“Espero que no futuro poidamos ter unha colaboración boa entre executivo e lexislativo”, di o presidente da Cámara, Miguel Santalices, tras a condena á Xunta a entregar documentos pedidos hai anos sobre as caixas de aforros, e lamenta o atraso na renovación da CRTVG: “Se somos os que lexislamos, deberamos ser os primeiros en cumprilo”
Miguel Santalices Vieira (Bande, 1955) é médico de formación, pero máis que polo exercicio desa profesión ou pola dirección de diversos centros sanitarios a súa vida está marcada polo Parlamento de Galicia, no que é o deputado máis lonxevo, desde 1997, e desde 2016 o seu presidente.
O Parlamento volveu funcionar con normalidade, ou nova normalidade, hai só tres semanas, despois de que en febreiro, de acordo coas súas atribucións, o presidente Feijóo disolvese a X Lexislatura para celebrar novas eleccións. Pero chegou o coronavirus e o estado de alarma, os comicios adiáronse e as funcións do Parlamento quedaron limitadas por máis tempo do previsto, sete meses, ata agora.
Debe lexislarse para evitar no futuro situacións como a que agora remata, sen control do Goberno por parte da Cámara e sen posibilidade de lexislar nunha situación de emerxencia?
Dentro da situación que vivía o Parlamento, disolto polas eleccións, fíxose un esforzo de presenza do Goberno dentro da normativa. Operou a Deputación Permanente [o máximo órgano parlamentario coa Cámara disolta], houbo comparecencias do presidente, de conselleiras e conselleiros. Con respecto ao futuro, eu non sei canto tempo vai durar esta pandemia, e nese sentido estamos dando pasos, que posiblemente se confirmen en breve, sobre como ordenamos os debates parlamentarios e o funcionamento. Penso que hai unha dispoñibilidade de todos os grupos de chegar a un acordo e, pensando cal pode ser a evolución da situación, plasmalo nunha modificación do Regulamento, que só contempla a dispensa de non asistir e votar nos supostos de maternidade, paternidade e embarazo. Penso que imos conseguir un documento consensuado por todos os grupos para que se poida facer votación telemática ou delegación de voto. E ímolo acoutar a situacións epidemiolóxicas que poñan en perigo a saúde pública, porque os deputados deben ter fundamentalmente presenza [na Cámara]. Penso que vai haber acordo. Hai xenerosidade, pero tamén eu pedín lexislar pensando no futuro. Algún día nós non estaremos aquí pero o bo sería que deixaramos isto establecido para os que no seu día, se se dera outro suposto así, teñan a responsabilidade de tomar unha decisión.
Vostede non se sentiu incómodo nalgún momento por non saber o que podía ou non podía facer?
“Preocupoume que a primeira institución de Galicia estivese á altura e sentinme aliviado cando vin que podiamos celebrar sesións da Deputación Permanente”
Sénteste preocupado, porque por riba de todo esta é a primeira institución da comunidade autónoma. Incómodo non é a palabra. Preocupado porque quería que nunha situación como esta o Parlamento estivera á altura da situación especial que estabamos vivindo. Porque a sociedade está pendente. Penso que fixemos un esforzo e podemos dicir que estivo á altura. Compareceu o presidente, os conselleiros, circulou a información. Non vou ocultar que estaba preocupado, incómodo non. Sentinme máis aliviado cando vin que con normalidade, con medidas de precaución, podiamos celebrar deputacións permanentes. Foi un esforzo de todos os grupos.
A XI Lexislatura que agora empeza volve ter só tres grupos parlamentarios, o número máis habitual na historia da Cámara. Que pros e contras ten iso?
“A existencia de só tres grupos pode ter a vantaxe de debates máis áxiles e que sexa máis fácil o consenso, pero tamén podo entender que haxa simpatizantes doutros que non se sintan representados”
É a vontade que saíu das urnas, polo tanto hai que respectala. Vantaxes, posiblemente, polo que me din, que os debates sexan máis áxiles. Tamén polo que me din, posiblemente sexa máis fácil o consenso ao abordar determinados temas. Irémolo vendo. Inconvenientes, e hai que respectar a vontade das urnas, o que nun momento determinado podes ver é que haxa alguén, algún sector da poboación, que non se sinta representado porque determinado grupo non teña representación parlamentaria. Pero iso quen o ten que meditar son os líderes deses grupos políticos. Pero claro que podo entender que haxa simpatizantes de determinados grupos políticos que non tiveron representación que estean nunha situación de certa incomodidade. É un inconveniente de cara á representatividade do Parlamento neste momento, iso é así.
