A Xunta Electoral Provincial da Coruña deu conta no Diario Oficial de Galicia deste 29 de outubro de que, segundo o estipulado na lei electoral, xa recibiu o plan de cobertura redactado pola Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) para as eleccións xerais do 10 de novembro. Os partidos políticos teñen agora a posibilidade de examinar o documento e, de ser o caso, reclamar se non concordan co seu contido.
En anteriores comicios, como as eleccións xerais de abril ou as municipais e europeas de maio, a práctica totalidade das formacións políticas agás o PP foron moi críticas coa CRTVG polo feito de programar os deus debates electorais en horario de mañá. Concretamente, ás 10 da mañá e dentro do espazo Bos días, o que as forzas políticas da esquerda consideraron, unido á súa escasa promoción previa, un intento da corporación pública por restarlle repercusión entre a cidadanía, tal e como despois manifestarían no Parlamento.
Malia ás críticas recibidas polas forzas políticas en anteriores comicios, a CRTVG programa un único debate electoral, encaixado no programa 'Bos días', para o 8 de novembro ás 10 da mañá
Malia aquelas protestas, a corporación pública mantén un plan moi semellante para o 10N en canto a formato e hora. Segundo o Plan de Cobertura remitido o pasado 25 de outubro pola CRTVG á Xunta Electoral, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a CRTVG prevé emitir un único debate entre as forzas políticas que obtiveron representación polas circunscricións galegas no Congreso nas eleccións do 28A (PSdeG, PP, En Común-Unidas Podemos e Ciudadanos) e mais co BNG, por ter a consideración de "forza política significativa" pola súa porcentaxe de votos nas municipais -máis do 12%-.
Ese único debate durará 60 minutos e será emitido ao vivo pola TVG no Bos días do día 8 de novembro, ás dez da mañá e pola Radio Galega, encaixado no seu espazo matinal Galicia por diante. "Redifundirase nese mesmo día" pola G2, especifica o plan, "en horario de máxima audiencia", isto é, no prime time mentres a primeira canle da televisión pública emite o programa Luar. A G2 é tamén a canle elixida pola dirección da corporación para emitir os actos de inicio de campaña, dez minutos na media noite do 31 de outubro ao 1 de novembro.
Recursos de UP e BNG e xustificación da CRTVG
O feito de que a dirección dos medios públicos opte por volver programar un debate electoral ás dez da mañá suscitou xa as primeiras críticas entre as forzas da oposición e cando menos dúas delas, En Común-Unidas Podemos e o BNG, optaron por recorrer formalmente o plan de cobertura ante a Xunta Electoral.
Fontes de En Común resaltan que para a formación "o plan vulnera brutalmente o dereito da cidadanía galega a ter cumprida información" do proceso electoral e "os principios máis básicos de pluralismo". "Non ofrecer entrevistas coas candidatas" -si haberá na Radio Galega- nin "un debate en horario de máxima audiencia" son, a xuízo de En Común, mostras da "violación dos dereitos" e "unha burla intolerable á cidadanía" e por iso, confirman, xa traballan nun recurso.
En Común-UP e o BNG presentarán cadanseus recursos ao plan de cobertura na Xunta Electoral por considerar que vulnera "os principios máis básicos do pluralismo" con decisións como "relegar á segunda canle" a emisión do inicio d da campaña ou situar o único debate "nun horario de ínfima audiencia"
Pola banda do BNG o seu coordinador de campaña, Rubén Cela, ratifica tamén a interposición dun recurso ao plan. "Non parece -di- que o obxectivo da dirección da TVG" sexa "contribuír á formación dunha opinión pública informada" como marca a lei, se opta por "suprimir as entrevistas" na televisión, por "relegar á segunda canle" a emisión do comezo da campaña ou por "emitir un único debate en horario de ínfima audiencia".
Lembra Cela que, a través dunha pregunta formal de toda a oposición no Parlamento, a propia compañía admitiu que o debate das xerais do 28A, emitido o 16 de abril ás 10 da mañá, obtivo unha audiencia do 2,8%. Os das eleccións municipais do 26M, "emitidos entre os días 13 e 22 de maio, tiveron unha audiencia do 0,1% ao 0,4%", resalta. Estas cifras "contrastan" para a formación con, por exemplo, a cota de pantalla dos debate electorais de TVE previos ao 28A, cun 11% no debate a seis e un 38,4% no que enfrontou os líderes de PSOE, PP, Podemos e Ciudadanos.
O director xeral da CRTVG defendera emitir os debates electorais ás 10 da mañá para "comezar o día construíndo a axenda da actualidade e que os galegos sexan os primeiros en coñecer a opinión dos seus representantes"
Fronte a argumentos semellantes tras as eleccións do 28A, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, xustificaba o pasado xuño no Parlamento que "a idea de emitir os debates no Bos días é clara" é responde ao feito de que este "é o espazo no que se emiten os debates na TVG de luns a venres". "Faise -agrego- para comezar o día construíndo a axenda da actualidade e que os galegos e galegas sexan os primeiros en coñecer a opinión dos seus representantes", tendo "a mellor información e o máis actualizada posible". Ademais, agregara, "se un espectador ten verdadeiro interese nunha emisión, non vai atopala hoxe en día independentemente do horario?", preguntárase.
Os tempos nos 'bloques electorais' dos informativos
Alén da previsión do debate e da emisión dos espazos de apertura e peche de campaña e dalgúns detalles sobre o especial que TVG e Radio Galega ofrecerán o propio día das eleccións, o Plan de Cobertura detalla tamén os tempos que corresponderán a cada partido nos espazos informativos, un que legalmente ten que ser proporcional á representación parlamentaria das formacións políticas. Este criterio foi rexeitado en numerosas ocasións por entidades profesionais como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, ao considerar que cos coñecidos como bloques electorais a Xunta Electoral e demais autoridades aplican "os criterios de emisión da propaganda electoral" a contidos que deberan responder á lóxica xornalística.
Por primeira vez na súa historia, o PP non será o que gozará de máis espazo e do primeiro lugar nos bloques electorais do 'Telexornal'
Sexa como for, nuns comicios máis os bloques electorais van existir en cada Telexornal e nos informativos da radio pública. Por primeira vez na súa historia, o PP non será o que gozará de máis espazo e do primeiro lugar neles, xa que a forza máis votada en Galicia nas pasadas eleccións xerais foi o PSdeG. Os socialistas contarán con algo máis de dous minutos en cada bloque electoral da TVG; seguiraos o PP cun minuto e 45 segundos, En Común-Unidas Podemos con algo menos dun minutos, Ciudadanos con 43 segundos e o BNG, con 22. Outras formacións aparecerán, alternativamente, durante dez segundos.