Os recluídos debates electorais da TVG apenas superaron o 1% de audiencia

Debate de Santiago © CRTVG

Os debates electorais terían que ser "un acontecemento social en si mesmo". Neles, o "criterio básico que debe primar é o do interese cidadán" e "polo tanto, as candidaturas que deben participar son aquelas que teñan interese informativo para a maioría dos electores" e os temas deberan ser "os que atinxan á veciñanza de cada localidade". Antes do inicio da campaña electoral o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lanzaba a súa proposta de debates electorais abertos e, con elas, expresaba estas liñas básicas que, a xuízo da entidade profesional, deberan rexir este tipo de encontros. Na banda oposta destes criterios están os debates organizados na Televisión de Galicia, constrinxidos polas ríxidas normas da Xunta Electoral e, ademais, recluídos na noite e na segunda canle, un cóctel que deu como resultado uns pobres datos de audiencia.

Como anunciara, a TVG emitiu un debate para cada cidade coa participación dos candidatos dos grupos que actualmente teñen representación nas sete grandes cidades. Os encontros emitíronse entre o pasado día 11 e este martes, todos ás once menos dez e cunha hora de duración, o que implicou que o seu remate se producise preto da medianoite. Ofrecéronse, ademais, pola G2, a segunda canle que non chega, nin de lonxe, á difusión que acada a primeira, cuxo seguimento entre a poboación implica, por exemplo, que o pasado sábado fose líder de audiencia cun 12% no prime time ou que o pasado día 11 o Telexornal Mediodía batese o seu propio récord de audiencia no que vai de ano, chegando ao 35,3%, segundo datos de Kantar Media difundidos pola CRTVG nos últimos días.

O debate máis seguido foi o de Pontevedra, cun 1,7% e os que tiveron menor audiencia foron os de Vigo e Santiago, cun 0,6%

Fronte a estas boas cifras de seguimento, a dos debates foi practicamente residual e a súa audiencia media apenas chegou ao 1%. Segundo puido saber Praza Pública o debate máis seguido foi o dos candidatos de Pontevedra, emitido o pasado luns, e quedou nun 1,7%, o que implica uns 20.000 espectadores. Os seguintes máis seguidos foron o de Ferrol, este martes, cun 1,6% -unhas 18.000 persoas- e o de Lugo, que o pasado día 14 concitou o interese do 1,4% das poboación que a esa hora estaba a ver a televisión en Galicia, arredor de 16.000 televidentes.

O resto dos debates ficaron por baixo do 1%. Así, tanto o de Ourense como o da Coruña tiveron un 0,9%. No caso da Coruña dáse a circunstancia, ademais, de que o alcalde e candidato do PP, Carlos Negreira, 'contraprogramouse' a si mesmo, toda vez que case ao mesmo tempo que se emitía o debate foi entrevistado en V Televisión, que esa mesma noite entrevistaba ao líder de Podemos, Pablo Iglesias. Na banda máis baixa do seguimento dos debates ubicáronse os dos candidatos de Vigo e o de Santiago, que competiu co Luar o venres 15. Ambos ficaron nun 0,6% de audiencia e con arredor de 7.000 e 6.000 espectadores, respectivamente.

Debate de Ourense, ao que non acudiu o candidato do PP © CRTVG
Os participantes no debate de Lugo, coa moderadora © CRTVG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.