Que pode esperar a cidadanía da comisión de reconstrución pola pandemia? A maioría do PP permitirá incorporar achegas da oposición? Esa maior posibilidade de consensos que aventura faraa máis sinxela?
“Levo moitos anos e vin comisións que non tiveron todo o percorrido que esperabamos, pero na de reconstrución pola pandemia vexo ánimo grande de chegar a consensos e achegar solucións”
Vexo con certo ánimo como arrancou esta comisión. Nas distintas xuntas de portavoces houbo moito interese posto nesa comisión, na que se vai abordar desde sanidade, educación servizos sociais... Vexo moito interese e me agrada como presidente ver ganas de consenso. Tamén vexo ganas de que empece a funcionar rápido e que pronto teña os primeiros froitos. Eu espero que tendo en conta o que está a pasar na sociedade, esteamos á altura. A xente ten moita esperanza posta nesa comisión porque percibe, e sería agora terrible que os defraudáramos, que pode haber un acordo no Parlamento. Levo moitos anos aquí e vin comisións que non tiveron todo o percorrido que esperabamos, pero nesta si vexo ánimo grande chegar a consensos e achegar solucións.
Cada certo tempo algún medio de comunicación, xeralmente estatal, ou algún partido, xeralmente sen representación, cuestiona o soldo dos deputados e deputadas, que cando deixan de selo non teñen dereito ao subsidio de desemprego. Que lle parecen eses debates?
Os soldos son públicos e hai tempo que non se modifican. Hai unha pequena variabilidade no dos deputados que depende de onde viven, porque o único a maiores que se lles paga é o gasto por quilometraxe. Son soldos dignos. O meu soldo é un soldo bo. Nunca tiven inconveniente en recoñecelo. Dito isto, eu viña dun sitio no que o meu soldo era máis alto. Pero estou tamén facendo algo que me apaixona. Non é só unha cuestión crematística, é que esteas a gusto no traballo que esteas facendo. A min isto apaixóname, e se aínda por riba ten unha retribución boa, só podo dicir o agradecido que estou. Sei que hai eses debates pero estamos ante uns soldos dignos. Con respecto a que sucede cando un deputado deixa de selo, ese é un tema que se vén falando moito, pero é moi difícil de artellalo xuridicamente, porque un deputado non é un traballador ao uso. É difícil de regular. Houbo intentos noutros parlamentos pero sempre foi un fracaso.
Pero segue sen normalizarse que calquera cidadán poida ser deputado. A maioría son funcionarios ou profesionais que teñen o traballo asegurado cando deixen o escano.
Na situación actual penso que para entrar en política hai que ter unha situación laboral que che permita que cando deixes de facer esa responsabilidade, pois teñas algo onde poder continuar a túa vida. E iso evidentemente non todos os deputados o teñen, e é certo que iso pode limitar. Ao mellor hai que regulalo, pero en distintos parlamentos nos que se intentou, non se logrou. Un ten que pensar que o tempo de deputado ten un inicio e un final.
En 2013 o Parlamento creou unha comisión de investigación sobre a desaparición das caixas de aforros galegas. Entre 2014 e 2017 os seus traballos paralizáronse e malia que nese ano o PP aceptou reactivala para intentar elaborar unhas conclusións, estas seguen sen coñecerse. Algo similar ocorre coa do accidente do Marisquiño. Que imaxe traslada á cidadanía esta situación?
