No pasado mes de xuño cumpríronse dez anos desde que os consellos de Caixa Galicia e Caixanova daban o visto e prace para o seu "plan de integración". No vindeiro mes de novembro, o día 29, cumprirase unha década desde que as grandes caixas de aforros do país rubricaran a escritura da fusión naquel lembrado acto solemne encabezado por Feijóo, presidente da Xunta que levaba meses pulando por unha unión coa que se garantiría a "solvencia" e a "galeguidade".
A Xunta pulou hai unha década pola fusión das caixas aludindo á "solvencia" e á "galeguidade": a entidade resultante quebrou e tornou nun banco venezolano
Nin "solvencia", nin "galeguidade". Aqueles actos de fotografías para a posteridade que comezaran cos primeiros contactos para a fusión en novembro de 2009, ao pouco da chegada de Feijóo ao poder, acabaron por ser o inicio dun fracaso. Rematado nun rescate con ata 9.000 millóns de euros públicos perdidos e os restos das dúas grandes caixas galegas tornando nun banco privado en mans dun grupo venezolano.
Agora, dez anos despois e como cada pouco, a pantasma daquela desfeita aparéceselle á Xunta. Desta vez a través dun auto da Audiencia Nacional que lle lembra o errado daquela "obrigada" fusión, que sinala o seu proceder e que culpa unha das entidades --Caixa Galicia-- da quebra posterior da entidade resultante. Tanto ten. O presidente da Xunta xa amosou este martes a súa "sorpresa" polo ditame do tribunal e virou a responsabilidade cara ao Banco de España, malia que a historia teima en centrar a ollada no Executivo autonómico.
A Audiencia Nacional volve pór o foco sobre aquel proceso de fusión, culpando a Caixa Galicia da quebra e sinalando a Xunta por unha unión "obrigada"
"Caixanova nunca tería sido intervida se non fose obrigada a fusionarse con Caixa Galicia, dando lugar a Novacaixagalicia", di a Audiencia Nacional, que asegura que a "única razón pola que o FROB interveu" a entidade foi "pola situación económico-financeira na que se atopa en 2010" a entidade coruñesa antes da fusión.
Nada parecido ao que se contaba hai unha década. Antes de confirmar a fusión, as dúas entidades advertían de que precisarían uns 1.200 millóns de euros do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria para unha unión que, dicían, sería rendible en pouco tempo e coa que pecharían 300 oficinas. Malo será.
Contaban co aval para o matrimonio da Xunta, cuxa conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, estampara en marzo a súa sinatura entre a de José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso para dar conta do inicio oficial das negociacións e do seu apoio. Meses antes, o Goberno galego esgrimiu para a fusión un documento clave. O que o 20 de xaneiro daquel ano presentara como unha "auditoría externa encargada pola Xunta de Galicia" á consultora internacional KPMG que "avala a solvencia da fusión", segundo dixera.
A Xunta apoiou a fusión e esgrimiu, fundamentalmente, unha auditoría que disque "avalaba" o proceso: a propia consultora dixo que non era tal nin avalaba nada
En realidade, como se soubo despois e como a propia KPMG reiteraría en público, a consultora nunca realizou unha auditoría nin "avalou" a fusión. Tratábase dun informe que "en ningún caso era unha auditoría" e que "non recomendaba a fusión" que acabou celebrándose, tal e como advertiu no Parlamento e no Congreso un dos executivos que o elaborou. Si incluía unha "recomendación", pero non era fusión paritaria, senón "a absorción de Caixa Galicia por parte de Caixanova". Custou 1 millón de euros tras un acordo do Consello que non foi feito público e unha contratación consumada cando a consultora levaba 20 días traballando no documento.
O acordo madurouse, pero antes de confirmarse, Méndez, director xeral de Caixa Galicia, anuncia a súa xubilación e accede a un retiro que, segundo varias fontes, supúxolle uns 18 millóns de euros. Semanas antes de que no outono se rubricase a escritura da fusión. Pero a festa, como a champaña vertida, perdeu forza axiña.
A realidade --e a crise-- bateron con forza e a mediados de 2011 o Estado inxecta xa mil millóns de euros públicos máis en Novacaixagalicia, que transfire o seu negocio bancario a unha nova entidade, Novagalicia Banco, que será rescatada a finais de ano con case 2.500 millóns de euros máis.
A entidade virou pública e a Xunta deixou de ter calquera tipo de influencia sobre o seu futuro. O Goberno de España, presidido por Mariano Rajoy, advirte de que venderá Novagalicia "o antes posible" e, no medio do peor da recesión económica, agroma o conflito das preferentes, con milleiros de aforradores intentando recuperar os seus cartos. A UE concede o rescate bancario a España e José María Castellano, daquela máximo dirixente da entidade, pide 6.000. O FROB, a finais de ano, aproba unha inxección no banco de case 5.500 millóns de euros.
Xa en decembro de 2013, o Estado culmina a venda dos restos das caixas galegas por uns 1.000 millóns de euros ao grupo venezolano Banesco. De aí xurdiu Abanca, que a comezos deste ano xa sumara en beneficios máis do triplo do que lle custara mercar Novagalicia Banco.
O Estado culmina a finais de 2013 a venda dos restos das caixas por 1.000 millóns logo dun rescate de 9.000 millóns de euros públicos que non se recuperarán
No balance, os cálculos do Banco de España advirten de que no camiño quedaron 9.000 millóns de euros públicos que nunca serán recuperados. E mentres, foron entrando --e saínda ao pouco-- na cadea algúns dos ex-directivos que lideraban aquela fusión por mor do caso das inmdenizacións millonarias.
Agora, maís de dez anos despois de que todo comezase, a Audiencia Nacional volve poñer o foco sobre unha operación que BNG e PSdeG cualfican de "grave" e pola que piden "explicacións inmediatas" a Feijóo. Sinala o tribunal algo tan sabido como convenientemente obviado nalgúns círculos: que o rescate das caixas foi provocado pola quebra de Caixa Galicia e que a fusión acabou sendo imposta a Caixanova malia o negro do panorama que se albiscaba. E todo cun escurantismo que aínda continúa.
A comisión de investigación das caixas no Parlamento foi paralizada e a Xunta condenada polo TSXG por non entregar documentación do proceso á Cámara
Aínda neste verán, o TSXG condenou a Xunta por non entregar documentos sobre as súas decisións na fusión ao Parlamento, onde a comisión de investigación sobre as caixas aberta en 2013 acumula tres anos de paralización. Os papeis seguen sen entregar e o presidente da Cámara, preguntado pola polémica nunha entrevista en Praza.gal, advirte de que espera "que no futuro se poida ter unha colaboración boa entre executivo e lexislativo”.
Preguntado Feijóo sobre a petición para reabrir a comisión de investigacións das caixas, non aclara nada. E insiste en asegurar que o seu Goberno pouco tivo que ver con todo o que pasou. Que aquilo foi cousa do Banco de España.