Persoal da CRTVG denuncia o "apagón informativo" da campaña electoral: "Iso non é servizo público"

Mobilización de persoal da CRTVG nun venres negro © Defende A Galega

No 76º venres negro, o persoal mobilizado da CRTVG denuncia o "apagón informativo" que, segundo din, impón a corporación na campaña electoral que deu comezo este sábado. Defende A Galega, colectivo que impulsa as protestas contra a manipulación informativa e pola creación do Consello de Informativos, uniuse ás queixas da oposición contra a compañía por "volver programar o único debate electoral ás 10 da mañá". 

Persoal mobilizado da CRTVG critica que se "volva programar o único debate electoral ás 10 da mañá: iso non é servizo público"

"Iso non é servizo público, é un apagón informativo", denuncian os traballadores e traballadoras que levan case ano e medio de mobilizacións en negro cada semana e que volveron deixar claras as súas reivindicacións nas redes sociais baixo o cancelo #VenresNegro76CRTVG, con fotografías outra vez de ducias de profesionais vestidos de loito.

Alfonso Sánchez Izquierdo e Alberto Núñez Feijóo CC-BY-NC-SA Ana Varela

Foi o pasado 29 de outubro cando a Xunta Electoral Provincial da Coruña deu conta no Diario Oficial de Galicia de que xa recibira o plan de cobertura redactado pola CRTVG para as eleccións xerais do 10 de novembro. Ao igual que en anteriores comicios, a práctica totalidade das formacións políticas agás o PP foron moi críticas coa Corporación por programar os seus debates electorais en horario de mañá. Concretamente, ás 10 da mañá e dentro do espazo Bos días, o que as forzas políticas da esquerda consideraron, unido á súa escasa promoción previa, un intento da canle por restarlle repercusión entre a cidadanía, tal e como despois manifestarían no Parlamento e este pasado venres na comisión de control dos medios públicos.

Malia ás críticas recibidas polas forzas políticas en anteriores comicios, a CRTVG programa un único debate electoral, no programa 'Bos días', o 8 de novembro ás 10 da mañá

Malia aquelas protestas, a corporación pública decidiu manter un plan moi semellante para o 10N en canto a formato e hora. Segundo o Plan de Cobertura remitido o pasado 25 de outubro pola CRTVG á Xunta Electoral, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a CRTVG prevé un único debate entre as forzas políticas que obtiveron representación polas circunscricións galegas no Congreso nas eleccións do 28A (PSdeG, PP, En Común-Unidas Podemos e Ciudadanos) e mais co BNG, por ter a consideración de "forza política significativa" pola súa porcentaxe de votos nas municipais -máis do 12%-.

Ese único debate durará 60 minutos e será emitido ao vivo pola TVG no Bos días do día 8 de novembro, ás dez da mañá e pola Radio Galega, encaixado no seu espazo matinal Galicia por diante. "Redifundirase nese mesmo día" pola G2, especifica o plan, "en horario de máxima audiencia", isto é, no prime time mentres a primeira canle da televisión pública emite o programa Luar. A G2 é tamén a canle elixida pola dirección da corporación para emitir os actos de inicio de campaña, dez minutos na media noite do 31 de outubro ao 1 de novembro.

Ás críticas do persoal mobilizado da CRTVG, que acumula máis de 17 meses de mobilizacións semanais, únense ás da oposición. Galicia En Común e BNG recorreron a decisión da corporación, á que acusaron de "vulnerar brutalmente o dereito da cidadanía galega a ter cumprida información" do proceso electoral ou "non querer contribuír á formación dunha opinión pública informada". 

“Canto menos se fale das eleccións, mellor porque non lles interesa a participación”, díxolle a deputada Noela Blanco ao director xeral da CRTVG

Noela Blanco, deputada do PSdeG, foi contundente na última comisión parlamentaria de control. “Canto menos se fale das eleccións, mellor; canto menos se trate, mellor porque non lles interesa a participación”, espetoulle ao director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, que reclama sempre que non se inclúa nas protestas a todos os profesionais da corporación e que denunciou que os deputados empreguen as súas intervencións polo "inicio da campaña". 

A deputada Blanco, en resposta, cualificou de "campaña" permanente a que a CRTVG estaría facendo a prol do PP. “Meten cun funil todo o que manden desde San Caetano porque todo é campaña. Todo ao servizo do PP, en campaña e fóra dela”, engadiu a parlamentaria socialista, que cualificou de “escandalosa” a cobertura electoral, en referencia á supresión das entrevistas na TVG, a emisión da pegada de carteis na G2 ou o feito de emitir ese único debate nun horario de escasa audiencia. 

Debate electoral na TVG previo ás eleccións xerais do 28A, o 16 de abril ás 10 da mañá © CRTVG

Xa o pasado mes de xuño, logo das eleccións do 28A, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, xustificara no Parlamento que "a idea de emitir os debates no Bos días é clara" é responde ao feito de que este "é o espazo no que se emiten os debates na TVG de luns a venres". "Faise -agrego- para comezar o día construíndo a axenda da actualidade e que os galegos e galegas sexan os primeiros en coñecer a opinión dos seus representantes", tendo "a mellor información e o máis actualizada posible". Ademais, agregara, "se un espectador ten verdadeiro interese nunha emisión, non vai atopala hoxe en día independentemente do horario?", preguntárase. 

Desde dentro das protestas, Defende A Galega insiste no nesgo informativo e na ausencia de "servizo público". "Construímos unha Galicia inexistente ao servizo do poder", denunciaba o colectivo nunha entrevista con Praza.gal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.