“Non é boa imaxe o desacordo para finalizar as comisións, porque buscan esclarecer cousas e facer propostas para que determinadas situacións non se volva producir”
Traslada que hai bastante desacordo á hora de finalizar as comisións, e iso non creo que sexa unha boa imaxe. Unha comisión busca esclarecer cousas e facer propostas para que determinadas situacións non se volvan producir. O asunto clave de todo isto é que as mesas desas comisións [o órgano que as dirixe e ordena os debates, equivalente á Mesa do Parlamento], porque así é como funciona o Parlamento, teñen unha total autonomía para dinamizar as comisións ou para facer as propostas de volver a activalas. Non é un asunto no que o presidente deba intervir. É a liberdade absoluta que teñen as mesas desas comisións. Eu apelo a que se poñan de acordo, porque nas mesas das comisións están representados os distintos grupos políticos [A maioría absoluta do PP na Cámara reprodúcese tamén na composición de todas as mesas de comisións]. Eu aí non teño que facer política intervencionista.
A xustiza condenou en xuño á Xunta a entregar ao agora ex-deputado Antón Sánchez documentación sobre a fusión das caixas que reclamara en exercicio dos seus dereitos como deputado. Máis de tres meses despois, a Xunta aínda non o fixo. El xa non é deputado pero, non cre que a demora do Goberno galego senta un perigoso precedente para que os executivos boicoteen aos parlamentos pola vía de adiar a entrega de documentación?
“Espero que no futuro poidamos ter unha colaboración boa entre executivo e lexislativo”, di Santalices tras a condena á Xunta a entregar ao ex-deputado Antón Sánchez a documentación que pediu das caixas de aforros
Eu respecto e acato todas as sentenzas. Nesa valoro que foi unha situación extrema á que recorreu ese deputado. Que o avale un tribunal significa que esa documentación vai haber que facerlla chegar. Iso é indubidable. Eu pediría que, de cara ao futuro, sobre todo agora que imos iniciar unha comisión como a de reactivación, poder executivo e lexislativo han de ir da man. Esa sentenza tamén nos coloca no que debe ser un funcionamento ordenado das comisións parlamentarias. Eu espero que no futuro poidamos ter unha colaboración boa entre executivo e lexislativo.
Vostede vén pedindo aos deputados e deputadas que respecten as formas, e o maior recurso de determinados medios de comunicación ás imaxes virais podería dar a impresión de que nos últimos anos aumentou a crispación na Cámara galega. Pero as protestas ou altercados máis ou menos rechamantes xa eran habituais nos 80 e agora vémolos como algo histórico.
“Antes debatíase dun xeito máis adornado, dando moitas voltas, e hoxe é máis directo, pero eu non percibo crispación na Cámara”
Eu non percibo unha gran crispación na Cámara. É máis, eu creo que me adaptei á situación. Son moitas as horas que se debaten alí. Tes que deixar ir cando procede, que non hai un insulto ou unha falta de dignidade, e tes que velar por se nun momento determinado se produce unha situación que sabes que pode xerar unha crispación ou un problema de relación entre os deputados, tes que saber cortalo. Pero tampouco sen moitos aspavientos. Eu vexo que os deputados se lles pides que reconduzan un determinado tema, non hai demasiado problema. Non é unha práctica moi frecuente que eu estea chamando á orde. Tampouco é unha práctica moi frecuente no noso parlamento que haxa insultos. É certo que cambiaron as formas de debater, antes debatíase dun xeito moito máis adornado, dando moitas voltas, e hoxe hai unha forma de debater moito máis directa, pero non por iso debera ser irrespectuosa e eu non percibo esa falta de respecto, salvo nalgunha situación moi puntual.
Unha das deputadas que nos últimos anos recibiu máis chamadas á orde polas súas formas no Parlamento de Galicia foi Yolanda Díaz, de Esquerda Unida, que no seu novo cargo como ministra de Traballo está a recibir eloxios cando menos polas formas que emprega. Sorpréndeo?
“Yolanda Díaz soubo adaptarse ben ao que é ser un cargo con responsabilidade institucional”, di Santalices tras chamala á orde en varias ocasións cando era deputada en Galicia
Todo se reconduce a unha normalidade na actividade política tanto no Parlamento como no labor executivo. O que sucede para min é que cando estás nun cargo de alta responsabilidade, queiras ou non sáeche o que che ten que saír, que é a parte institucional. Se falas como ministra, tes unha parte inherente a ti que é o respecto institucional. E iso é positivo. Desde o meu punto de vista, ela soubo adaptarse ben ao que é ser un cargo que ten unha responsabilidade institucional e creo que iso efectivamente se percibe, eu polo menos o percibo, en determinadas intervencións dela.
