O 3 de agosto de 2015 o pleno do Parlamento escolleu cos votos a prol de PP e PSdeG -e a manifesta contrariedade dos daquela dous grupos restantes do pleno, AGE e BNG- o novo consello de administración da CRTVG, o primeiro con seis membros no canto de 12 en virtude da lei de medios aprobada en 2011 e o primeiro chamado a rexer os medios públicos galegos na súa transformación unha única corporación. O consello tomou posesión o 4 de xaneiro de 2016, tres días despois do inicio oficial da andaina da Corporación.
A renovación do consello de administración da CRTVG, a piques de chegar aos seus 5 anos de mandato, requirirá necesariamente dos votos do PP e de, cando menos, dun dos dous grupos da nova oposición: BNG ou PSdeG
Dado que a lei de medios -aínda parcialmente incumprida- fixa que o mandato do consello é de cinco anos, nos vindeiros meses o Parlamento elixido nos comicios do 12 de xullo terá a tarefa de volver elixir os seus seis membros. Para facelo cómpren os votos a prol de dous terzos da Cámara -50 escanos- ou, se non é posible, tres quintos -45 escanos- en segunda votación. Calquera das dúas opcións require do apoio do PP e, cando menos, dun dos dous grupos da nova oposición: BNG (19 escanos) ou PSdeG (15 escanos que poden ser 14 tras o reconto do voto exterior).
Esas negociacións e posible acordo estarán inevitablemente marcadas polo clima que vén arrodeando nos últimos anos á Televisión de Galicia e á Radio Galega, onde tamén tras o 12X a plataforma Defende a Galega persevera na súa esixencia de cumprimento íntegro da lei dos medios públicos. Así o reiteraron este 17 de xullo, no que é o seu venres negro número 113, ao que chegan "coas mesmas reclamacións".
Valéndose da fórmula utilizada polo PP para referirse a Galicia no lema electoral de Feijóo para o 12X, o colectivo de persoal mobilizado na CRTVG resume as súas peticións en catro máximas. A saber: "Cumprimento da Lei, Lei, Lei", "Consello, consello, consello de Informativos", "Pluralidade, pluralidade, pluralidade", "Delegacións, delegacións, delegacións".
Se o consello entra nun período de interinidade, este sumaríase á que atinxe á propia dirección xeral dende hai cinco anos
A lei do 2011 marca o ritmo da renovación, pero deixa unha fiestra aberta á interinidade no consello. "Esgotado o mandato, os membros do consello de administración continúan no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión dos novos conselleiros", di a norma. Este sería o caso, por exemplo, en ausencia de acordo entre o PP e un ou os dous grupos da oposición para substituír o actual consello, formado por catro persoas propostas polos populares e dúas, polos socialistas.
Haxa ou non interinidade no Consello, o posto que permanece inmutable dende maio de 2009, a dirección xeral. Daquela, apenas un mes despois da chegada de Feijóo á presidencia da Xunta, o novo Goberno do PP designou para o cargo -aínda ao abeiro da lei de 1984- a Alfonso Sánchez Izquierdo. Segundo Feijóo, previo acordo co PSdeG de Pachi Vázquez, que despois negou tal pacto.
A reforma introducida polo Goberno do PP a finais de 2015 permitiu manter a Sánchez Izquierdo indefinidamente como director xeral da CRTVG; 'Defende a Galega' reitera a petición do seu cesamento e da renovación do posto polas canles previstas na lei
Aínda que a nova lei da CRTVG fixou a elección dunha nova dirección xeral xunto co novo consello de administración dende os seis meses posteriores á súa entrada en vigor , ese prazo non se cumpriu nin cando tocaba -xuño de 2012- nin cando no verán de 2015 si foi anovado o consello. Pouco despois desa votación para o Consello, o Goberno do PP aproveitou a tramitación dos Orzamentos Xerais de 2015 e introduciu na súa lei de acompañamento unha disposición para permitir que, se cando a Corporación comezase formalmente a súa actividade -1 de xaneiro de 2016-, Sánchez Izquierdo aínda non fora substituído, puidese continuar "transitoriamente" no posto.
Esa reforma permitiu mantelo na dirección xeral por tempo indefinido, posto no que polo momento continúa e dende o que recentemente xustificou o atraso no cumprimento íntegro da lei dos medios públicos pola necesidade de adaptala ao uso das redes sociais. Unha das esixencias de Defende a Galega segue sendo tamén, 113 venres negros despois, o inmediato cesamento do actual dirección xeral e a renovación do posto polas canles previstas na lei, isto é, maioría reforzada do Parlamento, como o resto do consello de administración.