O plan de cobertura informativa dos medios públicos estatais inclúe entrevistas en 'Los Desayunos' os tres últimos días da campaña
Xunto co plan de cobertura informativa dos medios públicos galegos para a campaña do 12X, avanzado por Praza.gal o pasado venres, o Diario Oficial de Galicia publicou o sábado a proposta equivalente formulada polos medios públicos estatais. Á espera das posibles alegacións dos partidos, a proposta de RTVE non inclúe ningún debate en TVE e só unha vaga referencia a esa posibilidade en RNE. Canto ás entrevistas, na televisión concentraríanse nos tres últimos días de campaña.
Fronte á proposta da CRTVG dun único debate a sete televisado entre os principais líderes políticos, o plan de cobertura de RTVE sinala que a corporación pública estatal “sempre tivo vontade” de celebrar debates “e para iso propuxo en marzo aos partidos políticos con representación parlamentaria a posibilidade de celebrar un debate electoral entre os candidatos a presidir a Xunta de Galicia dos partidos con representación no parlamento galego: PP, PSdeG-PSOE e BNG”. “Pero os principais candidatos rexeitaron esta proposta”, engade a continuación.
O plan de cobertura proposto polos medios públicos estatais tamén matiza que “a situación sobrevida pola crise da Covid-19 impide á Corporación RTVE garantir a efectiva celebración do debate, xa que a súa realización implica o desprazamento dun importante equipo humano desde os servizos centrais en Madrid, e as recomendacións das autoridades sanitarias poden facer imposible este desprazamento”.
Radio 5 “está aberta a transmitir os debates entre candidatos que acorden as forzas políticas con RTVE” a través dunha desconexión para Galicia
Malia eses obstáculos argumentados pola corporación para un debate en TVE, o seu plan de cobertura inclúe, no apartado relativo a Radio Nacional de España, unha vaga referencia a que Radio 5 “está aberta a transmitir os debates entre candidatos que acorden as forzas políticas con RTVE” a través dunha desconexión para Galicia.
No que se refire ás entrevistas, TVE propón realizalas no programa matinal Los Desayunos os tres últimos días da campaña, do 8 ao 10 de xullo co seguinte reparto de tempos: Ciudadanos (3 minutos), Vox (3 minutos), Galicia en Común (3 minutos), BNG (5 minutos), PSdeG (11 minutos), Marea Galeguista (11 minutos) e PP (30 minutos). Como comparación, o reparto de tempos das entrevistas propostas pola TVG é de 35 minutos para o líder do PP, 12 para Marea Galeguista e PSdeG, 6 para o BNG e 5 minutos para Galicia en Común, Ciudadanos e Vox.
En RNE a proposta dos medios públicos estatais é de entrevistas diarias no programa Las Mañanas que comezarían o venres 26 de xuño con Ciudadanos e Vox con tres minutos para cada un e seguirían o luns 29 con Galicia en Común (3 minutos), martes 30 co BNG (4 minutos), mércores 1 de xullo co PSdeG (6 minutos), xoves 2 Marea Galeguista (6 minutos) e venres 3 PP (15 minutos).
Na TVG haberá catro ou cinco bloques diarios de catro minutos nos que se emitirán os espazos gratuítos de propaganda de cada partido, de 30 segundos cada un
A publicación o sábado dos plans de cobertura dos medios públicos non só permite ratificar a proposta formulada por RTVG avanzada o venres e coñecer a de RTVE senón tamén reparto concreto dos espazos gratuítos que os medios públicos dedicarán a emitir os anuncios propagandísticos de cada formación en función dos seus resultados en pasados comicios. Na TVG, por exemplo, haberá catro ou cinco bloques diarios (ás 00.30, 11.00, 12.25, 17.10 e 20.15 horas) de catro minutos cada un no que se emitirán oito anuncios de 30 segundos cada un.