Cando vostede non tiña ese cargo institucional, vostede foi un dos protagonistas en 2003 da coñecida como Revolta do piso, unha demostración de poder fronte a Fraga dos deputados afíns a Baltar pai, que se integrara cos seus no PP en 1991 procedentes de Centristas de Galicia. O maior risco para a maioría absoluta do presidente da Xunta segue a ser outro Baltar?
Escribiuse moito sobre aquilo e moitas cousas non foron certas e quedaron aí. Eu lembro que na televisión saíu que non se sabía onde estaban determinados deputados, e eu estaba nun bar cun dos da televisión que daba a reportaxe. As cousas non foron contadas con exactitude. Hoxe existe unha gran coordinación e un nivel de traballo moi acomodado desde o punto de vista de integración de Ourense, Goberno galego, Goberno provincial. Está perfectamente artellado, e iso é o que a xente quere ver. Ourense ten agora un problema, no goberno da cidade, pero a Deputación provincial está facendo unha liña de traballo moi valorada que ten un respaldo moi forte desde a Xunta.
Pero hai discrepancias abertas e públicas, por exemplo co peche do paridoiro do hospital de Verín, no que o PP de Ourense aprobou na Deputación unha iniciativa contra a decisión tomada pola Xunta, que acabou rectificando.
Aquilo foi unha discrepancia puntual pero o tema foi reconducido a través dunha proposición non de lei que fixemos aquí na que plasmamos unha emenda na que todos nos puxemos de acordo. A xente estaba esperando que nós votáramos o que se votara alí. Era unha proposición non de lei que traía creo que o Bloque na que todo o mundo estaba esperando a ver que faciamos os deputados de Ourense, porque tomaba como referencia algo no que in situ [no Pleno da Deputación de Ourense] se tomara outra decisión. Iso salvouse cunha emenda que ao final salvou toda a situación e que ademais despois serviu para encauzar a solución definitiva do problema de Verín. E para aprobar unha emenda, esa emenda hai que falala con moita xente.
A Lei de medios públicos aprobada en 2011 segue sen cumprirse, entre outros, nun artigo que afecta ao propio Parlamento, o nomeamento por dous terzos da Cámara duns novos director xeral e consello de administración. Por que?
“Se somos os que lexislamos, deberamos ser os primeiros en cumprir o lexislado”, di o presidente sobre o atraso do Parlamento na renovación da CRTVG en cumprimento da lei que aprobou en 2011
O Parlamento terá que recibir unhas propostas e pronunciarase sobre elas. Teñen que poñerse de acordo os grupos para que esa proposta se canalice. Non teño eu a capacidade de nomear ou propoñer un nome, teño que propoñelo cando haxa un consenso. Pero efectivamente nós, se somos os que lexislamos, deberamos ser os primeiros en cumprir o que estamos lexislando. A ver que solución se lle pon ao tema, pero é unha competencia dos grupos.
Tamén require dunha maioría reforzada, de tres quintas partes da Cámara, o Valedor do Pobo, o que non impediu os acordos para nomear novos titulares do cargo tras as sucesivas crises que viviu a institución nos últimos anos. Cal é a diferenza?
Será que a cuestión mediática é un tema que lles preocupa moito aos grupos políticos. Pasa porque dialoguen entre eles. Eu a iso xa non chego. Sempre houbo críticas. Lembro cando nunha pregunta ao Goberno [o daquela portavoz do BNG Carlos] Aymerich lle dixo a [o presidente] Emilio Pérez Touriño “faga algo co da televisión, que só serve para que as mulleres se enteren se os conselleiros van comer á casa”. Eu entendo que hai intereses dos grupos políticos porque son temas que lles preocupan e poden ter as súas repercusións.
O Valedor é posiblemente a institución galega que máis dependencia directa ten do Parlamento, pero tamén unha das que máis polémicas provocou na última década, tras a dimisión en 2012 de Benigno López logo de poñer en dúbida a Lei de Dependencia, e o pasado ano de Milagros Otero tras manobrar para dar un posto a dedo. Non está a acertar o Parlamento coas persoas elixidas? As dúas últimas, como a actual, proviñan do mundo xurídico. Os políticos teñen máis coidado coas formas?
