns analistas financieros recomendaron investir neses valores tendo en conta a información facilitada, o que provocou un grave prexuízo nos que subscribiron accións.
Analistas financeiros seguían recomendando investir en Pescanova pola información falsa que se lles facilitara desde o grupo
Así, entre os meses de xullo e agosto de 2012 produciuse unha ampliación de capital da antiga Pescanova mediante a emisión de 9.290.464 novas accións por preto de 125 millóns de euros.
Segundo De la Mata, das actuacións "despréndense indicios de que non só se produciu esa falsa información ao investidor, senón que se chegou a producir o resultado lesivo para este último, dado que tal e como obra en autos, chegouse a producir un prexuízo para os novos accionistas, que basearon o seu investimento nunha información e uns datos que resultaron ser falsos".
"Produciuse un prexuízo para os novos accionistas, que basearon o seu investimento nunha información que resultou ser falsa"
Por outra banda, e en canto ao presunto delito de estafa, advirte o xuíz que moitos bancos e entidades financeiras accederon a financiar a Pescanova e o seu grupo de sociedades por estar plenamente confiados na solvencia reflectida en toda aquela información falsa ou nas operacións comerciais ficticias nas que se xeraban as facturas. Neste caso o auto sinala a unha operativa controlada polos investigados Ángel González Domínguez desde o departamento de Contabilidade e José Manuel Gil González desde a área financeira.
Peza separada para investigar a familia de Fernández de Sousa
Alén disto, noutro auto, De la Mata abre unha peza separada para investigar a muller de Fernández de Sousa, María Rosario Andrade, e dous dos seus fillos en relación cunhas contas abertas nun banco de Andorra que os anteriores non declararan ante a Facenda Pública, de acordo co modelo 720 de declaración de bens no estranxeiro.
Segundo a investigación, en outubro de 2015 bloqueáronse tres contas dos tres investigados en Andbank por un total de máis de 3,26 millóns de dólares, unhas 263.000 libras e máis de medio milón de euros correspondentes a diversos ingresos e rendibilidades e cuxa orixe última dos fondos, tal e como relata o xuíz, descoñécese e que permaneceron ocultas en todo momento á facenda pública española".