A Audiencia envía a prisión os ex-directivos de Novacaixagalicia polas indemnizacións millonarias

Feijóo celebra a fusión cos directivos en maio de 2010. Entre eles, os agora detidos Gayoso (segundo pola esquerda) e Pego (primeiro pola dereita) © Xoán Crespo

A Audiencia Nacional enviou este luns á cadea aos ex-directivos de Novacaixagalicia condenados polas prexubilacións millonarias que se concederan. A orde foi ditada contra Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego, Gregorio Gorriarán, Óscar Rodríguez Estrada e Ricardo Pradas. Os cinco xa están na prisión, segundo confirman a Praza.gal fontes xurídicas. 

A Audiencia Nacional rexeita a habitual suspensión da execución das condenas de dous ou menos anos de cadea

Malia que foran condenados a dous anos de prisión -unha pena que é suspendida en case todos os casos ao non superarse os 24 meses- neste caso a Sección Terceira da Audiencia Nacional rexeitouno e considera que a gravidade da actuación dos ex-directivos, no medio dun proceso que acabou coa desaparición das caixas e o rescate do que quedaba delas por máis de 9.000 millóns de cartos públicos, empurra a que a condena se cumpra de maneira efectiva

A nova -que supón a primeira pena de prisión a directivos bancarios nos numerosos escándalos financeiros no Estado- chega catro meses despois de que o Supremo ratificase a condena da Audiencia Nacional pero a declarase "exigua" e "desproporcionada", pero non polo seu exceso senón por mínima. Este ditame do tribunal tamén é considerado para agora ordenar a detención dos ex-directivos das caixas, como confirman tamén fontes do TSXG. 

A Audiencia ten en conta a gravidade dos feitos, o ditame do Supremo e que os condenados aínda non devolvesen os cartos

Ademais, para acordar o ingreso en prisión a sección terceira da Sala do Penal tivo en conta tamén que os condenados non devolveron os cartos que se fixaron en sentenza e que teñen aínda causas pendentes coa xustiza. Pego, Gayoso e Rodríguez Estrada pasaron xa a noite na prisión pontevedresa da Lama tras ser detidos en Vigo, mentres que Gorriarán e Pradas foron arrestados en Madrid. 

O Tribunal Supremo aclaraba que os directivos levaron a cabo "inequívocos actos apropiatorios con fins de lucro persoal" e non "meros excesos ou abusos" no marco das súas competencias. E insiste en que os seus actos "non poden interpretarse como o resultado de actos de deslealdade co patrimonio administrado ou froito de decicións equivocadas na administración", senón que fixeron súas as cantidades millonarias "a través dun mecanismo expropiatorio que vai moito máis alá da adopción de actos erróneos na administración".

O Supremo confirmara a condena da Audiencia Nacional pero considerouna "exigua"

A nómina de encarcerados encabézaa quen fora amo e señor de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, que non se asignou indemnización ningunha pero a quen o tribunal considera responsable do acontecido. Canda el, José Luis Pego, antigo director xeral da caixa fusionada, a cal abandonou cunha compensación de 7 millóns de euros; Gregorio Gorriarán, que fora responsable da división inmobiliaria da entidade e levou unha indemnización de case 5 millóns; e máis a Óscar Rodríguez Estrada, responsable da "integración" das caixas indemnizado con 700.000 euros.

O avogado Ricardo Pradas, asesor de confianza de Gayoso completa unha nómina de condenados e agora detidos que, segundo a sentenza da Audiencia Nacional, cometeron un delito de administración desleal "en concurso cun de apropiación indebida, na súa modalidade de xestión desleal". Ademais da pena de dous anos de prisión e a devolución dos cartos (que o Supremo rebaixou), os ex-directivos tiveron que pagar unha multa de 250 euros ao día durante dez meses e ficaron inhabilitados durante o tempo da condena para "o emprego que desempeñaban cando realizaron os feitos". 

Méndez e García de Paredes, libres

Gayoso dá unha aperta a Mauro Varela (Caixa Galicia) no acto de sinatura da fusión, en 2010, en presenza de Feijóo / Conchi Paz

A Audiencia Nacional xulgou e sentenzou sobre as indemnizacións (18,9 millóns en total) que estes executivos se autoadxudicaran en 2010 desde os despachos máis altos daquela entidade, Novacaixagalicia, sociedade efémera que naceu da fusión de Caixa Galicia e Caixanova antes de ser vendida polo FROB. A súa detención será un novo episodio escuro do denominado capitalismo feudal das caixas en Galicia

Méndez librouse do preito tras pactar a súa saída de Caixa Galicia antes da fusión

Con todo, a salvo de sentenzas xudiciais quedan outros privilexios como os plans de pensións tamén millonarios establecidos nas antigas caixas de aforros. O propio Pego acumula un fondo de 10,8 millóns. A Javier García de Paredes, director adxunto de Novacaixagalicia e absolto no caso das indemnizacións correspóndenlle 5,1 millóns. Gregorio Gorriarán ten 9,2 millóns e Óscar Rodríguez, 8,1.

José Luis Méndez, ex-director xeral de Caixa Galicia, librouse do preito das indemnizacións tras pactar a súa saída a tempo, en 2010, cando o Banco de España, tras ver os números da entidade e a súa exposición ao ladrillo, considerou o banqueiro incompatible con calquera plan de futuro. Cobrou por marchar 18 millóns de euros, exactamente a cantidade que esixiu para afastarse do proceso de fusión.

Imaxe corporativa de Novacaixagalicia © NGB

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.