Outra advertencia á TVG, a quen a Xunta Electoral lembra que debe "respectar a neutralidade informativa". "Tamén no período electoral previo ao comezo da campaña electoral", respondendo así na súa resolución á reclamación do BNG, que denunciara que a súa candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, era "silenciada" nos totais emitidos nos informativos.
A Xunta Electoral admite a queixa do BNG, que sinalou que a TVG limitara informacións de Pontón a unha voz en 'off' mentres emitía declaracións doutros candidatos
Tal e como advertira xa no Parlamento, o Bloque indicou que mentres que o resto de candidatos saían coa súa propia voz na televisión, de Ana Pontón emitíronse en varias ocasións imaxes nas que se "limitaba a noticia a unha narración en off". A denuncia aludía a tres tres telexornais nun escrito no que tamén se instaba á xunta electoral a establecer medidas "compensatorias" coa formación do BNG ao ver "vulnerados os seus dereitos na cobertura informativa".
Agora, a Xunta Electoral asegura que os medios de comunicación públicos "teñen a facultade de optar por un determinado formato informativo, seguindo para iso criterios xornalísticos", pero aclara que "os suxeitos que interveñen na contenda electoral non deben ser tratados polos medios de forma discriminatoria, xa que ese trato sería contrario aos principios de igualdade electoral e neutralidade informativa en toda a súa programación".
"A queixa está fundada por non respectarse a neutralidade informativa en toda a programación", di a Xunta Electoral
"Non hai dúbida", di o organismo, de que o BNG "ten na actualidade representación parlamentaria". Así, pronúnciase en concreto pola información do 19 de xuño, na que "non se incluíron declaracións da candidata do BNG nin de ningunha outra persoa deste partido, feito que contrasta coa información dada ás outras dúas forzas políticas que si saen con declaracións dos candidatos, unha das cales non ten representación na Cámara galega".
"Esta diferenza carece dunha xustificación obxectiva razoable, máxime tendo en conta a representatividade" do BNG, motivo polo que "considera que a queixa está fundada por non respectarse a neutralidade informativa en toda a programación".
Así, a Xunta Electoral acorda que a CRTVG ten "o deber legal de cumprir os principios recollidos no artigo 66 da Loreg" e, por iso, "require" á corporación "que se respecte a neutralidade informativa tamén no período electoral previo ao comezo da campaña electoral".
Apercibimento á Deputación de Ourense
A Corporación dos medios públicos ten dereito a interpor recurso de alzada ante a Xunta Electoral Central, que deberá ser presentado antes das 16,30 horas deste martes, 23 de xuño. A CRTVG xa confirmou que o fará e defende que os seus plans de cobertura dos últimos doce anos tiveron o aval do mesmo organismo, agás unha estimación parcial de Ciudadanos.
Por outra banda, a Xunta Electoral Provincial de Ourense apercibiu por segunda vez a Deputación ourensá por unha nota informativa colgada no portal web da institución sobre os profesionais autónomos e que foi denunciada polo PSdeG por "partidista". A nota levaba por titular "O PSOE de Ourense, en contra dos autónomos", unha mensaxe que foi difundida tamén polas contas oficiais en redes sociais da entidade da provincia.