Nove debates electorais durante a campaña das eleccións galegas, pero só un entre líderes das forzas políticas emitido pola Televisión de Galicia para todo o país. É o que propón a Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) no Plan de Cobertura remitido á Xunta Electoral para os comicios ao Parlamento do vindeiro 12 de xullo.
O principal encontro político da campaña, segundo esta proposta, emitirase pola televisión pública dende as nove e media da noite do primeiro luns de campaña, o vindeiro día 29. Fronte á sucesión de debates a dúas bandas da campaña de 2012 e ao debate entre cinco forzas da campaña de 2016, a CRTVG propón agora incluír a sete contendentes: PP, PSdeG, BNG, Galicia en Común, Marea Galeguista, Vox e Ciudadanos.
A corporación pública inclúe no plan de cobertura do 12X remitido á Xunta Electoral a proposta de catro debates provinciais a emitir ás 10 da mañá na TVG e outros catro do mesmo ámbito para a Radio Galega ás 9 da noite, todos eles pregravados
A CRTVG inclúe as forzas máis veteranas da Cámara galega (PP, PSdeG e BNG) neste debate central "en atención á súa representatividade" nas eleccións de 2016 e fai o mesmo con Marea Galeguista porque, argumenta, "correspóndelle a representatividade" que tería En Marea, membro desta coalición, se concorrese en solitario aínda que o faga con outras forzas (CxG e PG). Con ese criterio, vai considerar esta formación a todos os efectos como segunda forza política, por mor da posición que conseguiu EM nas anteriores eleccións.
Ás restantes formacións convidadas, a CRTVG dálles a consideración de "grupos políticos significativos" por teren máis do 5% dos votos nas eleccións que se celebraron en Galicia dende as anteriores galegas, "en virtude do determinado" pola Xunta Electoral Central en 2011. Ese filtro pásano Galicia en Común e Ciudadanos polos votos que tiveron nas xerais de abril de 2019 e Vox, polos sufraxios que sumou nos comicios xerais de novembro dese mesmo ano.
O plan de cobertura emitido á Xunta Electoral, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, sinala tamén os bloques temáticos que tería ese debate de líderes, alén dos habituais minutos iniciais e final para cada aspirante á presidencia. O primeiro trataría sobre a xestión do coronavirus, o segundo sobre "políticas económicas, industriais, orzamentarias e fiscais xerais", o terceiro abordaría as "políticas sociais e de benestar, educación, sanitarias" e o cuarto trataría sobre "modelo institucional, pactos, gobernabilidade e encaixe de Galicia no Estado".
O sistema de bloques electorais, rexeitado polo Colexio de Xornalistas e outras entidades para o o conxunto de medios públicos, reparte os tempos de información e entrevistas en función dos votos obtidos en anteriores comicios
Alén deste debate do 29 de xuño, a CRTVG prevé emitir un debate pregravado en desconexión provincial para cada circunscrición, pero lonxe do horario de máxima audiencia. A previsión é incluílos no espazo Bos Días do 1 de xullo, dous días despois do debate de líderes, ás dez da mañá. Como sucedera nas eleccións xerais de 2019, serán repostos pola noite na segunda canle da TVG, despois da redifusión do Telexornal.
Estes debates provinciais, igualmente pregravados, están previstos para a Radio Galega coa mesma duración e os mesmos participantes. No caso da RG, a data de emisión é o 6 de xullo ás nove da noite, dentro do informativo A Crónica.
O plan de cobertura inclúe tamén o reparto de tempos nos bloques de información electorais dos Telexornais e dos informativos da Radio Galega, así como nas entrevistas con candidatos e candidatas que tamén prevé o plan de cobertura. Este sistema de reparto dos tempos en función da representatividade electoral noutros comicios é recorrentemente rexeitada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e por outras entidades profesionais tanto para a CRTVG como para o resto dos medios públicos, que tamén os aplican.
A entrevista co líder do PP durará 35 minutos, as asignadas a MG e PSdeG apenas 12, a do BNG 6 minutos e a e GeC apenas 5 minutos, o mesmo que C's e Vox
En aplicación deste criterio, dos 370 minutos de información electoral que a Corporación prevé ofrecer durante a campaña, 145 corresponderán ao PP, 65 a Marea Galeguista, 60 ao PSdeG e 30 ao BNG. Mentres, outorga cadanseus 20 minutos en toda a campaña a Galicia en Común, Vox e Ciudadanos e deixa outros 10 para "outras" formacións políticas.
No caso das entrevistas cos líderes, que se emitirán de menor a maior representatividade segundo os devanditos criterios, a do PP durará 35 minutos, a de MG 12 minutos e medio, a do PSdeG 12 minutos e quince segundos e a do BNG, apenais 6 minutos. A Galicia en Común, C's e Vox outórganlles apenas 5 minutos de entrevista tanto na TVG como na Radio Galega.