A finais de maio de 2009, apenas un mes despois do retorno do PP á Xunta, Alfonso Sánchez Izquierdo tomaba posesión como director xeral da CRTVG. Fora elixido directamente polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, ao abeiro da lei de 1984 que o facultaba para facelo. O daquela novo presidente da Xunta asegurou que pactara o nome con quen na altura era líder do PSdeG, Pachi Vázquez, que negara tal pacto.
Sánchez Izquierdo foi nomeado en 2009 polo Goberno do PP, que mediante unha reforma legal o mantén no posto por tempo indefinido dende 2015
No ano 2011, o Parlamento aprobou a nova lei dos medios públicos. Seis meses despois, esta norma xa se incumpría en aspectos tan substanciais como a renovación do consello de administración e da dirección xeral da radio televisión pública por maioría cualificada da Cámara -dous terzos ou tres quintos-. En agosto de 2015, con catro anos de atraso, os populares deron en pactar co PSdeG os nomes do novo consello, pero evitando remudar o director xeral. Dous meses despois, o PP introduciu en solitario unha reforma legal que permitiu manter a Sánchez Izquierdo por tempo indefinido no posto onde aínda segue.
Con este pano de fondo, en vésperas do primeiro pleno ordinario da nova lexislatura, o colectivo Defende a Galega vén de dirixirse publicamente aos grupos parlamentarios en xeral e ao PP en particular para reclamar unha remuda inmediata do director xeral. Piden concretamente que os populares, na súa condición de grupo que sustenta o Goberno, "propoñan un candidato á dirección xeral que conte coa aprobación de dous terzos da Cámara", como marca a lei.
Defende a Galega insta os populares a "propoñer un candidato coa aprobación de dous terzos "do Parlamento, como marca a lei
A "situación de interinaxe" na que permanece Sánchez Izquierdo "é unha anomalía" que ten causa, subliña o colectivo, que acumula xa 122 venres negros, as xornadas de mobilización contra a manipulación informativa e polo cumprimento íntegro da lei de medios na Televisión de Galicia e na Radio Galega. Esa causa, sinalan, é a "falta de vontade do PP de consensuar un candidato coa oposición", toda vez que o requisito da maioría reforzada impide aos conservadores elixilo en solitario (50 ou 45 escanos). Coa actual composición da Cámara precisarían, como mínimo, un acordo co PSdeG, toda vez que os populares teñen 42 escanos e os socialistas, 14. O BNG, segundo grupo do lexislativo, conta con 19.
O consello de administración da CRTVG está na recta final do seu mandato e, coa vixente lei, a súa renovación tamén esixe unha maioría reforzada para a que non abondan os votos do PP
"Defende a Galega -sinalan- entende que a deriva indigna na que leva anos a canle pública ten como principal responsable o Partido Popular, como formación que goberna con maioría absoluta" dende 2009 e por iso é ao PP a quen lle "esixen un cambio radical de actitude nesta nova lexislatura". Pero tamén, advirten, "queremos lembrar aos partidos da oposición a necesidade de facer deste un asunto prioritario na súa axenda política". "O dereito á información da cidadanía" non debe ficar como "tema menor do que acordarse só nas campañas electorais ou na comisión parlamentaria da CRTVG", sinalan.
Esta petición chega mentres tamén seguen pendentes de cumprir outros preceptos da lei dos medios públicos, como a constitución do Consello de Informativos, e cando o actual consello de administración da CRTVG está na recta final do seu mandato de cinco anos. Para renovar este órgano, actualmente composto por catro membros a proposta do PP e dous, do PSdeG, cómpre tamén maioría cualificada.
Ao tempo, nos ambientes políticos galegos circulan xa nomes dun eventual substituto para Sánchez Izquierdo, que optou por un perfil baixo e escasas aparicións públicas nos últimos meses. Entre os que soa con máis forza, o de quen ata hai escasas semanas era director do xornal ABC, Bieito Rubido. No caso de que os populares puxesen o seu nome sobre a mesa, precisarían que cando menos os socialistas tamén o apoiasen, toda vez que a maioría absoluta -coa actual redacción da lei- no né dabondo para o nomeamento.