Disque quen parte en cabeza cara a unha contenda electoral é quen máis ten que perder e que na carreira cara ás eleccións xerais do 28 de abril ese papel é o de Pedro Sánchez. Quizais por iso o líder do PSOE comezou o debate a catro en RTVE ao xeito de quen estrea zapatos, evitando esvarar e, sobre todo, esquivando as pozas.
Sánchez tardou en mudar os zapatos presidenciais polos que utilizou na súa vitoriosa campaña das primarias do PSOE. Fíxoo cando fustigou a Pablo Casado coa desafortunada intervención da súa fichaxe mediática por Barcelona, Cayetana Álvarez de Toledo, a respecto do consentimento das mulleres nas relacións sexuais. Tamén cando o animou a aclarar de que cor ten "manchadas as mans" por coincidir o sentido do voto do PP en máis dun cento de votacións con EH-Bildu, en referencia ás acusacións do popular a respecto dunha suposta connivencia do socialista coa disolta ETA. Non así cando evitou aclarar se volvería pactar con Ciudadanos.
O líder do PSOE comezou o debate en RTVE ao xeito de quen estrea zapatos, evitando esvarar e, sobre todo, esquivando as pozas
Casado deixou na porta os zapatos políticos que emprega dende que lidera o PP e os novos, os que potencialmente utilizaría se chegase a presidir o Goberno de España, apertáronlle durante toda a cita televisiva. O líder conservador quixo sobrevoar a lama presentándose como estadista e garante da unidade de España que non cre nunha "nación de naciones". E así foi como o terreo polo que adoita xogar ficou libre para Albert Rivera, líder de Ciudadanos, que alén de causar hilaridade cos seus trebellos entre o público que nunca o votaría, foi posiblemente quen aproveitou mellor a oportunidade para medrar no seu bloque, o da dereita. Entre marcos de fotos e cartóns-pluma, medrou.
Iglesias procurou evidenciar que un Goberno do PSOE que escore á esquerda por impulso de Unidas Podemos si lograría cumprir os aspectos sociais da Constitución
A existencia deses dous bloques, esquerda e dereita, foi unha das teses básicas das intervencións do cuarto contendente, Pablo Iglesias. Como en toda a campaña o líder de Unidas Podemos botou man dos artigos máis sociais da Constitución para procurar evidenciar que "non se cumpren" en materias como a vivenda digna ou a suficiencia das pensións, pero que un Goberno co PSOE que escore á esquerda por impulso da formación que el representa si lograría cumprilos.
Non semella, a priori, que Iglesias lograse un gran crecemento no bloque da esquerda. Tampouco entre o votante das áreas rurais malia ser o único dos contendentes que apelou directamente á necesidade de atender as áreas afectadas pola crise demográfica. Cando menos non a costa do PSOE. Se cadra, si un aquel de comezo de reconciliación con parte do electorado desencantado con Podemos nos últimos anos.
Aqueles dos que non falamos
Ao contrario do agardado -resta ver o debate deste martes en Atresmedia- nos discursos dos líderes de PP, PSOE, Unidas Podemos e Ciudadanos non houbo unha cantidade excesiva de referencias á formación de extrema dereita que, segundo os estudos, irromperá no vindeiro Congreso e podería completar unha alianza de goberno conservador. Pero Vox pairaba sobre o evento.
A formación de extrema dereita que pairou sobre o debate lograba encher amplamente o auditorio central do Palexco da Coruña pouco antes da cita televisiva
Mentres Casado, Sánchez, Iglesias e Rivera ían cara os estudios de TVE, o líder desoutro partido lograba encher amplamente o auditorio principal do Palexco da Coruña (1.480 asentos) para, entre 'vivas' á España e á Garda Civil, reiterar proclamas emocionais contra a dereita "covarde", contra o uso do galego por parte da Xunta ou contra a organización dos debates televisivos por non incluílo a el -por orde da Xunta Electoral-. "Los de ahí fuera gritan 'no pasarán'. Pues claro que pasamos, y pasaremos siempre", mofouse Abascal situándose na banda oposta á do célebre lema antifascista.
No debate de TVE, na campaña e nalgúns medios -neste, tamén- a escisión extremista do PP son "aqueles dos que non falamos". Como aqueles seres que condicionaban a vida dos personaxes da película The Village (Manoj Nelliyattu Shyamalan, 2004), dos que se contaba que eran criaturas horripilantes, crueis e sen piedade que, contra o final da historia, daban unha verdadeira sorpresa que non lles restaba maldade. Non estaban case nunca, pero realmente estaban todo o tempo.
Aqueles dos que non falamos desacougan coa mesma intensidade pero por motivos diferentes ás catro forzas que debateron en TVE e que volverán facelo en Atresmedia
Aqueles dos que non falamos desacougan coa mesma intensidade pero por motivos diferentes ás catro forzas que debateron en TVE e que volverán facelo en Atresmedia. Son unha incógnita, mesmo para as enquisas que dende hoxe é ilegal publicar, e temen non poder despexala ata que lles estoupe nos fociños na noite electoral. Como en Andalucía.
De Vox, así e todo, falouse máis que de Galicia -como, por outra banda, era de prever-. A política galega apenas recibiu dúas mencións colaterais; Sánchez lembrou que recibiu a Alberto Núñez Feijóo no mesmo escenario que ao catalán Joaquim Torra e Rivera cargou contra Casado porque en Galicia aínda existe o -rebaixadísimo- imposto de sucesións, que el promete suprimir por completo. O debate, non obstante, rematou cun "boa noite" do seu moderador, o xornalista pontevedrés Xabier Fortes, quen subliñou o labor dun persoal da televisión pública estatal que se viu recompensado cun moi bo dato de audiencia.