"Boas noites, señoras e señores. A Galega ofrécelles un debate histórico e singular. Histórico, porque é a primeira vez que coinciden os líderes das tres principais forzas políticas galegas; e singular, porque o fan nunhas eleccións xerais". O xornalista Alfonso Hermida comezaba deste xeito a presentación do debate que, o 27 de febreiro de 2008, mantiveron ante as cámaras da TVG quen daquela eran os principais referentes políticos do país: o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, o vicepresidente e portavoz nacional do BNG e mais o presidente do PP galego. Galicia non volveu vivir un debate como o previo a aqueles comicios do 9 de marzo e, no marco da presente campaña electoral, esta posibilidade nin sequera estivo sobre a mesa.
Malia responder a un formato moi encorsetado, con quendas e tempos case milimetrados tras duras negociacións, aqueles 70 minutos de televisión foron presentados pola canle pública como todo un acontecemento. O debate celebrouse no claustro dun senlleiro hotel compostelán, construíuse un vistoso plató para a ocasión, organizáronse visitas previas para os medios de comunicación e a retransmisión contou cun despregamento técnico sen precedentes. A audiencia puido, por exemplo, observar como Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Alberto Núñez Feijóo eran recibidos ao recinto ou o aspecto da ateigada sala de prensa habilitada para a ocasión.
O debate entre Touriño, Quintana e Feijóo foi presentado pola TVG como todo un acontecemento e amplamente publicitado
As infraestruturas, o crecemento económico, a necesidade de fixar unha porcentaxe mínima de investimentos do Estado en Galicia ou as transferencias de competencias que aínda estaban pendentes centraron un debate que abriu Touriño e pechou Feijóo. Durante as negociacións o líder conservador reclamara protagonizar a quenda de peche, o máis "democrático", argumentaba, por ser el o representante da forza máis votada. Nos días previos, asemade, o actual presidente laiárase das "imposicións" socialistas, entre as que citaba o moderador, o reparto de asentos, o lugar elixido -aseguraba que se "asociaba ás sinatura do pacto de goberno" entre PSdeG e BNG- e mesmo a propia emisión na Televisión de Galicia.
Feijóo esixiu pechar o debate e, meses despois, o PP seguiu denunciando "manipulación e censura", reprochando aspectos como o moderador ou a cor do plató
O debate sobre o debate non rematou, nin de lonxe, aquel 27 de febreiro. Así, no mes de maio daquel ano, cando José Luis Rodríguez Zapatero xa fora investido por segunda vez, o PP levou o asunto á comisión parlamentaria de control da CRTVG para acusar a canle pública de "desbalde" por sufragar o debate con 180.000 euros. Como voceiro naquela comisión o actual delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo, cualificou a dirección da canle pública de "brazo mediático de Touriño" e acusou ao daquela director xeral, Benigno Sánchez, de impoñer "o sitio, a hora, o moderador e a cor do escenario". Segundo Calvo, nos medios públicos había "cada día máis manipulación e censura" e por iso reclamaba "a elección dun novo director xeral por maioría cualificada no Parlamento", trámite incluído na nova lei da CRTVG e que o propio PP vén de tombar mediante unha reforma incluída nos Orzamentos de 2016.
O debate de 2015
A canle pública celebra un debate entre PP, PSdeG, NÓS e En Marea ás seis e media da tarde deste 9 de decembro
Sete anos despois, o principal debate convocado pola TVG cara ao 20-D enmárcase no seu programa diario de actualidade, Área Pública, e emítese este mércores ás seis e media da tarde, horario criticado dende as formacións diferentes do PP por, ao seu xuízo, non promover que a poboación poida seguilo con facilidade. O encontro, no que participarán José Manuel Barreiro (PP), Pilar Cancela (PSdeG), Carme Adán (NÓS) e Antón Gómez-Reino (En Marea), apenas foi publicitado en días previos.
O debate da TVG, que chega despois dos organizados por El País e o grupo Atresmedia entre PP, PSOE, Podemos e Ciudadanos, emítese na mesma xornada en que Televisión Española fai o propio co seu debate a nove bandas. No caso da canle estatal o horario tamén está a ser fonte de polémica, no seu caso porque ficou relegado ata practicamente a medianoite ata que, a última hora, a Xunta Electoral forzou o seu desprazamento ao prime time. Inicialmente ía ser emitido despois do programa que conduce o cantante Bertín Osborne, o mesmo no que a pasada semana foi entrevistado Mariano Rajoy e, unha semana antes, o líder e candidato socialista, Pedro Sánchez.