O PP admite agora que parou tres anos a investigación ás caixas para "arrefriar o debate"

Feijóo celebra a fusión cos directivos en maio de 2010. Entre eles, os agora detidos Gayoso (segundo pola esquerda) e Pego (primeiro pola dereita) © Xoán Crespo

Tres anos no conxelador para "arrefriar o debate". O 4 de outubro de 2013 celebrouse a, ata agora, última sesión ordinaria da comisión de investigación sobre o acontecido na fusión de Caixa Galicia e Caixanova e mais na xestión do proceso que rematou coa venda de Novagalicia Banco á entidade venezolana Banesco, actual propietaria de Abanca. Naquela altura o PP considerara que non ía ser "nada útil" continuar ou ampliar os traballos parlamentarios en torno ás desaparecidas grandes caixas galegas. Este martes, tres anos e cinco eleccións despois, os propios populares deron en aprobar no Parlamento o reinicio da comisión e en admitir, ademais, que a parálise foi unha decisión da dirección do grupo que sustenta o Goberno de Alberto Núñez Feijóo co obxectivo de lograr o devandito "arrefriamento" do debate político en torno ás caixas.

"É certo que houbo unha decisión de arrefriar o debate e voulles explicar por que, porque son eu o responsable e se hai que pedir desculpas, pídoas eu", expuxo o voceiro do PP, Pedro Puy, dende a tribuna parlamentaria. De feito, di o líder da maioría na Cámara, esa "é unha das poucas cousas que me ten recriminado o presidente a nivel privado". Segundo o relatado por Puy, el foi quen ditaminou a parálise e fíxoo para "non interferir no proceso de recapitalización" de Novagalicia Banco e para que Abanca "puidese saír sen ruído". "Fixémoslle un gran servizo ao país", conclúe, e a o tempo a Cámara non perturbou o proceso xudicial contra os ex-directivos, razoa.

Coa parálise "fixémoslle un gran servizo ao país", afirma o PP

"Por que non dixo isto hai tres anos? Quen é vostede para decidilo?", retrucou dende En Marea Antón Sánchez, que ve no relato do conservador "a guinda do pastel da tomadura de pelo, da patrimonialización das institucións por parte do PP". "Decidiu vostede que estaba por riba da democracia", agrega a voceira do BNG, Ana Pontón, que xunto ao PSdeG formulou a súa propia petición de comisión -cómpren 15 escanos para solicitala-. No entanto, advirte a nacionalista, esta é xa "a terceira ou cuarta versión" da paralización nun contexto no que o PP chegou a dicir "que a comisión estaba funcionando e que nos estabamos inventando unha realidade paralela" ao denunciar que o PP a bloqueara.

"Utilización espuria das institucións"

O outro propoñente da comisión formulada dende a banda esquerda da Cámara, o socialista Abel Losada, coida que o debate deste martes é un capítulo máis do que foi "un dos maiores exemplos de utilización espuria das institucións" por parte do PP, un espisodio "Entre a magdalena de Proust, á busca do tempo perdido, e o albariño co que o señor Feijóo brindaba cos directivos das caixas". Ao cabo, lamenta, transcorreron xa "seis anos" durante os que a oposición nin sequera puido dispoñer de información completa sobre o rescate e a fusión, proceso tras o cal só resta preguntarse se "de verdade, non era posible que o sector público xestionase un activo que valería cada vez máis". No entanto, lamenta, "agora o que valen para as arcas públicas" as antigas caixas "son menos 8.000 millóns de euros".

O texto aprobado deixa fóra a petición de "novo período de comparecencias e solicitudes de documentación" que formularon PSdeG e BNG e apoiou toda a oposición

Foi neste contexto no que se chegou á votación. O texto finamente votado, o do PP -o PSdeG reclamou unha transacción, que o letrado da Cámara viu antirregulamentaria, e o BNG votou a prol das dúas- insta á creación dunha comisión de investigación "para analizar e avaliar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex-directivos", pero só cun "obxecto": "rematar os traballos" da anterior lexislatura.

Segundo Puy, non haberá "ningún inconveniente" en "incorporar información dispoñible en relación coa venda" da entidade. No entanto, o aprobado deixa fóra o reclamado por socialistas e nacionalistas, tamén apoiado por En Marea, no referente a "abrir un novo período de comparecencias e solicitudes de documentación" e concluír os traballos nun "máximo" de 6 meses. O PP, non obstante, xa adianta algunha das súas conclusións: "É unha mágoa que se perdesen" as antigas grandes caixas, afirma, Puy, "pero o negocio non foi tan malo" á vista do que é Abanca. E isto sucedeu "entre outras cousas, pola actuación política do goberno do PP", conclúe.

Un intre do pleno deste martes CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.