“Non teño ningunha dúbida do perfil profesional e humano das dúas últimas valedoras”
Con Otero e coa actual Valedora é coas que máis relación tiven, como presidente. Coñezo os perfís delas, e os temas dos que me falan, e sei a preocupación que teñen. Non teño ningunha dúbida do perfil profesional das dúas últimas valedoras, e tamén podo dicilo desde o punto de vista humano, de poñerse en situacións e preocuparse por determinadas situacións. É un cargo moi importante que fai un traballo exquisito e que ademais o fan tratando de dar unha solución a aquelas persoas que por algún motivo teñen un sufrimento ou unha preocupación. Esa é a valoración que eu podo facer. Outras cousas son interpretables, eu tamén coñezo algunhas cousas, e algunhas cousas se interpretaron inxustamente, polo coñecemento que eu teño persoal dalgunhas situacións, pero iso xa é outra cousa.
O Valedor, ou o Consello de Contas, son algunhas das institucións que máis críticas se veñen amosando coa xestión da Xunta. Pero os seus informes adoitan pasar desapercibidos para a opinión pública xa que habitualmente son entregados ao Parlamento, momento en que se fan públicos, en venres e en moitas ocasións xusto antes de pontes ou períodos vacacionais, co que non reciben tanta cobertura dos medios de comunicación. Quen elixe a data para que o Parlamento reciba eses informes, vostede?
Supoño que serán os servizos da Cámara. A min o calendario mo dan. Eu só pregunto se é un calendario que está dentro do normal. Pero eu non concordo coa pregunta. Hai informes dos valedores ou do Consello de Contas que si que teñen moita repercusión a nivel mediático ou do debate político. Cantas veces escoitamos aos deputados dicir “segundo di o Consello de Contas”. Iso é repercusión política. Aquí no Parlamento é moi difícil cadrar as datas porque sempre hai actividade. A verdade nese tema non marco eu moito o calendario. A min dinme “esta é a data” e eu pregunto se está dentro do Regulamento, e se está pois adiante. De verdade, non lle dou moita importancia.
En 2021 fai 85 anos do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, en 1936. Pensa o Parlamento celebralo como fixo en 1986 co 50 aniversario?
Imos ver. É que no 2021 tamén coincide que o 19 de decembro son os 40 anos da constitución do primeiro Parlamento. Temos que ensamblar todo iso. Temos aquí, porque a doou no seu momento Perfecto Yebra, a acta de constitución [en 1977] da Asemblea de Parlamentarios galegos que deu pé aos primeiros traballos do [actual] Estatuto. Nós a iso sempre lle damos valor. Aínda non entrei na planificación diso pero non vou ocultar que son dúas datas sinaladas. Temos que ver como ensamblamos todo iso.
Feijóo xa dixo que este será o seu último mandato. Cre que o próximo presidente ou presidenta da Xunta está no actual Parlamento?
“Feijóo di que é o seu último mandato, pero se isto vai a peor ao mellor ten que botar unha man; e se pese a todo o ten que deixar, a sucesión no PP ten que ser cun congreso absolutamente limpo”
[Respira fondo]. Poden suceder algunhas cousas. Feijóo di que é a última, seguro. Pero eu non sei o que vai pasar coa COVID-19. E Galicia non pode correr riscos se isto vai a peor. As vacinas hai moitas que se están a probar, pero eu só fago unha reflexión, que aínda non saíu a vacina da sida. Ao mellor nese momento, aínda que a decisión del sexa esa, non hai máis remedio que botar unha man. El sempre dixo “Galicia por riba de todo”. E se a decisión del, pese a todo, é que o ten que deixar, ha de haber un congreso [de sucesión no PP] absolutamente limpo, aséptico, entón eu non sei se sairá do Parlamento ou de fóra do Parlamento.
E que espera que sexa de vostede para daquela?
Vou facer 66 anos en marzo. É a miña sétima lexislatura. Eu lin que alguén me situaba no Senado, e a primeira reflexión que fixen foi: “tan mal está o Senado para que teña que ir eu a presidilo?”. O meu recorrido está feito. Nunca pensei eu ser presidente do Parlamento, supoño que meu pai por fin me perdoaría ter entrado en política.