Pasaban das dez da noite, o extravagante prime time das televisións españolas que segue onde estaba malia ás promesas, cando os líderes de PSOE, PP, Unidas Podemos, Ciudadanos e Vox se colocaron por tras dos atrís instalado para a ocasión nun xélido pavillón dos arrabaldes de Madrid. Alí foi onde, ante os receos dalgunhas forzas políticas pola televisión pública, a Academia de Televisión construíu un plató cunha acústica imposible para acoller o principal debate televisivo da campaña electoral das eleccións xerais do 10 de novembro.
Un orballo de mentiras sobre violencia machista ou inmigración, sobre sanidade pública ou nocións básicas de historia. Orballo do que semella que non molla pero enchoupa
O escenario foi a primeira das novidades do encontro. A segunda, que no centro do plató -correspondeulle o lugar por sorteo- estaba Santiago Abascal, líder de Vox, que dispuxo dun confortable altofalante para trasladar ao horario de máxima audiencia en televisión os lugares comúns que a extrema dereita neofranquista espalla dende hai anos en internet, xa sexa en redes sociais ou en sitios web afíns. Un orballo de mentiras sobre violencia machista ou inmigración, sobre sanidade pública ou nocións básicas de historia. Orballo do que semella que non molla pero enchoupa, coas comunidades autónomas como fonte de todo mal. Sen apenas retruque dos demais, citas falanxistas incluídas, mentres apostaba ás claras por dinamitar pola vía autoritaria o vixente modelo de Estado.
A extrema dereita guindou as redes á procura de ampliar o caladoiro nun debate televisivo atravesado pola cuestión catalá e co ausente Joaquim Torra como un dos nomes máis repetidos. O socialista Pedro Sánchez prometeu "diálogo", pero tamén máis dureza con promesas como recuperar a tipificación como delito das convocatorias de referendos irregulares, así como mudar a lexislación audiovisual para obrigar a elixir as direccións das televisións autonómicas por maioría de tres cuartos de cadanseus parlamentos -medida recentemente aprobada en Catalunya e tan vixente como incumprida en Galicia dende o ano 2011-.
O líder do PSOE quixo evidenciar ton presidencial como único garante posible dun "goberno forte", tamén para o electorado máis cara ao centro que noutrora ollou cara ao Ciudadanos dun Albert Rivera que semellou non atopar rumbo novo para evitar o naufraxio que lle prognostican as enquisas, cuxa publicación xa está prohibida. A sucesión de obxectos -entre eles, o que presentou como un anaco de lousa dunha rúa de Barcelona arrincada durante os disturbios de hai dúas semanas- e cartolinas fixo inaudible o seu discurso.
Sánchez apostou por colocarse como garantía de "goberno forte", pero tamén como garantía "progresista" fronte á "dereita covarde e á ultradereita agresiva"; Pablo Iglesias semellou ver libre o carril máis á esquerda
Con Sánchez colocado no centro, pero tamén presentándose como garantía "progresista" fronte á "dereita covarde e á ultradereita agresiva", o líder de Unidas Podemos semellou ver libre o carril máis á esquerda. Cando nos primeiros compases da emisión, o resto de partidos explicaba as súas propostas para frear o independentismo catalán, o anegaba todo, Pablo Iglesias aproveitaba para se referir a problemáticas doutros puntos do Estado como Galicia, Canarias ou Extremadura. Faríao máis veces durante a longa noite mentres reclamaba a Sánchez que apostase polo goberno de coalición de esquerda que non fraguou tras o 28A e instábao a non ter tentacións de pactar pola dereita, o que o líder do PSOE negou mentres afastaba esa eventual alianza con Unidas Podemos. Porque os separan posicións sobre Cataluña, salientou.
Alén de encerellarse con Rivera, Casado evidencia que se as contas lle dan, encabezará unha alianza apoiada nos escanos que obteñan C's e a extrema dereita
Coa coalición de esquerda practicamente desbotada, Sánchez fixo súa a chamada a "deixar" gobernar á "lista máis votada" -en referencia ao grupo máis numeroso do Congreso- no caso de que ninguén acade maioría de investidura. E a fixar ese precepto por lei mentres bosquexaba a estrutura dun novo goberno coa coruñesa Nadia Calviño á fronte dunha vicepresidencia económica. Non entrou abertamente á idea Pablo Casado, que alén de encerellarse con Rivera cando o líder de Ciudadanos axitou os casos de corrupción do PP, deixou claro pola vía dos feitos que se as contas lle dan, encabezará unha alianza apoiada nos escanos que obteñan Rivera e mais nos da extrema dereita. A mesma cuxo líder seguía a trasladar en prime time mentiras confinadas ata hai pouco na marxinalidade procurando facelas pasar por accesos de sentido común.
Eran máis das doce da noite cando comezou o bloque final do encontro, o de política internacional, que varios dos candidatos aproveitaron para coar ideas sobre outros eidos que non lles dera tempo a verbalizar nas dúas horas previas. Á unha menos dez rematou e as contas en redes sociais dos partidos participantes esforzábanse en proclamar cadansúa vitoria. O reflexo do acontecido nas enquisas -nas de intención de voto, non nas de nula utilidade en webs diversas- coñecerano as empresas que as realizan, os partidos que as sufraguen e algúns medios. Próxima parada, as urnas.