Este venres, 8 de novembro, remata a campaña das eleccións xerais do 10N. A legalmente máis curta -só oito días de campaña oficial por ser xerais repetidas, en virtude da reforma de 2016-. A máis longa sobre o papel, toda vez que ningunha forza política desactivou, cando menos, dende que Pedro Sánchez anunciou, a mediados de febreiro, que se celebrarían eleccións xerais o 28 de abril.
En Galicia o derradeiro día da campaña comezará para as forzas políticas cun debate electoral na CRTVG. Sen o despregue de medios que o protagonizado o pasado luns polos líderes de PSOE, PP, Unidas Podemos, Ciudadanos e Vox en varias canles á vez ao abeiro da Academia de Televisión. Nin sequera coa preparación e publicidade previa do encontro televisivo da campaña galega de 2016 e moi lonxe do organizado polos propios medios públicos galegos na campaña das xerais do 2008. En ausencia, daquela, de gran expectación.
A programación do único debate electoral da CRTVG para o venres 8 ás 10 da mañá indignou as formacións políticas diferentes ao PP e mesmo dúas delas recorreron á Xunta Electoral por esta razón
O debate celébrase segundo o estipulado no plan de cobertura aprobado pola Corporación Radio Televisión de Galicia que, como avanzou Praza.gal, situou o debate ás 10 da mañá deste día 8, cando as persoas designadas polas forzas políticas sentarán no plató do espazo informativo Bos Días. Non será, daquela, nun espazo nin física nin televisivamente concibido especificamente para a cobertura do 10N. Emitirase unhas once horas antes do horario de máxima audiencia, tamén simultaneamente pola Radio Galega. Repetirase pola noite na G2, a partir das 22:45, mentres a primeira canle ofrece o programa Luar.
A decisión de resolver deste xeito a cuestión do debate indignou a parte do persoal da propia CRTVG, que así o manifestou. Tamén as forzas políticas diferentes do PP, contrariadas ademais polo feito, segundo fontes consultadas por Praza.gal, de non existir desta volta a xuntanza previa que, habitualmente, manteñen responsables dos medios públicos coas formacións políticas chamadas a debater. Mesmo dúas delas, En Común-Unidas Podemos e BNG, recorreron o plan de cobertura polo horario do debate e por outros motivos como a supresión das entrevistas a candidatos e candidatas na TVG -non así na radio-.
A protesta da esquerda estivo a piques de ir alén, chegando a barallar unha resposta conxunta e pública
A protesta das formacións da esquerda mesmo estivo a piques de ir alén. Fontes de varias delas consultadas por Praza.gal confirman que existiron contactos cando menos a tres bandas -BNG, PSOE, En Común-Unidas Podemos- para procuraren unha resposta pública e conxunta. Mesmo pairou sobre as conversas a posibilidade de non asistiren agás no caso de que a CRTVG reprogramase o debate para ofrecelo en horario de máxima audiencia. Non obstante, en sectores de socialistas e UP xurdiron receos sobre a conveniencia dun pronunciamento público das tres formacións en período electoral e con relación á propia ausencia.
A extrema dereita, o elefante no cuarto
Deste xeito, finalmente sentarán no plató do Bos Días Pablo Arangüena polo PSdeG, Marta González polo PP, Yolanda Díaz en representación de En Común-Unidas Podemos, Beatriz Pino por Ciudadanos e Néstor Rego polo BNG. Non estará Vox aínda que tivo oportunidade de facelo. Non en van, a formación de extrema dereita tamén recorreu o plan de cobertura da CRTVG para o 10N, que non a tiña en conta, e a Xunta Electoral da Coruña deulle a razón, abríndolle a porta dun treito dos bloques electorais do Telexornal e do propio debate.
Tras recorrer por considerarse inxustamente excluído, o partido de extrema dereita decidiu non acudir ao debate da CRTVG alegando problemas de axenda
Fontes consultadas por este xornal confirman que mesmo chegou a estar designada unha persoa para intervir no nome dese partido no debate, integrante da lista do partido por Ourense. Pero finalmente, tras litigaren para estaren presentes, decidiron non facelo alegando "motivos de axenda", segundo as mesmas fontes. A confirmación da ausencia chegaba este xoves, xornada na que o BNG lanzara unha campaña na plataforma change.org para reclamar que a extrema dereita, que non obtivo representación en ningunha elección en Galicia, non sentase nos medios públicos galegos.
Sexa como for, todo semella indicar que o ascenso electoral da extrema dereita que prognosticaron as sondaxes mentres foi legal publicalas -e que, segundo diversas fontes, seguen prognosticando as que non é legal publicar- e a súa eventual alianza co PP e Ciudadanos estará moi presente no debate matinal. Seguirá a ser o elefante no cuarto nun encontro televisivo que, a xuízo das forzas políticas diferentes do PP, foi situado nesa franxa matinal para que pase o máis desapercibido posible entre a audiencia.