As vendas non se coñeceron até este mesmo luns por unha comunicación do presidente de Pescanova á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), precisamente o día en que a empresa presentou ante o Xulgado do Mercantil de Pontevedra a solicitude de concurso voluntario de acredores.
As sociedades Inverpesca S.A. e Sociedade Anónima de Desenvolvemento e Control venderon ao mercado un total de 1,986 millóns de títulos, representativos dun 6,9% do capital, polo que a participación de Manuel Fernández de Sousa sitúase agora no 7,45% de Pescanova e segue sendo o maior accionista, segundo declarou ao presidente de Pescanova.
"Preocupado pola situación de tesouraría do grupo e as dificultades que Pescanova tiña para financiarse, decidiu pór o seu patrimonio a disposición da compañía", xustifica a empresa
Segundo os rexistros da CNMV, Manuel Fernández de Sousa era o máximo accionista de Pescanova cunha participación do 14,42% do capital social. No documento presentado ao supervisor bolsista, Fernández Sousa insiste en que, "preocupado pola situación de tesouraría do grupo e as dificultades que Pescanova tiña para financiarse, decidiu pór o seu patrimonio a disposición da compañía para resolver problemas urxentes de liquidez", e deu instrucións aos administradores das súas sociedades para que o diñeiro neto resultante da venda se empregase con ese obxectivo.
Pescanova subliña que o seu presidente achegou á CNMV os documentos que acreditan a entrega á compañía destes préstamos a principios de febreiro, o que é "moi significativo" porque naqueles momentos "seguía intacta a imaxe" da empresa. A incapacidade de Fernández de Sousa para presentar as contas de Pescanova e as discrepancias cos auditores supuxeron un golpe para a reputación dunha empresa que sofre un alto nivel de endebedamento.
A empresa pretende ofrecer aos seus acredores unha proposta que permita manter a actividade e do emprego
Ao anunciar a solicitude de concurso de acredores, a compañía asegura que pretende ofrecer aos seus acredores unha proposta de acordo que permita o mantemento da actividade e do emprego.
Pescanova ten como data límite este luns para presentar as contas do exercicio 2012, acompañadas dunha declaración de responsabilidade dos administradores, e concretar a súa débeda á CNMV. A multinacional galega podería incorrer en perdas, cunha débeda de 2.700 millóns de euros, é dicir, uns 1.200 millóns de euros por riba do que figura no pasivo auditado (1.522 millóns de euros ao peche do terceiro trimestre de 2012).
Algúns provedores de Pescanova empezan a sufrir as consecuencias dos problemas de liquidez da multinacional galega. Desde o luns suprimiuse o servizo de seguridade na súa sede principal en Chapela (Redondela), que tiña contratado a unha empresa externa, Securitas.